Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello fará obras o vindeiro ano en 15 rúas da cidade para eliminar as barreiras arquitectónicas


# Mércores, 30/11/2011
Os traballos contarán cun orzamento de 115.000 euros e mellorarán a accesibilidade en varias rúas do barrio da Residencia, na Cheda, en Fingoi e en San Roque

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Luis Álvarez anunciou que se aprobou a licenza para a construción dunha residencia xeriátrica con capacidade para 190 persoas e 30 prazas de centro de día


A Concellería de Infraestruturas, que dirixe a nacionalista Paz Abraira, realizará obras o vindeiro ano en 15 rúas da cidade destinadas á eliminación de barreiras arquitectónicas. Segundo detallou esta mañá en rolda de prensa logo da Xunta de Goberno, o orzamento total para estes traballos é de 115.000 euros e servirán para mellorar a accesibilidade en rúas do barrio da Residencia, A Cheda, Fingoi e San Roque.

A concelleira nacionalista explicou que o obxectivo do seu departamento é “extender a accesibilidade aos barrios”. Unha maior atención aos barrios periféricos será “obxectivo preferente” na planificación de obras que realice o Concello o ano que ven, segundo avanzou Paz Abraira, que dixo que a actuación da área de Infraestruturas estará centrada nos barrios do extrarradio da cidade, por ser os que máis necesidades teñen.

Neste sentido, Paz Abraira informou da modificación das previsións que en materia de accesibilidade había para o 2012 para introducir estes novos criterios. A Xunta de Goberno local aprobou hoxe esta modificación e a rescisión do contrato anterior, de mutuo acordo coa empresa, polo que non terá custo algún para o Concello. “A eliminación de barreiras arquitectónicas no casco histórico vaise facer o ano que ven con fondos do Plan Urban e do Plan de Rehabilitación do Casco Histórico para poder destinar o resto de fondos dispoñibles a outras zonas da cidade”, avanzou a concelleira nacionalista.

Por iso, mediante o convenio plurianual asinado co Imserso e a Fundación Once actuarase en rúas do barrio da Residencia, A Cheda, Fingoi ou San Roque. En total, os traballos afectarán a 15 rúas: Trapero Pardo, rúa da Pomba, Manuel Leiras Pulpeiro, Cova da Serpe, rúa F. Esquiu, Bidueiro, Serra de Outes, Roi Xordo, Madanela, Salvador de Madariaga, Estaca de Bares, Marqués de Ombreiro, Ronda de Fingoi e rúa San Roque.

Paz Abraira destacou a importancia de seguir avanzando na accesibilidade urbana, unha tarefa na que se levan xa executadas 5 fases dende o ano 2003 para mellorar a mobilidade na cidade. O obxectivo agora é extendela aos barrios.


Licenza residencia xeriátrica
Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deu conta dos demais asuntos que se trataron na Xunta de Goberno Local, na que destaca a licenza para a construción dunha residencia xeriátrica na Avenida Duquesa de Lugo. Segundo explicou será un edificio con planta soto para garaxe con capacidade de 109 prazas, instalacións e servizos comúns e unha planta baixa para servizos comúns e habitacións. Ademais terá tres plantas altas para habitacións, comedor e sala de convivencia cunha previsión de 190 prazas no xeriátrico e 30 prazas para usuarios do centro de día. O presuposto da obra é de 4.418.954 euros.

Urbanismo
Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a constitución dunha xunta de compensación na unidade de intervención número 1 do PEPRI correspondente coas fachadas traseiras das rúa do Teatro e do Progreso, para o desenvolvemento urbanístico da zona. Esta xunta está formada polo 100% dos propietarios e eles son os que se fan cargo dos costes e dos beneficios que xenere este desenvolvemento.

Luis Álvarez lembrou que “as xuntas de compensación son unha figura administrativa para o desenvolvemento urbanístico dunha unidade de intervención” polo que no momento “en que se de traslado da constitución desta xunta á Consellería de Medio Ambiente, procederanse a iniciar os trámites para a urbanización desa superficie.”

O Concelleiro de Urbanismo tamén explicou que se aprobou unha encomenda de xestión, por valor de 3.918 euros, a Evislusa para colaborar e coordinar xunto cos servizos municipais o documento que elabora o equipo redactor e no que se subsanan as deficiencias sinaladas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a aprobación final do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Luis Álvarez salientou que “con esta encomenda poderase optimizar a participación de todos os técnicos municipais para contribuír dunha maneira máis breve á redación dese 5% que queda pendente do PXOM.”

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova