Imprimir

A PISCINA ROMANA QUE ESTABA SOTERRADA NA PRAZA DE SANTA MARÍA XA QUEDOU Á VISTA


24/11/2011 O Alcalde e o Presidente da Deputación inauguraron a ventá arqueolóxica financiada polo Plan Urban

López Orozco destaca que o patrimonio de Lugo é unha oportunidade para a cidade e considera que a recuperación da piscina romana é un estímulo para seguir traballando na posta en valor das xoias do noso pasado


O Alcalde, José López Orozco, acompañado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entre outros membros da Corporación municipal, inaugurou esta tarde a ventá arqueolóxica que nos permite contemplar un novo monumento do rico pasado de Lugo, a piscina romana que estivo soterrada durante séculos na praza de Santa María.

O Alcalde manifestou que, grazas ós fondos do Plan Urban, que financian a Unión Europea, a Deputación provincial e o Concello, foi posible que “a partir de hoxe, todos os veciños e quen nos visite teñamos a oportunidade de ver esta parte importante da nosa historia”. López Orozco lembrou que a existencia da piscina detectouse en 1960 e dende o ano 2004 o Goberno local tivo a intención de recuperala e sacala á luz.

“Ten que ser para todos nós un orgullo polo noso pasado e tamén un estímulo para seguir poñendo en valor e conservando, tal como se merece, cada resto que apareza na cidade”, dixo o Alcalde, que agradeceu o esforzo que adicaron ó proxecto de recuperación da piscina a Concelleira de Economía e Emprendemento, Sonia Méndez, a Xefa de Arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, e os traballadores que desenvolveron o proxecto.

“Hoxe é un día de alegría que nos di o camiño que debemos seguir na conservación dos restos do pasado de Lugo, que son unha grande oportunidade que debemos aproveitar”, dixo o Alcalde e engadiu que “agora nos corresponde facer todo o posible porque sempre permaneza neste bo estado para que se poida desfrutar dela cando menos outros 2.000 anos”.