Imprimir

A DECLARACIÓN DA MURALLA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE MULTIPLICOU POR 10 O NÚMERO DE TURISTAS QUE VISITAN LUGO


29/11/2011 No ano 2000, antes do recoñecemento por parte da Unesco, a nosa cidade contabilizaba tan só 3.000 turistas; dez anos despois, o 2010 pechouse con 37.135

Especialistas de Tarragona, León, Astorga e Xixón expuxeron hoxe distintas posibilidades para o aproveitamento e posta en valor dos achádegos arqueolóxicos

A ronda da Muralla estará mañá cortada ao tráfico durante o acto de homenaxe á Muralla, no que se espera que participen máis de 2.000 persoas


A declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco o 30 de novembro do ano 2000 serviu para multiplicar por dez o número de turistas que cada ano visitan Lugo. Así o destacou hoxe o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, no transcurso dunha mesa redonda organizada dentro da programación para celebrar o XI Aniversario da declaración do monumento romano de Lugo como Ben Mundial.

Antón Bao destacou o “impulso” que o recoñecento internacional da Muralla supuxo para o turismo na cidade e deu o dato de que no ano 2000 tan só 3.000 persoas visitaban Lugo, fronte ás 37.135 coas que se pechou o pasado ano 2010. O tenente alcalde destacou tamén o incremento, ano a ano, do turismo internacional, tanto de outros países da Unión Europea como de Xapón ou EEUU. Pero Antón Bao non quixo ser conformista: “É un camiño que temos que continuar, aínda hai moito por facer”, dixo.

O tenente alcalde afirmou que “a Muralla é un atractivo turístico de primeira magnitude que segue a ser unha grande descoñecida fóra de Lugo” e animou a todos os lugueses e luguesas a acudir mañá a tirar da corda á ronda da Muralla para lograr entre todos “que o acto de celebración do XI Aniversario teña moita repercusión para que fóra de Lugo saiban que aquí temos unha Muralla que é Patrimonio da Humanidade”

O acto colectivo de homenaxe á Muralla consistirá en rodeala cunha corda. Agárdase que participen máis de 2.000 persoas. Comezará ás seis e media da tarde no tramo peonil da ronda da Muralla, que será cortada ao tráfico para permitir a todos os lugueses e luguesas sumarse a esta iniciativa arredor do monumento romano.

Experiencias noutras cidades Patrimonio da Humanidade

Destacados especialistas do ámbito da arqueoloxía e a xestión turística analizaron hoxe en Lugo as posibilidades da Muralla como atractivo turístico. Baixo o título A Muralla, valor de futuro, representantes doutras cidades con monumentos Patrimonio da Humanidade expuxeron distintas experiencias e modelos de xestión encamiñados á posta en valor dos achádegos arqueolóxicos e o seu aproveitamento para a difusión e proxección exterior da cidade.

Dentro dos actos organizados pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua con motivo do XI Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, hoxe tivo lugar ás 8 da tarde no Museo Provincial unha mesa redonda na que interviron Joan Menchón, arqueólogo xefe de Tarragona; Emilio Campomanes, arqueólogo do Concello de León; Ángeles Sevillano, directora do museo de Astorga; e Paloma García Díez, directora dos Museos Arqueolóxicos de Xixón.

Tamén dentro desta programación do XI Aniversario da Muralla, mañá pola mañá representantes de diversos Concellos galegos e portugueses integrados no proxecto transfronteirizo de Cidades Amuralladas, financiado pola Unión Europea e que está liderado polo Concello de Lugo, exporán os seus respectivos proxectos. Terá lugar no CEI, ubicado no antigo cuartel de Garabolos, e participarán os Concellos de Santiago de Compostela, Cámara de Monçao, Cámara de Valença do Minho, Cámara de Melgaço e Concello de Lugo.

O acto do día 30 segue sumando apoios

Foron moitos xa os lugueses e luguesas que se puxeron en contacto co departamento de Cultura para sumarse ao acto colectivo de homenaxe á Muralla previsto para este mércores, e que segue a recibir apoios dende distintos ámbitos. Con esta iniciativa, na que colaborarán colectivos e asociacións de ámbitos moi diversos, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o tenente alcalde nacionalista, Antón Bao, pretende “promocionar a Muralla de Lugo fóra das nosas fronteiras” e “concienciar a todos os cidadáns de Lugo do valor da nosa Muralla e da implicación que debemos ter todos en coidala”.

O Concello calcula que serán necesarias 2.500 persoas para completar o perímetro da Muralla, unha persoa por cada metro de corda. O Concello fai un chamamento á participación de toda a cidadanía este mércores a partir das seis e media da tarde, cando dende o tramo peonil da ronda da Muralla sairán dous extremos dunha corda de dous quilómetros e medio de longo que rodearán a Muralla. Dous ciclistas galegos, Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso, conducirán as dúas puntas da corda e cortarase o tráfico na ronda da Muralla para que os lugueses e luguesas poidan facer este percorrido acompañando aos ciclistas ben sexa a pé ou en bicicleta.

Repartiranse de balde 250 quilos de castañas en todas as portas da Muralla

Cando os dous extremos da corda se xunten, tiraranse 11 foguetes e comezará a festa en toda a cidade. O Concello escolleu a castaña, como produto do outono, que foi ademais traído polos romanos a Galicia dende Italia, para facer un grande magosto arredor da Muralla. Repartiranse de balde 250 quilos de castañas asadas entre os asistentes ao acto en todas as portas da Muralla, onde haberá tamén actuacións musicais.

En total, máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro) actuarán todo ao redor do monumento romano durante o acto para amenizar o percorrido. Estarán, entre outros, o grupo Vocal Lugh, Cantar Delas, a coral do Hospital Xeral, Sólo Voces, o Orfeón Lucense, o Orfeón Xoán Montes, os grupos de música tradicional Cántigas e Frores, Airiños da freba, Caivanca e os alumnos da Tradescola, os grupos de teatro Nova Escena, Parápono, Pinchacarneiro, Palimoco e Achádego, o colectivo de magos Waldemar, o grupo de Teatro da USC, a escola de música Fábrica de Sons, etc.

Durante todo o día haberá tamén xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallarase con libros a todos os visitantes que ese día visiten os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.