Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Serán necesarias 2.500 persoas para rodear a Muralla este mércores, unha por cada metro de corda


# Luns, 28/11/2011
O Concello espera a participación de todos os lugueses e luguesas no acto colectivo de homenaxe á Muralla deste mércores, no que ao rematar se repartirán 250 quilos de castañas de balde entre os asistentes

Imaxe Asociada
Clubes deportivos, asociacións de veciños e moitos cidadáns a título persoal formarán unha grande cadea de dous quilómetros e medio de longo ao redor da Muralla

Unha vintena de grupos de música, corais, magos e grupos de teatro de Lugo amenizarán o percorrido en todo o perímetro da Muralla


Serán necesarias 2.500 persoas este mércores para lograr o obxectivo de rodear a Muralla cunha corda, o acto colectivo de homenaxe ao emblema por excelencia de Lugo co que o Concello quere celebrar este ano o XI Aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Numerosos colectivos e asociacións de ámbitos moi diversos colaborarán nesta iniciativa, que pretende implicar a toda a cidade.

Con esta iniciativa, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o tenente alcalde nacionalista, Antón Bao, pretende “promocionar a Muralla de Lugo fóra das nosas fronteiras” e “concienciar a todos os cidadáns de Lugo do valor da nosa Muralla e da implicación que debemos ter todos en coidala”.

O Concello calcula que serán necesarias 2.500 persoas para completar o perímetro da Muralla, unha persoa por cada metro de corda. O Concello fai un chamamento á participación de toda a cidadanía este mércores a partir das seis e media da tarde, cando dende o tramo peonil da ronda da Muralla sairán dous extremos dunha corda de dous quilómetros e medio de longo que rodearán a Muralla. Dous ciclistas galegos, Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso, conducirán as dúas puntas da corda e cortarase o tráfico na ronda da Muralla para que os lugueses e luguesas poidan facer este percorrido acompañando aos ciclistas ben sexa a pé ou en bicicleta.

Entre os que xa confirmaron a súa presenza o mércores están todos os clubes deportivos da cidade, numerosas asociacións de veciños e colectivos de todo tipo.

Repartiranse de balde 250 quilos de castañas en todas as portas da Muralla

Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. O Concello escolleu a castaña, como produto do outono, que foi ademais traído polos romanos a Galicia dende Italia, para facer un grande magosto arredor da Muralla. Repartiranse de balde 250 quilos de castañas asadas entre os asistentes ao acto en todas as portas da Muralla, onde haberá tamén actuacións musicais.

En total, máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano durante o acto para amenizar o percorrido. Estarán, entre outros, o grupo Vocal Lugh, Cantar Delas, a coral do Hospital Xeral, Sólo Voces, o Orfeón Lucense, o Orfeón Xoán Montes, os grupos de música tradicional Cántigas e Frores, Airiños da freba, Caivanca e os alumnos da Tradescola, os grupos de teatro Nova Escena, Parápono, Pinchacarneiro, Palimoco e Achádego, o colectivo de magos Waldemar, o grupo de Teatro da USC, a escola de música Fábrica de Sons, etc.

Durante todo o día haberá tamén xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallarase con libros a todos os visitantes que ese día visiten os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.

Xornadas sobre as posibilidades de futuro da Muralla como atractivo turístico

Para complementar a propia festa do día 30 de novembro, o programa de actos organizado pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua complétase nos días previos con distintos foros e xornadas nas que se analizará a importancia da Muralla para a cidade e as súas posibilidades como atractivo cultural e turístico.

Para iso, o martes 29 reuniranse en Lugo expertos en xestión cultural e turística procedentes doutras cidades Patrimonio da Humanidade para poñer en común experiencias que se poidan aplicar tamén a Lugo. Esta mesa redonda terá lugar ás 8 da tarde no Museo Provincial.

O día antes, o luns 28, a partir das seis da tarde e tamén no Museo Provincial, os historiadores Adolfo de Abel Vilela e Enrique Alcorta falarán da Muralla de Lugo e da súa importancia a través do tempo para que los lucenses tomen conciencia do valor que ten para Lugo contar con un monumento desta importancia.

Tamén dentro destas xornadas, o día 30 pola mañá representantes de diversos Concellos galegos e portugueses integrados no proxecto transfronteirizo de Cidades Amuralladas, financiado pola Unión Europea e que está liderado polo Concello de Lugo, exporán os seus respectivos proxectos. Terá lugar no CEI, ubicado no antigo cuartel de Garabolos, e participarán os Concellos de Santiago de Compostela, Cámara de Monçao, Cámara de Valença do Minho, Cámara de Melgaço e Concello de Lugo.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova