Cargando....
Concello de Lugo
09/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A cidade de Lugo descobre hoxe outro tesouro do seu patrimonio histórico


# Xoves, 24/11/2011
Esta tarde inaugúrase a ventá arqueolóxica da piscina romana de Santa María

O Concello recuperou a piscina do século IV, que estaba soterrada, grazas ó Plan Urban

A cidade de Lugo recupera dende hoxe unha nova testemuña do seu pasado romano. O Alcalde, José López Orozco, acompañado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entre outras autoridades, inaugurará ás 18.30 a ventá arqueolóxica da piscina romana de Santa María.

A piscina romana permaneceu soterrada durante séculos e agora sae a luz para que todos os lucenses e quen nos visite a poidamos ver grazas á iniciativa do Concello que contou cos fondos do Plan Urban para a súa recuperación e posta en valor.

Este valioso monumento quedará á vista a través dunha ventá arqueolóxica que se instalou despois dos traballos de recuperación que fixeron os restauradores.

A recuperación da piscina romana contratouse por case 105.000 euros á empresa Terra Arqueos e o proxecto foille adxudicado a Tomos Conservación y Restauración en case 18.000 euros.

O monumento é unha piscina da época tardorromana, do século IV despois de Cristo. A súa planta é rectangular conta con dous ábsides e conserva un escalón de acceso. Ten unhas dimensións aproximadas de 3,5 por 1,80 metros e capacidade para case que 4.000 litros de auga. Sobre a súa orixe barállanse dúas teorías, unha delas apunta a que se trataría dun baptisterio e a outra considera que se trataría dun complexo termal dunha vivenda privada. Os arqueólogos tamén consideran que é posible que a piscina chegara a ter outros usos en épocas posteriores e que mesmo puido ser usada na última época como fonte pública ó aire libre.

Dende 1960 sabíase da existencia dunha piscina romana soterrada na praza de Santa María. Foi descuberta durante as obras que dirixiu o arquitecto Pons Sorolla para eliminar as humidades da Catedral nas que rebaixou o solo da praza. Daquela non foi posible excavar o xacemento, e optouse por cubrilo con area para asegurar a súa conservación. Durante esas obras retiráronse algúns fragmentos de mosaico do revestimento interior da piscina que foron depositados no Museo Provincial e que agora se reintegraron ó monumento.

No ano 2004 fixéronse unhas obras de remodelación do pavimento na praza de Santa María e iso permitiu detectar a súa ubicación exacta. O Goberno local propúxose recuperar este valioso monumento tan pouco houbera dispoñibilidade económica, algo que foi posible co Plan Urban, que financian a Unión Europea, a Deputación provincial e o Concello de Lugo.

A recuperación e posta en valor da piscina de Santa María supón a primeira vez en Lugo na que se integra unha grande peza arqueolóxica nun espazo público. A ventá arqueolóxica consta dun vidro transparente no chan protexido cuns cubos de aceiro cortén e barandillas nas que se reproduce sobre un vinilo o debuxo dos mosaicos dos muros da piscina. Tamén se instalou unha cámara de vixianza.

O Concello tamén traballa na instalación doutras ventás arqueolóxicas na praza de San Marcos e na rúa Nova. No caso de San Marcos quedarán á vista os restos do acueduto romano que apareceron durante as obras de peonalización. Neste caso vaise instalar unha ventá de 5,4 metros de longo e 2,5 metros de ancho para que queden visibles os restos dun treito do acueduto construído polos romanos no século I despois de Cristo.

www.lugo.es/urban





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova