Imprimir

ANTÓN BAO RECLAMA Á XUNTA A LIMPEZA DA MURALLA ÁS PORTAS DO ANIVERSARIO DA SÚA DECLARACIÓN COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE


16/11/2011

O tenente alcalde denuncia que “xa non hai escusas para non ter acometidos estes traballos” e pídelles aos concelleiros do PP “que se pasen dar unha volta para ver como está o monumento máis emblemático da cidade por falta de atención da Xunta”

Luis Álvarez informa de que o PP visitou hoxe as instalacións do ciclo da auga e denuncia que os populares cuestionan permanentemente os servizos públicos

O Concello aporta 35.000 euros para a iluminación de Nadal en 22 rúas da cidade


O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, denunciou hoxe que ás portas da celebración do 11º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, que se conmemora o vindeiro 30 de novembro, a Muralla segue sen limpar. Bao pediulle á Xunta que acometa estes traballos de xeito inmediato e sen máis demora e acusou ao Goberno do Partido Popular de “desatender o monumento máis emblemático da cidade de Lugo”.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno e a preguntas dos xornalistas, o tenente alcalde afirmou que “non caben xa máis escusas, agora non hai paxaros aniñando, como dixeron na primavera, a Muralla tiña que estar xa limpa a estas alturas”. Antón Bao lembrou que as competencias sobre mantemento e conservación do monumento son da Xunta de Galiza e reprochoulle ao PP que teña a Muralla “chea de herbas e sen luz, peor ca nunca”. “Quizais pensan que os cidadáns a quen lle van botar as culpas é ao Concello e por iso non a limpan”, argumentou.

Tamén se pronunciaron Antón Bao e o Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, sobre as críticas continuas do Partido Popular ao traballo do Goberno municipal. Bao dixo que “o PP está na oposición e van mirar todo con gafas negras”, algo que achacou a que “o PP aínda non dixeriu que non gañou as eleccións en Lugo”. “Pero eu non vou arremeter contra o PP porque son eles os que están na oposición, onde os puxeron os lucenses”. Recomendoulles, iso si, aos concelleiros do PP “que vaian dar unha volta á Muralla e miren como está”.

Visita do PP ás instalacións da auga

Luis Álvarez tamén informou de que o Partido Popular efectuou hoxe a visita que solicitara ás novas instalacións do ciclo da auga. Álvarez comentou ironicamente esta visita ó sinalar que “o PP procedeu a unha inspección rigorosa como só eles son quen de facer e estamos á espera do resultado desa inspección aínda que non podemos esperar unha valoración benevolente por persoal tan altamente cualificado xa que como sabían o que ían buscar non terían problema para atopalo”. Álvarez tamén destacou que o PP ten “sete persoas que cobran da institución municipal pero non están por colaborar co Concello senón que están cunha dinámica permanente que consiste en sementar dúbidas respecto dos servizos públicos”.

Iluminación de rúas no Nadal

O tenente de alcalde e Concelleiro de Cultura tamén deu conta da aportación por parte do Concello de 35.000 euros para a iluminación de Nadal. Serán iluminadas as principais rúas comerciais da cidade de Lugo, 22 en total, co obxectivo de “estimular o comercio e reactivar a economía local”, explicou Antón Bao. Neste proxecto, que se leva a cabo coa colaboración do Concello e a Federación de Comercio, participan as tendas e negocios de hostalería das principais rúas comerciais tanto do centro da cidade como de distintos barrios.

Co obxectivo de reducir a factura enerxética, que tamén pagará o Concello, empregaranse bombillas led de baixo consumo. A iluminación estará acendida dende o vindeiro 1 de decembro ata o día de Reis e incluirá as seguintes rúas: Progreso, Montevideo, Bolaño Ribadeneira, Bispo Aguirre, Cruz, Bispo Basulto, Nova, San Pedro, Conde Pallares, Doutor Castro, Raíña, Xoán Montes, Praza do Campo, Miño, Quiroga Ballesteros, Campo Castelo, Camiño Real, San Froilán, Nóreas, Fontiñas, Montero Ríos, Arenal e as Galerías comerciais da Praza Maior e Campo Castelo.

Vixilancia no Fogar do transeúnte

A Xunta de Goberno aprobou na súa reunión de hoxe a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de vixilancia no Fogar do transeúnte, segundo informou Luis Álvarez. O prezo do contrato é de 106.360,45 euros, IVE incluído, e o prazo do mesmo de dous anos, con posibilidade de prorrogalo ata un máximo de catro anos.
O servizo prestarase todos os días do ano en horario de 13.00 a 14.30 horas e de 19.00 a 9.00 horas.