Imprimir

DÍAZ GRANDÍO PRESENTA A XII EDICIÓN DO CIRCUÍTO LARSA CORRE CON NÓS


4/11/2011 O Concelleiro de Deportes anunciou as datas do popular circuíto de carreiras, que terá a súa primeira cita o domingo 20 de novembro no Gregorio Pérez Rivera

As matrículas poderán facerse dende o 4 ata o 17 de novembro tanto en internet como na propia Concellería de Deportes

O Concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou hoxe a XII edición do Circuíto Larsa Corre con Nós, que inaugurará a temporada atlética lucense. No acto de presentación, o Concelleiro de Deportes estivo acompañado por diversos representantes das empresas patrocinadoras do evento, como Javier de Labra, Director de Divina Pastora Seguros, Pilar Santos, Xerente do Centro Cormercial As Termas, Jesus Méndez, representante de Caixa Rural Galega, Luis Lamas, Presidente de SOGAMA e Raúl Centelles, delegado comercial de Begano Galicia.

Díaz Grandío salientou que “con este circuíto o que se pretende é establecer hábitos saudables entre a nosa poboación, mantelos entre os que o teñen e facilitar que as persoas que non teñen como norma básica facer deporte se vaian involucrando a través destas actividades.”

Segundo anunciou o Concelleiro de Deportes, haberá un total de oito probas, que se disputarán ao longo do ano, intentando superar as 10.000 participacións que tivo o Circuíto Larsa Corre con Nós ao longo do ano pasado. José Manuel Díaz Grandío destacou “o progresivo incremento de participantes que cada ano ten o circuíto, que xa é sen dúbida, un referente do atletismo popular galego e nesta ocasión fixéronse algunhas modificacións nos circuítos incorporando os polígonos das Gándaras e de San Fiz buscando unha maior seguridade sobre todo para os atletas máis pequenos”.

O circuíto, como o ano pasado, distribuirase en sete carreiras puntuables para adultos e oito para os máis cativos.

As citas serán as seguintes:

Domingo 20 de Novembro - Pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera
Domingo 18 de Decembro – X Carreira Solidaria Lugo Monumental (Solo válida para o circuíto Larsa CCNOS dos menores)
Sábado 14 de Xaneiro de 2012 - Nocturna de Reis (saída Polígono de As Gándaras)
Sábado 11 de Febreiro - Avenida Infanta Elena e Parque Paradai
Domingo 4 de Marzo - Barrio de San Fiz
Domingo 15 de Abril - Centro comercial As Termas Circuíto asfalto-terra
Domingo 20 de Maio - Parque Recinto Feiral
Domingo 10 de Xuño- (Final Menores) - Pistas Ciudad Cultural
Domingo 17 de Xuño - (Final Adultos) - Parque de Frigsa

As categorías menores que discorren entre os nados entre 1995 e 2006, competirán nas categorías Mini, A, B, C e D, con distancias comprendidas entre os 500 metros e os 3 kilómetros. Para as categorías adultas, cuxas idades están entre os nados en 1994 e anteriores, as distancias variarán entre os 4,5 kilómetros e os 6,5 kilómetros, dependendo do circuíto.

As inscricións comezan hoxe venres día 4 de novembro a través de Internet; na web do Corre con Nós para os menores e na web de Championchipnorte para os adultos. As inscricións presenciais poderán facerse na Concellería de Deportes, situada na Piscina Municipal de Frigsa, ou nas oficinas de Divina Pastora Seguros, na rúa da Raíña 18, 2ºB. As inscricións poderán realizarse ata o vindeiro día 17 de novembro.

Máis información:
www.lugo.es > casadoconcello > concellerías > deportes
www.championchipnorte.com