Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo mantén o número de turistas pese á crise económica aínda que descende o número de viaxes organizadas


# Luns, 05/12/2011
No que vai de ano contabilizáronse 35.000 visitantes na Oficina Municipal de Turismo

Imaxe Asociada
Ao completo as visitas guiadas que ofrece o Concello nesta ponte, unha iniciativa que está a ter unha magnífica acollida tanto por parte de lugueses como de turistas

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, avanza que os tres eixos nos que se centrará a oferta turística do Concello será o turismo cultural, o turismo de natureza e a gastronomía


O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe do “éxito” dos circuítos culturais postos en marcha durante esta ponte festiva, para os que xa se esgotaron as prazas. Hoxe continúan as actividades dentro desta completa programación para a ponte con actividades infantís para os máis pequenos a partir das 5 da tarde na carpa instalada na Praza da Soidade.

Bao deu hoxe os datos de turistas que visitaron Lugo no que vai de ano e indicou que pese á situación de crise económica, que está a afectar de xeito moi importante ao turismo, a cidade de Lugo está a resistir a crise e mesmo conseguiu aumentar levemente o número de turistas este ano. De xaneiro a novembro a Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, rexistrou 35.000 visitantes. Aumenta o número de persoas que se achegan a Lugo pola súa conta, sen viaxe organizado, mentras descenderon este ano en máis de 2.000 o número de turistas que chegaron en grupos organizados. “Por iso é cada vez máis importante ofrecer servizos coma estas rutas ou outro tipo de packs turísticos”, argumentou Bao.

Por meses, a cidade de Lugo mantivo o número de visitantes durante o verán. O responsable de turismo explicou que en xullo, agosto e setembro a Oficina de Turismo recibiu un total de 17.326 visitantes (4.738 en xullo, 8.766 en agosto e 3.822 en setembro), o que supón unha media de case 200 persoas diarias. “Este verán Lugo aguantou o tipo no que se refire ao turismo, que non é pouco co que está caendo”, afirmou Antón Bao.

Bao explicou tamén que o pasado mércores, día 30 de novembro, coincidindo co XI Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, a cidade de Lugo triplicou o número de turistas con respecto a un día normal de semana do mes de novembro e deu o dato de que nos museos municipais, que celebraron ese día xornada de portas abertas, foron repartidos 454 libros como agasallo ás persoas que os visitaron ese día.

As rutas por Lugo e os arredores, ao completo

Lugo ofrece por primeira vez nesta ponte, ata o vindeiro 9 de decembro, visitas guiadas polos principais lugares e monumentos da cidade e os seus arredores, unha iniciativa que está a ter moi boa acollida e, de feito, as reservas de prazas, que se fan a través da Oficina Municipal de Turismo, están xa ao completo para toda a ponte. As rutas, que se poñen en marcha tanto para os lugueses e luguesas como para os turistas que visiten a cidade, pretenden “dar a coñecer os distintos elementos de valor patrimonial cos que conta Lugo dun xeito profesionalizado”, indicou Bao, que explicou a necesidade de crear “paquetes turísticos atractivos”. Nesta iniciativa colaboran a Deputación, a Universidade e a Xunta de Galiza, titulares dalgúns dos bens que van ser visitados.

Estes circuítos son gratuítos, teñen unha duración de dúas horas e media e os grupos por cada guía son dun máximo de 30 persoas. O tenente alcalde, Antón Bao, explicou que estas rutas terán continuidade o vindeiro ano durante os meses de verán e en épocas como a Semana Santa.

Obxectivos: atraer o turismo de proximidade e aumentar a estancia

Con este tipo de iniciativas a área de Turismo que dirixe o nacionalista Antón Bao persegue atraer cara a cidade de Lugo a turistas que se atopan en lugares próximos nas pontes ou nas fins de semana para desestacionalizar o turismo e que haxa visitantes durante todo o ano e non só nos meses de verán.

Para atraer ese turismo de proximidade, este verán tamén se puxo en marcha unha campaña de promoción e de captación de visitantes no resto de cidades galegas e na Mariña co obxectivo de atraer cara a Lugo a persoas que puideran estar pasando as súas vacacións na Mariña luguesa, en Santiago, na Coruña ou nas Rías Baixas e que aproveitaron algún día para achegarse a visitar Lugo. A campaña levou por lema ‘Ven dar unha volta a Lugo’ e destacou os atractivos que ten a cidade de Lugo dende o punto de vista patrimonial, coa Muralla como Ben Mundial; natural e paisaxístico, co río Miño declarado Reserva da Biosfera; e tamén gastronómico.

Ao mesmo tempo, a área de Turismo pretende aumentar a estancia dos turistas que veñen a Lugo. Para iso, este verán púxose en marcha a tarxeta turística LugoCard, que ofrece distintos servizos e descontos para estancias de 1, 2 e 3 días na cidade de Lugo.

Procedencia: duplicouse o número de turistas europeos

Un feito salientable dos datos de turistas deste ano é o aumento de visitantes procedentes doutros países da Unión Europea. O 12% dos turistas que viñeron a Lugo procedían dalgún país da UE, fronte ao 6,4% do pasado ano. Francia, Alemania e Reino Unido son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo.

Con todo, e pese ao aumento de turistas estranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 72% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Castela-León, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Andalucía e Cantabria son, por este orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo.

Finalmente, o 6% dos turistas que veñen a Lugo proceden dalgunha das 4 provincias galegas.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova