Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo é o único que participa nunha Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras


# Mércores, 16/11/2011
O Alcalde participou na presentación de Redincuba que facilitará a colaboración de oito viveiros de empresa de Galicia nos que se desenvolven 341 proxectos empresariais

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Concello de Lugo participa nesta asociación canda as tres universidades galegas, a Fundación CEL, o Parque Tecnolóxico de Galicia, a Cidade Tecnolóxica de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo

O Concello de Lugo é o único de Galicia que participa na Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras, Redincuba, que se constituíu esta mañá, nun acto celebrado en Santiago de Compostela . O Alcalde, José López Orozco, tomou parte na sinatura da acta fundacional da Asociación que se presentou hoxe e da que forman parte xunto co Concello de Lugo, as tres Universidades galegas, o Parque Tecnolóxico de Galicia, a Cidade Tecnolóxica de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Fundación CEL. O Concello de Lugo participa nela a través do Centro de Empresas e Innovación, CEI-Nodus.

López Orozco destacou o feito de que Lugo sexa “o único concello de toda Galicia que está nesta rede de institucións galegas, que temos algo tan necesario neste momento económico como son os viveiros de empresa e os centros de emprendedores”. O Alcalde tamén indicou que a Asociación nace para “comunicarnos e poder facer cada día mellor o noso traballo de apoio ós emprendedores e tamén poder aproveitar as sinerxias no labor que facemos para favorecer o nacemento de novas empresas que dean traballo ós galegos”.

O nacemento desta Asociación supón a creación dun importante mecanismo de cooperación do que se beneficiarán as 341 empresas que forman parte destes oito viveiros de empresas.

A importancia que teñen para a economía galega as incubadoras de empresas como o CEI-Nodus queda en evidencia cos datos de supervivencia das empresas que se crean ó seu abeiro xa que o 91% das iniciativas empresariais que saen destes viveiros están consolidadas catro anos despois mentres que a porcentaxe baixa ó 50% no mesmo período de tempo no caso dos proxectos empresariais que nacen fóra dos viveiros.

A Asociación Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras, persegue entre outros obxectivos,  "contribuír a incrementar e dinamizar a actividade económica, favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio mellorando o emprego". Así mesmo, a Asociación traballará na defensa dos intereses xerais das incubadoras asociadas e do conxunto do sector, reclamará dos organismos competentes a promoción, creación e mantemento das incubadoras empresariais e procurará a mellora da produtividade das empresas promovidas.

O presidente de Redincuba será o Reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e como vicepresidentes actuarán os reitores de Vigo, Salustiano Mato, e da Coruña, José María Barja. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, será un dos vogais da entidade. Canda el ocuparán cargos de vogais o Presidente Executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla; e representantes do Parque Tecnolóxico de Galicia, da Cidade Tecnolóxica de Vigo e do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

A sede da Asociación será o Edificio Emprendia, no Campus Vida da Universidade de Santiago, onde tivo lugar a presentación da Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras. 
 
CEI-Nodus cei.lugo.es

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova