Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao quere que todos os meses haxa un evento cultural de relevancia na cidade de Lugo


# Xoves, 03/11/2011
O tenente alcalde avanzou as directrices que marcarán a programación cultural para o ano 2012, no que se manterán eventos xa consolidados e se introducirán outros novos

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Bao quere que haxa “de todo, para todos os públicos e a prezos asequibles”

O responsable de Cultura do Concello quere poñer en marcha de cara ao ano que vén en colaboración co resto de institucións e asociacións que traballan neste eido en Lugo unha axenda cultural única para aproveitar mellor os recursos existentes


A cidade de Lugo terá o vindeiro ano un evento cultural de relevancia cada mes. Así o anunciou hoxe o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, que avanzou esta mañá cales van ser as directrices da programación cultural de cara ao ano que vén, que estarán centradas en conseguir que haxa actividades variadas para todos os públicos e a prezos asequibles.

“Queremos que haxa calidade e diversidade e que cada mes haxa na cidade de Lugo un evento cultural de certa importancia”, afirmou Antón Bao. Para lograr este obxectivo a área de Cultura está a traballar nun calendario anual de actividades para 2012 que integra eventos xa consolidados como a Semana do Jazz, a Mostra de Teatro Clásico, a Semana Internacional de Cine, a Semana da Maxia, ou a Semana de Música, con outras de nova creación, como a festa do Samaín, celebrada este ano por primeira vez con notable éxito. “A idea é repartir durante todo o ano estas actividades”, dixo Bao, que puxo como exemplo a Semana da Maxia, que se traslada á primavera.

Bao dixo ademais que a súa intención é que a cidade conte cunha Axenda Cultural unificada que integre as actividades que organizan as distintas institucións e asociacións que traballan neste eido en Lugo. O responsable de Cultura do Concello puxo como exemplo de modelo a seguir o Programa Lugo Cultural, no que están tamén a Xunta, a Deputación e a Universidade, e avanzou que un obxectivo preferente do seu departamento será traballar “con todo o tecido asociativo que hai na cidade”. Bao asegurou que esa Axenda Cultural única e coordenada permitiría aproveitar recursos e sinerxias existentes.

Dinamizar o auditorio municipal

O responsable de Cultura do Concello tamén incidiu en que “é necesario dinamizar as instalacións culturais existentes” e citou expresamente o auditorio municipal Gustavo Freire, ubicado no parque de Frigsa. “De cara ao ano que vén queremos que teña moita máis programación, para que haxa aí actividades diversas para o público lucense máis días do ano e teremos que ver cal é o mellor xeito de conseguilo”, dixo o tenente alcalde nacionalista.

Tamén se referiu Bao á “incertidume” que supón para a programación cultural do vindeiro ano o que vai pasar coa obra social das caixas, agora convertidas en banco. “Non sabemos se o novo banco vai seguir apoiando a cultura e a realización da actividades culturais en Lugo como ata agora facían as caixas ou non”, admitiu. Tamén anunciou que haberá “rigor no investimento dos recursos públicos por parte do Concello” nos Orzamentos de Cultura do vindeiro ano, “sin que iso teña que supoñer que haxa menos actividades nin que estas sexan de peor calidade”, aclarou.

O MIHL e o Museo de Arte Contemporáneo Lucense

En relación ao Museo Interactivo de Frigsa, Antón Bao indicou que a súa apertura está prevista para o vindeiro ano. Neste momento, aclarou, estáse a rematar o proxecto museográfico co que vai contar. Dixo tamén que se analiza neste momento a posibilidade desas instalacións para acoller o Museo de Arte Contemporáneo Lucense, unha iniciativa que o tenente alcalde pretende levar a cabo nesta lexislatura como sala de exposición permanente da obra contemporánea de prestixiosos artistas lucenses do momento, como Mónica Alonso, Lomarti, Murado ou outros moitos.

Neste sentido, tamén demandou da Xunta de Galiza maior definición en relación co Museo da Romanización, un proxecto que neste momento se atopa parado. “Sería fundamental sabermos cando se vai poñer en marcha e que contidos vai ter ese Museo da Romanización, porque iso condiciona a todos os demais museos que hai na cidade, tanto aos museos arqueolóxicos municipais como ao propio Museo Provincial dependente da Deputación”, asegurou.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova