Cargando....
Concello de Lugo
16/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta o cuarto libro da colección Traballos de Arqueoloxía adicado ás Ánforas romanas de Lugo


# Mércores, 09/11/2011


Imaxe Asociada
A investigación demostra que a alta sociedade de Lugo consumía produtos de luxo procedentes de lugares tan lonxanos como Anatolia ou as costas do Mar Exeo

Tamén se documentou a existencia de ánforas fabricadas en Lugo e en Bueu


O Concello vén de editar un estudo sobre as Ánforas romanas de Lugo, que é o cuarto libro da colección Traballos de Arqueoloxía no que se estudan os achádegos das escavacións arqueolóxicas feitas na cidade nos últimos vintecinco anos.

O libro foi presentado hoxe polo Alcalde, José López Orozco; a Xefa do servizo municipal de Arqueoloxía, Covadonga Carreoño; e o arqueólogo Enrique González, que é un dos coordinadores da publicación xunto co profesor da Universidade Autónoma de Barcelona César Carreras Monfort e o profesor da Universidade do Miño da cidade portuguesa de Braga Rui Morais. Neste traballo de investigación, que se vai presentar nunha conferencia que terá lugar mañá na Casa do Concello, colaboraron outros destacados expertos internacionais como Pilero Berni Mollet, Horacio González Cesteros e Pau de Soto Cañames.

O Alcalde destacou que este libro “recolle investigacións sobre as ánforas atopadas nas escavacións feitas na cidade” e subliñou que traballos coma este “axúdannos a coñecer mellor a historia de Lugo e dan fe da importancia que tiña a cidade á que chegaban produtos do Oriente, sobre todo aceite e viño, para alimentar ós primeiros poboadores”. López Orozco tamén indicou que os arqueólogos do Concello “xa teñen na súa mente outros estudos que se publicarán no futuro porque Lugo aínda agocha segredos do seu pasado que están pendentes de revelar”.

Ademais o Alcalde destacou o carácter internacional desta publicación que dá a coñecer tanto ós especialistas como ó público en xeral a valiosa información que aporta o estudo dos restos das ánforas romanas sobre aspectos como os fluxos comerciais e o xeito de vida da época, entre a fundación da cidade e finais do século I.

Pola súa parte, o arqueólogo Enrique González explicou que do estudo das ánforas sacouse información de grande relevancia sobre a economía romana e as rotas comerciais e tíranse importantes conclusións sobre o transporte ata Lugo de produtos chegados doutros lugares como viño, aceites, olivas ou salgaduras, e tamén sobre os gustos dos lucenses da época.

González indicou que os materiais estudados poñen de manifesto información de interese como o feito de que “a alta sociedade consumía produtos de luxo, como algúns aceites ou viños das costas do Egeo ou das costas itálicas que chegaron á cidade antes da masiva produción de viños da Bética (Andalucía) ou das costas tarraconenses”, que eran de luxo tanto pola súa calidade como polo enorme custe que implicaba o seu traslado.

O estudo tamén permitiu detectar produtos de lugares tan lonxanos como aceites procedentes das costas de Anatolia e ademais axudou a documentar a existencia de alomenos dúas formas cerámicas que foron fabricadas en Lugo e tamén se atopou outro tipo de produción de ánforas que está documentada en Lugo e procede duns alfares de Bueu.

Os materiais empregados nesta investigación proceden de materiais seleccionados dos que se atoparon en vintesete escavacións arqueolóxicas feitas en Lugo.

A Xefa do servizo municipal de Arqueoloxía destacou que os achádegos arqueolóxicos de Lugo aportaron tal volume de información que “a nivel de investigación aínda estamos comezando e temos material para estudar moitos anos”. Carreño dixo que están moi adiantadas as investigacións sobre os controis arqueolóxicos de todas as obras que fixo o Concello nas rúas do Casco histórico, que deron moita información, entre elas o estudo do Foro, e dixo que tamén se está traballando coa actuación que se fixo no Castro da Piringalla.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova