Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo rodeará cunha corda a súa Muralla para celebrar o aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade


# Martes, 22/11/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua presentou hoxe as actividades que se celebrarán en torno ao 30 de novembro, que buscan ser “unha festa de toda a cidade na que se impliquen todas e todos os lucenses”

Haberá xornada de portas abertas en todos os museos da cidade, agasallo de libros, un acto colectivo de homenaxe á Muralla e magostos e música todo ao redor do monumento romano

Nos días previos expertos procedentes de outras cidades Patrimonio da Humanidade porán en común experiencias e modelos a aplicar para a posta en valor da Muralla como atractivo cultural e turístico


Lugo rodeará o vindeiro mércores a súa Muralla cunha corda de dous quilómetros e medio de longo para lembrar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá os actos organizados para celebrar o XI aniversario desta declaración por parte da UNESCO, que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000.

A celebración levará este ano por lema ACórdaTe da Muralla e pretende, segundo explicou Bao, “chamar a atención entre os cidadáns de Lugo sobre o valor do noso monumento máis emblemático e sobre a necesidade de coidalo e preservalo, e chamar a atención fóra de Lugo sobre o feito de que a nosa cidade conta cun monumento de magnitude internacional, que está declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade”.

O tenente alcalde nacionalista dixo que a celebración deste ano será “unha celebración colectiva”. “É un día importante para Lugo e queremos celebralo con todos os lucenses, queremos que este aniversario, esa homenaxe anual á Muralla, sexa a máis colectiva de todas, queremos que as e os lucenses sexan os verdadeiros protagonistas desa celebración”.

O acto central deste aniversario terá lugar o vindeiro mércores, 30 de novembro, a partir das seis e media da tarde, cando dende o tramo peonil da ronda da Muralla sairán dous extremos dunha corda de dous quilómetros e medio de longo que rodearán a Muralla. Antón Bao convidou hoxe a todos os cidadáns de Lugo a participar neste acto e agarrarse a esa corda que rodeará a Muralla. Dous ciclistas galegos, Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso, conducirán as dúas puntas da corda e cortarase o tráfico na ronda da Muralla para que os lugueses e luguesas poidan facer este percorrido acompañando aos ciclistas ben sexa a pé ou en bicicleta.

Magostos e música en todas as portas da Muralla

Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. Haberá reparto de castañas de balde e actuacións musicais en todas as portas da Muralla e máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano.

Durante todo o día haberá tamén xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallarase con libros a todos os visitantes que ese día visiten os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.

Xornadas sobre as posibilidades de futuro da Muralla como atractivo turístico

Para complementar a propia festa do día 30 de novembro, o programa de actos organizado pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua complétase nos días previos con distintos foros e xornadas nas que se analizará a importancia da Muralla para a cidade e as súas posibilidades como atractivo cultural e turístico. “Queremos falar de futuro, non queremos estar todo o tempo falando do pasado, da importancia que tivo a Muralla na época dos romanos, do que foi; queremos falar de futuro, do que ten que ser e do que ten que significar a Muralla para o despegue de Lugo cultural e turístico de Lugo”, argumentou Antón Bao.

Para iso, o martes 29 reuniranse en Lugo expertos en xestión cultural e turística procedentes doutras cidades Patrimonio da Humanidade para poñer en común experiencias que se poidan aplicar tamén a Lugo. Entre as persoas que asistirán a esta mesa redonda, que terá lugar ás 8 da tarde no Museo Provincial, estarán o xefe de arqueoloxía de Tarragona ou un representante da empresa de turismo de Segovia, que levan moitos anos traballando na posta en valor do patrimonio nestas cidades.

O día antes, o luns 28, a partir das seis da tarde e tamén no Museo Provincial, os historiadores Adolfo de Abel Vilela e Enrique Alcorta falarán da Muralla de Lugo e da súa importancia a través do tempo para que los lucenses tomen conciencia do valor que ten para Lugo contar con un monumento desta importancia.

Tamén dentro destas xornadas, o día 30 pola mañá representantes de diversos Concellos galegos e portugueses integrados no proxecto transfronteirizo de Cidades Amuralladas, financiado pola Unión Europea e que está liderado polo Concello de Lugo, exporán os seus respectivos proxectos. Terá lugar no CEI, ubicado no antigo cuartel de Garabolos, e participarán os Concellos de Santiago de Compostela, Cámara de Monçao, Cámara de Valença do Minho, Cámara de Melgaço e Concello de Lugo.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova