Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 200 especies distintas de cogomelos poderán verse este domingo en Lugo na décima edición da mostra organizada pola Sociedade Micolóxica Lucus


# Xoves, 24/11/2011


Imaxe Asociada

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá esta exposición, que terá lugar no Colexio Rosalía de Castro durante todo o día

Bao mostrouse partidario dunha regulación específica a nivel municipal que delimite claramente os lugares onde se poden recoller cogomelos e as especies permitidas

Máis de 200 especies distintas de cogomelos poderán verse este domingo na X Exposición de Cogomelos organizada pola Sociedade Micolóxica Lucus. A mostra terá lugar no Colexio Rosalía de Castro durante todo o día, en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:00 horas. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, e o vicepresidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Manuel Fernández, presentaron esta mañá a actividade e destacaron as posibilidades do territorio de Lugo no eido da micoloxía.

Aínda que as condicións climatolóxicas deste ano non foron moi propicias para o abrollo dos cogomelos, Manuel Fernández explicou que agardan superar as 255 especies expostas o ano pasado e que supuxo todo un record.

O vicepresidente da Sociedade Micolóxica pediu aos afeccionados que coiden o entorno á hora de recoller os cogomelos. “As persoas que recollemos cogomelos debemos ser os primeiros ecoloxistas, e temos que respectar o monte e a natureza”, pediu. Tamén demandou unha regulación específica “porque estamos detectando que están chegando ao consumidor cogomelos perigosos dende o punto de vista da súa toxicidade”, alertou Manuel Fernández.

Regulamentación municipal específica

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, tamén se mostrou partidario de aprobar unha regulamentación específica, ben sexa por parte da Xunta de Galiza, ben sexa por parte do Concello para as actividades micolóxicas. “O territorio rural e forestal de Lugo é propicio para os cogomelos e temos que sacarlle moito máis partido a isto dende o punto de vista económico, como fan noutros lugares”, defendeu Bao, que lembrou que a metade da superficie do municipio de Lugo é superficie forestal. Para iso, mostrouse partidario de que se establezan acordos de colaboración con comunidades de montes, por exemplo, moi abundantes en Lugo, para aproveitar esta riqueza.

Manuel Fernández, pola súa banda, explicou que outros concellos como o ourensán de Rairiz de Veiga, xa dispoñen dunha regulación municipal sobre estas actividades, onde se delimita en que lugares se poden recoller os cogomelos e que especies se poden recoller. Indicou ademais que o pasado mes de maio reuníronse en Lugo 15 asociacións micolóxicas que hai federadas en Galicia e unha procedente de Castela e León para abordar este tema e elaboraron unhas bases sobre as que traballar de cara a esta regulamentación da actividade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova