Cargando....
Concello de Lugo
29/11/21
NOVAS
Escoita esta páxina

ACORDO DO FORO 2 DECEMBRO 2011: Retirada Orde do 5 de setembro de 2011 da Consellería de Sanidade


# Venres, 02/12/2011


O ACORDO FOI ADOPTADO POR UNANIMIDADE E SERÁ ENVIADO AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, Á PRESIDENTA DO PARLAMENTO DE GALICIA, Á CONSELLEIRA DE SANIDADE E AO VALEDOR DO POBO

ACORDO DO FORO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ EN MATERIA DE IGUALDADE DO CONCELLO DE LUGO ESIXINDO A RETIRADA DA ORDE  DA CONSELLERÍA DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA DE 5 DE SETEMBRO  DE 2011 POLA QUE SE ACTUALIZA O PROCEDEMENTO PARA O RECOÑECEMENTO DO DEREITO Á ASISTENCIA SANITARIA POR PARTE DAS PERSOAS SEN RECURSOS ECONÓMICOS SUFICIENTES E DAS QUE SE ATOPAN EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO.

O día 9 de setembro de 2011 a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial unha orde na que regula o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes e para as persoas desempregadas. Posteriormente remitiu aos centros de saúde un Protocolo de traballo para a posta en marcha da devandita Orde. Neste protocolo indícase: “Dende a entrada en vigor da Orde as persoas sen recursos que soliciten teñen dereito á atención de urxencias e emerxencias, polo que, ante á solicitude dunha atención urxente é necesario dar unha alta rápida no aplicativo con documentación acreditativa "PRIVADO", previa busca do cidadán ou cidadá na aplicación, sempre se lles entregará o modelo de compromiso de pago para que o asinen, escribindo a man (mentres non estea preparado o modelo na aplicación) o seguinte texto: Persoas sen recursos económicos suficientes en tramitación. Só asistencia urxencia/emerxencia.”

Segundo se indica no texto literal reproducido, as persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra para volver estar de alta.

O establecemento dunha antigüidade mínima de cento oitenta días de residencia en España supón unha importante traba ao acceso da poboación inmigrante aos servizos sanitarios. Segundo a citada Orde, este requisito non é esixible no caso das mulleres embarazadas, contribuindo a perpetuar o rol da muller como reprodutora.

O FORO ACORDA

1. Expresar a súa máis profunda preocupación e consternación pola situación de desamparo na que deixa a devandita Orde da Consellería de Sanidade a miles de persoas en Galicia. A retirada da tarxeta sanitaria a un membro pode deixar sen prestación a toda a unidade familiar.

2. Destacar o especial impacto que a retirada da tarxeta sanitaria ten sobre as mulleres e especialmente sobre aquelas que sufren dupla ou triple discriminación.

3. Rexeitar o establecemento dun período mínimo de cento oitenta e tres días de residencia en España para acceder á atención sanitaria.

4. Poñer de manifesto que as trabas administrativas que se establecen para a renovación e obtención do recoñecemento das prestacións sanitarias, avocan a gran parte das persoas usuarias á exclusión social.

5. Esixir que os dereitos das persoas que foron prexudicadas sexan restituídos coa reactivación das tarxetas anuladas e a retirada de xeito inmediato do Protocolo que desenvolve a Orde de 5 de setembro de 2011 sobre a base de que a asistencia sanitaria é un dereito constitucional e de xustiza social. A adopción dunha tarxeta sanitaria única e universal garante o acceso aos centros, servizos e prestación dun sistema de sáude público, equitativo e solidario.


Lugo, 2 de decembro de 2011




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova