Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo recibirá ás figuras máis relevantes do jazz actual durante o XXI Festival de Jazz


# Luns, 07/11/2011
Celebraranse un total de 18 actuacións e unha master class entre o 12 e 0 19 de novembro

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O público lucense terá a oportunidade de ver ao mítico batería de Charlie Parker, Roy Haynes, lenda viva do jazz

O Festival de Jazz de Lugo xa cumpre vinteún anos coa renovada ambición de traer a Lugo ás figuras máis importantes do jazz actual tal e como indicou o representante de Escobijazz, José Luis Díaz ao afirmar que “con esta edición estamos especialmente orgullosos porque se trata dun dos mellores programas dos últimos anos”. A presentación oficial do programa celebrouse este luns, 7 de novembro de 2011, no Salón de Actos da Fundación NovaCaixaGalicia e nela, o Tenente-Alcalde responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao destacou que “este certame sitúa a Lugo no panorama internacional ao convidar aos músicos e ás bandas de maior relevancia do jazz”. O edil nacionalista engadiu que “cabe destacar que o Festival de Jazz de Lugo convértese nunha extraordinaria plataforma para os músicos do jazz galego, pois comparten cartel con figuras de renome internacional”. Entre esas grandes figuras destaca o mítico batería de Charlie Parker, Roy Haynes, que é unha auténtica lenda viva do jazz e está considerado o batería vivo máis importante da escena jazzística. Acumula máis de sesenta anos de traxectoria musical e será unha oportunidade única para o público lucense ver en vivo a súa actuación xunto a Fountain of Youth Band.

Tamén sorprenderá aos amantes do jazz a banda Dhafer Youssef Quarter, liderada polo tunesino Dhafer Youssef e que fusiona con exquisito equilibrio o jazz coa música tradicional sufí. A mestura tamén caracteriza as composicións de Lizz Wright, que a pesar da súa xuventude (nacida en 1980) está considerada unha das voces con máis personalidade do jazz contemporáneo. Os seus rexistros abranguen o gospel, o folk jazz e o jazz tradicional e, dende que se deu a descubrir no ano 2002 nun concerto de homenaxe a Billie Hollyday, editou tres álbums.

O cuarto nome de referencia do jazz internacional é Mezzoforte, unha das bandas de jazz contemporáneo e funk máis poderosas do panorama musical. Xa contan cunha dilatada experiencia, dende que en 1974 catro amigos xuntáronse en Reykjavic unidos polo seu amor á música funk. Dende entón, xa publicaron doce discos e ofreceron máis dun millar de concertos por máis de corenta países. A Lugo chegan co seu último traballo “Volcanic”, composto nunha cabana do sur de Islandia, onde se concentraron para acadar un estado sereno que transmitiron ás súas composicións.

Respecto ao jazz galego, destaca a presenza de Marcos Pin, un lucense que presentará o seu proxecto Factor-E-Reset o que tamén colabora outro lucense, Toño Otero. Marcos Pin é unha referencia da escena jazzística galega, na que tamén destaca o guitarrista vigués Felipe Villar, que chega a Lugo acompañado polo seu cuarteto. Outros nomes que figuran no cartel do Festival son Latin Jam, Chema Sáiz Trío, Citric, Telmo Fernández Trío, Quarteto Mínimo, Chupaconcha, Silvia Pérez Cruz & Javier Colina Trío, César Cardoso Quintet, Esther Ovejero Quintet, Organic Collective e The Bee’s G.T. Organ Trío.

En total, este ano celebraranse 18 concertos e unha master class entre o 12 e o 19 de novembro e os escenarios escollidos son o Círculo das Artes, a Casa do Saber da USC e o Club Clavicémbalo.


A Asociación de Amigos do Jazz “Escobijazz” é o colectivo que organiza dende o ano 1990 o Festival de Jazz de Lugo e conta coa colaboración da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Caixa Galicia, a Deputación Provincial e a Universidade de Santiago de Compostela. Cabe destacar que o Festival de Jazz de Lugo é o decano dos que se celebran en Galicia e que polas súas anteriores edicións pasaron artistas do renome de Ron Carter, Lee Konitz, John Scofield, Kenny Garret, Roy Hargrove, Mike Stern, Tom Harrell, Yellowjackets, Avishai Cohen, James Carter, Metro, Patricia Barber, Christian McBride, Marc Copland, Philip Catherine, David Sánchez, Greg Osby, Mark Turner, Horacio " El Negro” Hernández, Chano Domínguez, Jorge Pardo, Pedro Iturralde, etc.; que se mantén á cabeza dos festivais galegos e que recolle a gran diversidade de estilos e tendencias que configuran o jazz actual.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova