Imprimir

JOSÉ LÓPEZ OROZCO FAI ENTREGA DOS PREMIOS DOS CERTAMES DE FOTOGRAFÍA E DESEÑO GRÁFICO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


23/11/2011 Con este acto deron comezo as actividades programadas para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de Xénero que terá lugar o venres 25

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre e a Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, fixeron entrega dos premios do II Certame de fotografía Revelando o Machismo e de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero e inauguraron a exposición que recolle todas as obras participantes en ambos certames.

No caso do concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero presentáronse 12 carteis, todos da cidade e nos que se valorou sobre todo o impacto do lema que contén. A obra gañadora é de Sara Silvar Leira e leva por título Mulleres Libres!!. O premio está dotada con 600 euros. No II Certame de fotografía Revelando o Machismo, presentáronse 16 traballos chegados de diferentes puntos de España que trataban de plasmar en imaxes a desigualdade entre homes e mulleres. Nesta categoría o gañador foi unha fotografía do alacantino Manuel López Francés, que leva como título ¿¿Compra para todos?? e que non puido asistir ao acto. O premio tamén está dotado con 600 euros.

Carmen Basadre destacou que “é importante chegar a todas partes para concienciar e sensibilizar sobre un tema contra o que temos que loitar” ademais de lembrar que “este ano, como en anteriores, imos instalar na entrada do Concello un libro para que todas as persoas que o desexen escriban palabras en contra da violencia de xénero.”

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude tamén explicou que o xoves 24 de novembro terá lugar unha xornada co título de Análise da custodia compartida e o SAP, dividida en dúas conferencia e nunha mesa redonda. No primeiro dos casos comezará as 09:45 horas e impártea Rosa Méndez Vila, membro do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller. A segunda delas será as 12:15 horas e será impartida por Altamira Gonzalo Valgañón, avogada e ex-presidenta da Fundación THEMIS de Mulleres Xuristas. Xa pola tarde, as 19:00 horas, dará comezo unha táboa redonda sobre A custodia compartida imposta: pros e contras, na que intervirán Jesús García Calderón, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, Estela San José Asensio, maxistrada do Xulgado de Instrución nº 3 de Lugo, José Antonio Sampayo Moure, Xefe da Sección da Clínica Forense do IMELGA de Lugo, representantes dos grupos políticos e representante da Asociación Enriqueta Otero. Estas actividades terán lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.

O venres 25 de novembro ás 12:00 horas, levarase a cabo a tradicional ofrenda floral na praza de Santo Domingo como homenaxe ás mulleres vítimas de violencia ademais da lectura dun comunicado elaborado polo membros do Foro de Igualdade.