Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello repetirá os circuítos turísticos durante o Nadal despois do éxito acadado por esta iniciativa na ponte de decembro


# Venres, 09/12/2011
Os días 23 e 30 de decembro pola tarde haberá rutas a pé e o 24 e 31 pola mañá visitas a Santalla de Bóveda, ás Termas Romanas, a San Paio de Narla e ao Castro de Viladonga

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Máis de 200 persoas participaron nas rutas a pé pola cidade e nos percorridos en bus polos arredores de Lugo postos en marcha dende a Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e outras tantas quedaron en lista de espera

Lugo volverá ofrecer no Nadal visitas guiadas polos principais lugares e monumentos da cidade e os seus arredores. A magnífica acollida que tivo esta iniciativa nesta ponte de decembro animou á Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua a repetir a experiencia nas fins de semana de Noiteboa e Fin de Ano. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, avanzou ademais que estes circuítos pasarán a formar parte o vindeiro ano da oferta turística oficial do Concello.

“O test que realizamos estes días foi moi positivo e iso anímanos a repetir a experiencia”, indicou Antón Bao, que explicou que 216 persoas participaron durante a ponte nos percorridos a pé guiados pola cidade e nos circuítos en bus a Santalla de Bóveda, as Termas Romanas, San Paio de Narla e o Castro de Viladonga e un número igual de persoas quedaron en lista de espera. As prazas para participar nestas rutas esgotáronse xa nos primeiros días de poñer en marcha a iniciativa.

O responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua explicou que precisamente para atender esa alta demanda existente estas visitas guiadas repetiranse nas fins de semana de Noiteboa e Fin de Ano. Así, os venres 23 e 30 de decembro pola tarde terán lugar rutas a pé pola cidade. Esta ruta urbana, denominada Lugo a pé, incluirá a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, a piscina romana que acaba de ser inaugurada na praza de Santa María, o templo de Mitra, a sala Porta Miñá e un paseo pola Muralla cunha explicación do máis significativo.

Ao día seguinte, sábado 24 e sábado 31, polas mañás, serán as saídas en autobús. Esta segunda ruta, denominada Lugo e arredores, levará aos lugueses e visitantes a Santalla de Bóveda, onde existe un templo do século IV declarado Ben de Interese Cultural, ás Termas Romanas do Balneario, ao Castro de Viladonga e á torre-fortaleza de San Paio de Narla.

Estes circuítos volverán ser gratuítos, terán unha duración de dúas horas e media e para apuntarse as persoas interesadas deberán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo para reservar a súa praza. Os grupos por cada guía serán de un máximo de 30 persoas.

Numerosos lucenses e persoas de Madrid, Asturias, Cataluña, Andalucía e Arxentina

Antón Bao destacou a “magnífica acollida destes circuítos entre os propios lugueses e luguesas”, posto que moitos dos participantes, --“en torno ao 90%”, cifrou Bao-- eran de Lugo, pero tamén detallou a procedencia doutras persoas de Madrid, Asturias, Cataluña, un grupo de Granada e outro de Arxentina, “co que estes circuítos cumpren unha dobre función, por un lado a de dar a coñecer entre os lugueses o noso patrimonio para axudar a valoralo, e por outro ofrecer un atractivo turístico máis á xente que se achega á cidade”, dixo.

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua xa avanzou que de cara ao vindeiro ano estes circuítos pasarán a formar parte da oferta turística oficial do Concello e poderían mesmo ampliarse con visitas a outros monumentos e museos, como o museo de San Roque, o MIHL ou a catedral. Antón Bao explicou que xa houbo conversas co Bispado neste sentido, para que participe nesta iniciativa igual que o están a facer neste momento a Deputación, a Xunta e a Universidade.

Éxito tamén do resto de actividades

Bao aproveitou para facer balance da completa programación desenvolvida durante a ponte, que incluíu ademais das visitas guiadas, un Mercado de Outono, gastronomía e actividades para os máis cativos. O tenente alcalde cualificou de “éxito” o Mercado de Outono ubicado na Praza da Soidade, onde 20 artesáns e denominacións de orixe expuxeron os seus produtos, e tamén os menús gastronómicos con produtos de tempada, que ofreceron estes días os principais bares e restaurantes da cidade (Paprica, Mesón de Alberto, Curmáns, Tosar, Taberna de Marcos, O Cincuenta e Seis, Darío, Pulpería o Castelo, Xoldra, Porta Santiago, Campos, España, Antas, American, Taberna Daniel, Verruga e A Nosa Terra) en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría.

Bao destacou especialmente as actividades para os máis pequenos desenvolvidas durante todos estes días na carpa situada na Praza da Soidade, e que rematan hoxe a partir das cinco da tarde cun obradoiro de cerámica e olería e coa actuación de Babaluva Teatro. O tenente alcalde dixo que continuará por esta liña, “programando cultura para todos os públicos”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova