Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo ofrecerá na ponte de decembro visitas guiadas pola cidade e circuítos culturais gratuítos a San Paio de Narla e Viladonga


# Xoves, 01/12/2011
 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

As fins de semana e os días festivos haberá percorridos a pé polo casco histórico e os museos da cidade e un autobús levará aos lugueses e aos visitantes a coñecer o templo de Santalla de Bóveda, as Termas Romanas, a torre-fortaleza de San Paio de Narla e o castro de Viladonga

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe as actividades que se celebrarán do 3 ao 9 de decembro e que buscan ofrecer “alternativas de ocio aos lugueses e luguesas e atraer a turistas á cidade”


Lugo ofrecerá durante do día 3 ao 9 de decembro visitas guiadas polos principais lugares e monumentos da cidade. Estes circuítos culturais serán o principal reclamo dunha completa programación para a ponte que foi presentada hoxe polo tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e que inclúe ademais un mercado de produtos do outono e actividades infantís para os máis pequenos.

O tenente alcalde explicou esta mañá que con esta programación, que é a primeira vez que se realiza, preténdese “ofrecer aos lugueses e luguesas que queden aquí durante a ponte alternativas e opcións de ocio” e, ao mesmo tempo, “atraer a turistas cara a nosa cidade”, principalmente de lugares próximos, polo que se fará unha campaña de difusión en Asturias e no resto de cidades galegas.

As rutas, que se poñen en marcha tanto para os lugueses e luguesas como para os turistas que visiten a cidade durante a ponte, pretenden “dar a coñecer os distintos elementos de valor patrimonial cos que conta Lugo dun xeito profesionalizado”, indicou Bao, que explicou a necesidade de crear “paquetes turísticos atractivos”. Nesta iniciativa colaboran a Deputación, a Universidade e a Xunta de Galiza, titulares dalgúns dos bens que van ser visitados.

Estes circuítos serán gratuítos, terán unha duración de dúas horas e media e para apuntarse as persoas interesadas deberán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo para reservar a súa praza. Os grupos por cada guía serán de un máximo de 30 persoas. Estas visitas guiadas arrincarán esta fin de semana, sábado e domingo, así como o martes 6 e o xoves 8.

Experiencia piloto de cara ao vindeiro verán

O tenente alcalde, Antón Bao, explicou que estas rutas terán continuidade o vindeiro ano durante os meses de verán e en épocas como a Semana Santa. “Pero queriamos ensaialas xa durante esta ponte de maneira gratuíta para dar a oportunidade de participar tamén aos lugueses e luguesas”, dixo Bao.

Haberá unha ruta urbana, denominada Lugo a pé, que incluirá a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, a piscina romana que acaba de ser inaugurada na praza de Santa María, o templo de Mitra, a sala Porta Miñá e un paseo pola Muralla cunha explicación do máis significativo. Esta ruta será polas tardes. A saída será ás 16:30 horas da Oficina de Turismo, ubicada na Praza do Campo.

A segunda das rutas, denominada Lugo e arredores, levará aos lugueses e visitantes a Santalla de Bóveda, onde existe un templo do século IV declarado Ben de Interese Cultural, ás Termas Romanas do Balneario, ao Castro de Viladonga e á torre-fortaleza de San Paio de Narla. A saída terá lugar ás 10:30 horas nun autobús dende o tramo peonil da Ronda da Muralla.

Mercado de outono e menús gastronómicos nos principais restaurantes

Pero as visitas guiadas son só unha parte da completa programación presentada hoxe por Antón Bao de cara a ponte, que inclúe ademais gastronomía e actividades para os máis cativos. Por exemplo, nunha carpa ubicada na Praza da Soidade haberá un Mercado de Outono os días 3, 4, 6 e 8 de decembro e os principais bares e restaurantes da cidade (Paprica, Mesón de Alberto, Curmáns, Tosar, Taberna de Marcos, O Cincuenta e Seis, Darío, Pulpería o Castelo, Xoldra, Porta Santiago, Campos, España, Antas, American, Taberna Daniel, Verruga e A Nosa Terra) prepararán menús especiais con produtos de tempada que poderán ser degustados do 3 ao 9 de decembro. Nesta iniciativa tamén colabora a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría.

O Mercado celebrarase os días 3, 4, 6 e 8 de decembro en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas. Cada día 20 expositores albergarán os mellores produtos da terra e da artesanía tradicional galega. Os visitantes, ademais de mercar, poderán degustar saborosos queixos, doces e outras exquisiteces e observar a distintos mestres artesáns traballando en vivo nas súas creacións.

Para a organización da Mostra-Mercado de Outono, tívose en conta que esta semana do alto outono coincide coa matanza do porco. Outros produtos por excelencia desta época do ano son os cogomelos, a mazá, a castaña, os froitos secos e o viño de nova colleita polo que se tratou de adaptar o contido do mercado aos produtos da temporada e convidouse a participar no mercado aos seguintes produtores:

- Produtores agrícolas do Mercado da Terra
- Produtores do CRAEGA
- Asociación Porco Celta de Galicia
- Distintos consellos reguladores de denominacións de orixe de Galicia
- Produtores de queixo
- Produtores de castaña
- Asociacións de comercio xusto

No marco da política de promoción dos produtos da terra, tamén se quere ofrecer un escaparate da artesanía tradicional e convidouse a artesáns tradicionais galegos como:

- Cesteiros
- Tecelás
- Alfareiros
- Carpinteiros
- Ferreiros
- Tallistas en pedra

Actividades infantís

Nesa mesma carpa ubicada na Praza da Soidade polas tardes haberá programación infantil, con obradoiros para nenos e nenas e actuacións de maxia, música e contacontos. Así, o luns 5 ás 17:00 horas haberá un obradoiro de fabricación de bonecas de trapo a cargo de Florentina Mariño e outro de maxia a cargo do colectivo de magos Waldemar, que 19:00 horas actuarán para todos os asistentes.

O mércores 7 haberá un obradoiro para os máis pequenos ás 17:00 horas sobre como fabricar xoguetes sen pilas a cargo da Asociación para a Recuperación dos Xogos Tradicionais (XOTRAMU) e ás 19:00 horas a actuación de Circo Chosco.

Por último, o venres 9 haberá dous obradoiros, un de cerámica e olería a cargo de Tomás de Gundivós, un oleiro de Sober, e un obradoiro de memoria a cargo da Asociación de Enfermos de Alzheimer de Lugo. Ás 19:00 horas actuará Babaluva Teatro.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova