Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os grupos de traballo entregaron hoxe os informes á Comisión técnica da Auga que se volverá reunir o día 29


# Mércores, 23/11/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
González Dopeso anunciou que agora os membros da Comisión farán as súas achegas para a elaboración da memoria sobre o modelo de xestión integral do ciclo da auga

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, informou sobre a reunión que celebrou hoxe a Comisión técnica que se encargará de facer a memoria sobre a xestión integral do ciclo da auga.

Na reunión de hoxe presentáronse os informes elaborados polos grupos de traballo social, xurídico e económico-técnico e agora os membros da Comisión farán as súas achegas para a elaboración da memoria sobre o modelo de xestión do ciclo da auga que se elevará ó Pleno da corporación.

“É máis fácil traballar sobre un documento base que sobre unha idea abstracta e agora todos poderán facer achegas a este documento, serán benvidas as aportacións que fagan todos os servizos e todos os membros da Comisión”, manifestou González Dopeso.

O Concelleiro de Medio Ambiente defendeu a xestión do ciclo integral da auga mediante a creación dunha empresa mixta con maioría de capital municipal, a mesma fórmula que xa funciona con éxito noutros concellos.

O obxectivo que persegue o modelo de xestión integral do ciclo da auga a través dunha empresa mixta con maioría de capital municipal é prestarlle o mellor servizo ós lucenses e coa máxima calidade, evitando que se produzan subas bruscas no prezo do servizo, explicou González Dopeso.

O Concelleiro tamén indicou que, coa actual xestión, os ingresos do ciclo da auga non son dabondo para pagar todo o custe destes servizos polo que considerou necesaria a súa racionalización o que “vai ser un alivio económico para o Concello, non unha carga”.

González Dopeso anunciou que a próxima reunión da Comisión terá lugar o vindeiro día 29.

A Comisión técnica para a elaboración da memoria da iniciativa do Concello na actividade económica relacionada coa xestión do ciclo da auga, que preside o Alcalde, constituíuse o pasado mes de outubro e está formada polos concelleiros de Economía, Medio Ambiente e Infraestruturas, representantes dos grupos políticos do Concello e por técnicos dos servizos municipais de Medio Ambiente, Enxeñería, Intervención, Contratación, Asesoría Xurídica, Persoal e Electromecánicos.

A Comisión organizase en catro grupos de traballo: social-demográfico, xurídico, económico-técnico e de supervisión legal.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova