Imprimir

UNHA MESA REDONDA ANALIZARÁ MAÑÁ AS POSIBILIDADES DA MURALLA COMO ATRACTIVO TURÍSTICO


28/11/2011 Especialistas de Tarragona, León, Astorga e Xixón exporán distintas posibilidades para o aproveitamento e posta en valor dos achádegos arqueolóxicos

Adolfo de Abel Vilela e Enrique Alcorta abriron esta tarde os actos do XI Aniversario da Muralla con dúas conferencias sobre a importancia histórica da Muralla de Lugo

O Concello espera a participación de 2.500 persoas no acto colectivo de homenaxe á Muralla deste mércores, no que ao rematar se repartirán 250 quilos de castañas de balde entre os asistentes


Destacados especialistas do ámbito da arqueoloxía e a xestión turística analizarán mañá en Lugo as posibilidades da Muralla como atractivo turístico. Baixo o título A Muralla, valor de futuro, representantes doutras cidades con monumentos Patrimonio da Humanidade exporán distintas experiencias e modelos de xestión encamiñados á posta en valor dos achádegos arqueolóxicos e o seu aproveitamento para a difusión e proxección exterior da cidade.

Dentro dos actos organizados pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua con motivo do XI Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, mañá terá lugar ás 8 da tarde no Museo Provincial esta mesa redonda, na que intervirán Joan Menchón, arqueólogo xefe de Tarragona; Emilio Campomanes, arqueólogo do Concello de León; Ángel Sevillano, director do museo de Astorga; e Paloma García Díez, directora dos Museos Arqueolóxicos de Xixón.

Tamén dentro desta programación do XI Aniversario da Muralla, esta tarde tivo lugar as seis da tarde e tamén no Museo Provincial o primeiro dos actos organizados, dúas conferencias dos historiadores Adolfo de Abel Vilela e Enrique Alcorta que falaron da importancia histórica da Muralla de Lugo a través do tempo para que los lucenses tomen conciencia do valor que ten para Lugo contar con un monumento desta importancia.

O ciclo de conferencias pecharase o propio día 30 pola mañá, cando representantes de diversos Concellos galegos e portugueses integrados no proxecto transfronteirizo de Cidades Amuralladas, financiado pola Unión Europea e que está liderado polo Concello de Lugo, exporán os seus respectivos proxectos. Terá lugar no CEI, ubicado no antigo cuartel de Garabolos, e participarán os Concellos de Santiago de Compostela, Cámara de Monçao, Cámara de Valença do Minho, Cámara de Melgaço e Concello de Lugo.

O acto do día 30 segue sumando apoios

Foron moitos xa os lugueses e luguesas que se puxeron en contacto co departamento de Cultura para sumarse ao acto colectivo de homenaxe á Muralla previsto para este mércores, e que segue a recibir apoios dende distintos ámbitos. O Concello calcula que serán necesarias 2.500 persoas este mércores para lograr o obxectivo de rodear a Muralla cunha corda, unha iniciativa na que colaborarán colectivos e asociacións de ámbitos moi diversos colaborarán nesta iniciativa, que pretende implicar a toda a cidade. Con esta iniciativa, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o tenente alcalde nacionalista, Antón Bao, pretende “promocionar a Muralla de Lugo fóra das nosas fronteiras” e “concienciar a todos os cidadáns de Lugo do valor da nosa Muralla e da implicación que debemos ter todos en coidala”.

O Concello calcula que serán necesarias 2.500 persoas para completar o perímetro da Muralla, unha persoa por cada metro de corda. O Concello fai un chamamento á participación de toda a cidadanía este mércores a partir das seis e media da tarde, cando dende o tramo peonil da ronda da Muralla sairán dous extremos dunha corda de dous quilómetros e medio de longo que rodearán a Muralla. Dous ciclistas galegos, Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso, conducirán as dúas puntas da corda e cortarase o tráfico na ronda da Muralla para que os lugueses e luguesas poidan facer este percorrido acompañando aos ciclistas ben sexa a pé ou en bicicleta.

Entre os que xa confirmaron a súa presenza o mércores están todos os clubes deportivos da cidade, numerosas asociacións de veciños e colectivos de todo tipo.

Repartiranse de balde 250 quilos de castañas en todas as portas da Muralla

Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. O Concello escolleu a castaña, como produto do outono, que foi ademais traído polos romanos a Galicia dende Italia, para facer un grande magosto arredor da Muralla. Repartiranse de balde 250 quilos de castañas asadas entre os asistentes ao acto en todas as portas da Muralla, onde haberá tamén actuacións musicais.

En total, máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano durante o acto para amenizar o percorrido. Estarán, entre outros, o grupo Vocal Lugh, Cantar Delas, a coral do Hospital Xeral, Sólo Voces, o Orfeón Lucense, o Orfeón Xoán Montes, os grupos de música tradicional Cántigas e Frores, Airiños da freba, Caivanca e os alumnos da Tradescola, os grupos de teatro Nova Escena, Parápono, Pinchacarneiro, Palimoco e Achádego, o colectivo de magos Waldemar, o grupo de Teatro da USC, a escola de música Fábrica de Sons, etc.

Durante todo o día haberá tamén xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallarase con libros a todos os visitantes que ese día visiten os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.