Cargando....
Concello de Lugo
25/09/22
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno municipal afirma que o Orzamento do vindeiro ano "priorizará a atención social para dar seguridade aos cidadáns de Lugo"


# Mércores, 07/12/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
PSOE e BNG negan discrepancias na elaboración dos Orzamentos e afirman que as contas para o 2012 son “complexas” porque “os recortes que está a aplicar a Xunta obríganos aos Concellos a facer reestruturacións importantes nas partidas económicas para poder seguir prestando os servizos que prestamos aos cidadáns”

A Xunta de Goberno aprobou na reunión desta mañá unha serie de modificacións na obra da Biblioteca da Piringalla e nunha obra privada na rúa Armórica


O Orzamento Municipal para 2012 priorizará a atención social “para dar seguridade aos cidadáns de Lugo”. Así o puxeron de manifesto esta mañá os Concelleiros de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, e de Urbanismo, o socialista Luis Álvarez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local celebrada hoxe.

Paz Abraira e Luis Álvarez explicaron que o Goberno municipal traballa dende hai varias semanas na elaboración dos Orzamentos para levalos a Pleno na última semana de decembro e negaron discrepancias no seo do Goberno, unha acusación que fixo esta semana o voceiro do Partido Popular.

Luis Álvarez asegurou que na confección dos Orzamentos “impera o sentido común e os acordos” e declarou que “non existe ningún problema entre os socios de Goberno para a elaboración dos Presupostos, que é unha tarefa complexa, e estanse facendo de xeito coordinado entre os dous grupos políticos que forman o Executivo local”.

Pola súa banda, a concelleira nacionalista Paz Abraira explicou que as contas para o 2012 son “complexas” debido aos “recortes” aplicados pola Xunta de Galiza, que está obrigando aos Concellos a facer “reestruturacións importantes” nos seus Orzamentos para poder seguir prestando os servizos que prestan aos seus cidadáns. Paz Abraira lamentou que o voceiro do PP, Jaime Castiñeira, non fale destes recortes que o Partido Popular está aplicando dende a Xunta.

A concelleira do Bloque indicou que “o Goberno municipal traballa con seriedade para presentar uns Orzamentos adaptados á situación de crise e que dean seguridade aos cidadáns de Lugo”. Explicou que a caída de ingresos dos Concellos fan que haxa que “reaxustar partidas”.


Acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno acordou executar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou o acordo do Concello de declarar en situación de ruína urbanística os inmobles números 410 da avenida da Coruña e 3 e 4 da rúa do Xenebro. O Concello ordénalle á propiedade a presentación do proxecto técnico de demolición no prazo de tres meses, segundo informou o Concelleiro de Urbanismo.


A Concelleira de Infraestruturas informou de que na Xunta de Goberno de hoxe se acordou a modificación do proxecto de obras ordinarias e complementarias ás do edificio de 16 vivendas, garaxes e locais comerciais ubicado na rúa Armórica número 47-49-51 coa finalidade de axustar o ámbito de actuación desta construción privada logo de terse detectado que excedía a zona que fora expropiada. A Xunta de Goberno aprobou esta mañá inicialmente esta modificación e ábrese agora un prazo para que os interesados poidan presentar alegacións. Esta obra fora denunciada por parte dos veciños.

Ademais o Goberno local estimou parcialmente un recurso de reposición contra o acordo que aprobou o proxecto modificado da construción da nova Biblioteca da Piringalla. Deste xeito dase un prazo de tres días hábiles para a presentación de alegacións sobre o proxecto, no que non se inclúen unidades novas.

A Xunta de Goberno tamén acordou denegar a licenza de actividade e edificación para o denominado Centro de Investigación situado na avenida Bernardino Pardo Ouro, ó incumprir o carácter público dos sistemas xerais e non tratarse dun uso específico ou compatible, dos recollidos na ordenación que, para a zona 10, establece o Plan Xeral en vigor, que regula as edificacións para dotacións comunitarias, na que se sitúa a intervención proxectada.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova