Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os lugueses e luguesas volcáronse esta tarde coa súa Muralla no aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade


# Mércores, 30/11/2011
Máis de 2.000 persoas lograron o reto de rodear cunha corda o monumento romano

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Houbo magostos e festa en todas as portas da Muralla, que cumpre 11 anos como ben mundial

Máis de 2.000 persoas participaron esta tarde no acto colectivo de homenaxe á Muralla romana de Lugo organizado con motivo do XI aniversario da súa declaración como Ben Mundial. Os lugueses e luguesas volcáronse na celebración desta efeméride e conseguiron o reto de rodear o monumento máis emblemático da cidade cunha corda.

Pasaban uns minutos das sete da tarde cando os dous extremos da corda, conducidos polos ciclistas galegos Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso se xuntaban na Porta de San Fernando. Nese momento, 11 foguetes, un por cada ano transcorrido dende aquel 30 de novembro do ano 2000, cando a Unesco declaraba Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, avisaban á cidadanía de Lugo de que o reto fora conseguido. Ao longo do perímetro da Muralla, de dous quilómetros e medio de longo, máis de 2.000 lugueses e luguesas termaban da corda.

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, mostrou a súa ledicia por ter acadado este reto e agradeceu a todos os lugueses e luguesas que participaran, entre eles, moitos clubes deportivos, asociacións de veciños e colectivos sociais e culturais da cidade. Entre os asistentes estaba toda a actual corporación municipal, así como membros da corporación que no ano 2000 logrou o recoñecemento por parte da Unesco, ademais de representantes doutras institucións e entidades.

Antón Bao cualificou de “éxito” a iniciativa: “acadamos o obxectivo que pretendiamos, poñer de relevo a nosa Muralla e demostrarlle o cariño que todos os lugueses e luguesas lle temos”, dixo. Plantexouse o obxectivo de cara ao futuro de “acadar un maior impulso fóra de Lugo da Muralla como atractivo turístico de primeira magnitude que é”.

Ezequiel Mosquera: “Isto si que é un pelotón”

Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso, os dous ciclistas galegos encargados de tirar dos dous extremos da corda, mostráronse encantados de participar neste acto. Durante o percorrido recibiron innumerables berros de ánimo da xente que atopaban no percorrido e destacaron á súa chegada a San Fernando a boa acollida do público de Lugo. “Isto si que é un pelotón”, asegurou Ezequiel Mosquera en referencia á grande cantidade de xente, entre eles moitos nenos e nenas, que o acompañaron en todo o percorrido.

Gustavo César Veloso, pola súa parte, indicou que durante o percorrido, que os dous ciclistas fixeron a unha velocidade inusual en competición, para dar tempo ás persoas que atopaban ao seu paso a sumarse á corda, tivo tempo de contemplar “a beleza da Muralla”. “Normalmente cando competimos non che dá tempo nin a ver os monumentos polos que pasas do rápido que vas”, aclarou Veloso, que tamén comparou a costa de San Fernando co Angliru, o mítico porto dos Picos de Europa: “con tanta xente agarrada á corda case foi un porto de primeira categoría”, bromeou.

Magostos e música en todas as portas da Muralla

Cando os dous extremos da corda se xuntaron, deu comezo a festa en todas as portas da Muralla. Repartíronse de balde entre os asistentes 250 quilos de castañas asadas e houbo tamén actuacións musicais en todo o perímetro do monumento romano. Entre outros actuaron o grupo Vocal Lugh, Cantar Delas, a coral do Hospital Xeral, Sólo Voces, o Orfeón Lucense, o Orfeón Xoán Montes, os grupos de música tradicional Cántigas e Frores, Airiños da freba, Caivanca e os alumnos da Tradescola, os grupos de teatro Nova Escena, Parápono, Pinchacarneiro, Palimoco e Achádego, o colectivo de magos Waldemar, o grupo de Teatro da USC, a escola de música Fábrica de Sons, etc. En total, participaron máis de 20 grupos e artistas de Lugo de distintas disciplinas (dende grupos de música, corais, magos ou grupos de teatro).

Tamén durante todo o día houbo xornada de portas abertas en todos os museos da cidade e agasallouse con libros a todos os visitantes que nese día visitaron os museos municipais, onde se mostran algúns dos achádegos arqueolóxicos máis importantes dos últimos 25 anos de escavacións en Lugo.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova