Imprimir

LÓPEZ OROZCO INAUGUROU A III XUNTANZA DE ALUMNADO MEDIADOR EN LUGO


11/11/2011 Trátase dun evento que se realizou por primeira vez na cidade lucense e que ten como protagonista ao sector do alumnado

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, participaron na apertura da III Xuntanza de Alumnado Mediador baixo o lema de Novas Formas de Liderado e Resolución de Conflitos”. A encargada da actividade é Carmen Díaz Simón coordinadora do polo programa VIVIR XUNTOS, CONVIVIR promovido pola Concellería de Educación e orientadora do IES Lucus Augusti.

López Orozco explicou aos alumnos a importancia que a resolución de conflitos ten xa que “nesta época máis difícil economicamente, xorden máis conflitos a nivel familiar, veciñal e de barrios polo que é super importante poder contar con persoas que teñan coñecementos para intentar resolver eses problemas.” O Alcalde tamén se referiu á necesidade de que “os máis novos esten sempre dispostos a colaborar e mediar en conflitos a pequena escala para poder exercer unha democracia real.”

Pola súa parte, a Concelleira de Educación fixo fincapé en que “estamos aquí para aprender a solucionar pacificamente os conflitos, vainos valer como educación e como formación para ser futuros cidadáns cunha forma de vivir, de actuar e de pensar máis democrática e respectuosa.”

A cidade de Lugo foi a primeira en acoller un evento de estas características onde o sector do alumnado é o protagonista aínda que sempre acompañado polo profesorado e que se están a levar a cabo na Residencia Xuvenil Lug II.

Esta xuntanza ten como obxectivos dar voz aos alumnos, que son os verdadeiros protagonistas da convivencia nos centros, e potenciar que eles asuman a súa corresponsabilidade na xestión dunha convivencia democrática. Outro dos temas cos que se traballa é en mellorar a formación do alumnado mediador, a través da relación entre iguais, compartindo coñecementos e experiencias dos diferentes centros para poder poñelas en práctica.

Nesta xuntanza participaron centros educativos dos concello de Lugo, Palas de Rei, Guntín, Friol, Castroverde, Monterroso, Viana do Bolo, Fisterra, Vigo ou Coruña.