Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao destaca o potencial económico e turístico da artesanía na presentación da novena edición de ArteNadal


# Xoves, 15/12/2011
Bao valorou o eficaz aproveitamento da carpa da Praza da Soidade que permitiu a celebración de tres actividades neste mes

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A feira, que abre dende o 17 de decembro ata o 5 de xaneiro na carpa da Praza da Soidade, acolle o traballo de vintecinco artesáns

Xa está considerada unha cita imprescindible do Nadal lucense e, este xoves, ArteNadal presentou o seu programa para as vindeiras festas. O Tenente-Alcalde responsable da Área de Cultura, o nacionalista Antón Bao, e a representante da Asociación Artimaña, Belén Gayoso, foron os encargados de anunciar que esta feira abrirá as súas portas este sábado 17 de decembro. Ata o 5 de xaneiro, a carpa situada na Praza da Soidade acollerá vintecinco postos de artesáns de distintas disciplinas como o coiro, a prata, a madeira ou a olería, entre outras.

Antón Bao destacou o potencial da artesanía galega como motor de estímulo económico e explicou que “este tipo de iniciativas favorece o consumo responsable, estimula a economía local ao difundir a actividade dos artesáns e favorece o coñecemento da calidade dos produtos galegos por parte do consumidor”. O edil manifestou o permanente apoio do Concello de Lugo aos oficios tradicionais galegos como demostra a consolidación de ArteNadal, que nesta edición cumpre nove anos de actividade. “Cremos que é unha maneira de que nestas datas sinaladas haxa unha alternativa para todos aqueles galegos e turistas que visitan a nosa cidade, de poder ver que os oficios artesanais seguen vivos en Galiza”.

O edil lembrou que éstes tamén foron os obxectivos que rexiron a organización do Mercado de Outono que se celebrou durante a pasada ponte decembro na carpa da Praza da Soidade, feito que reflicte unha eficaz optimización dos recursos, xa que ésta acolle a celebración de tres eventos programados para o mes de decembro: as actividades de Ponte en Lugo, a Festa do Deporte e, por último, Artenadal. Bao manifestou que “este aproveitamento intensivo dun recurso, como esta carpa, é froito dunha planificación axeitada e permite programar máis actividades con menor custo”.

A feira de artesáns “Artenadal”, celebrada no Nadal na cidade de Lugo, xurdiu como unha proposta da asociación de artesáns lucenses Artimaña, para que os artesáns residentes na Galiza, tiveran un espazo adecuado para a mostra e a venda das súas creacións na cidade nestas datas festivas.

Esta feira está enfocada a todo tipo de público, xa que se poden atopar gran diversidade de materiais, iso sí, todos realizados artesanalmente:

• Xoguetes de madeira.
• Pratería
• Bisutería
• Roupa tinguida e pintada á man
• Coiro
• Calceta
• Cerámica
• Olería
• Madeira
• Cartón pedra
• Fimo
• Ilustración
• Encuadernación
• Grabado
• Pirograbado
• Microfusión
• Vitrofusión
• Lousa
• Reciclaxe
• Xabróns e aceites
• Caña de bambú
• Corno
• Macramé
• Productos navideños
• Comercio xusto


Entre as novidades que se estrean este ano figuran un posto adicado exclusivamente aos gorros de lá (con máis de dez modelos diferentes); o artesán Sito Carracedo, que fabrica un instrumento de percusión chamado peitoke; e Sure, unha artesá que amosará os seus traballos de encadernación e grabados. Destaca o carácter interactivo da feira, xa que os artesáns traballarán en directo, atenderán as cuestións dos visitantes que incluso poderán degustar saborosos produtos que traerá o posto de Comercio Xusto, como chocolate e café quentes.

Programa e calendario

Como estos anos, haberá actuacións de gaiteiros da cidade de Lugo, talleres para os nenos e convócase o III Concurso de Fotografía.

ArteNadal quere ofrecer algo máis ao público que ano tras ano se achega a esta carpa de artesanía, sendo cada vez maior o número de persoas que valora a opción de regalar traballos persoais e feitos á man nestas datas, pois é un referente tanto a nivel provincial como autonómico, para poder atopar produtos artesanais galegos.

Artenadal 2011 comeza o 17 de decembro e finaliza o 5 de xaneiro. A carpa da feira está situada na Praza da Soidade como todos estes anos, e terá o seguinte horario: 11h – 14:30h e de 17h – 21h. O día 1 de xaneiro permanecerá pechada.

A Presidenta de Artimaña realizou unha valoración destes anos de traxectoria e destacou tres argumentos:

- A primeira valoración sería con respecto ó público e a aceptación por parte deste. “Podemos constatar, que é unha feira integrada e valorada dentro da campaña navideña, como alternativa que se ofrece ó público para mercar produtos feitos á man, e ó mesmo tempo de contactar cos artesáns e os seus oficios, e en moitos casos de ver cómo se realiza o traballo e poder inclusive facer encargos á súa medida”.

- A segunda valoración sería por parte dos propios artesáns que acuden á feira a vender o seu material. Cada ano hai máis interese e polo tanto máis solicitudes. Teñen prioridade os artesáns da provincia de Lugo, logo os da comunidade galega e zonas limítrofes.

- E a terceira valoración sería o apoio recibido pola Concellería de Cultura do Concello de Lugo, que ven colaborando coa feira todos estes anos, incluíndo no seu programa navideño a feira de artesáns Artenadal.

Gaioso manifestou que “gostaríame sinalar o apoio que precisa a artesanía por parte das institucións para manter a súa diversidade, calidade e divulgación. Consideramos que a imaxe da artesanía está sendo danada pola intromisión de produtos industriais e artesanais mercados a moi baixo prezo noutros países e feitos en moitos casos baixo condicións de explotación e voltos a vender neste tipo de feiras, como artesanía, a uns prezos cos que os artesáns locais non poden competir. Neste sentido queremos destacar a presenza do Comercio Xusto de Lugo como fiel colaborador.

Destacou tamén a selección que se fai dende Artimaña para poder acudir a Artenadal e o obxectivo de evitar a revenda de produto. Manifestou que o descoñecemento das institucións e asociacións que organizan feiras de artesanía destes e outros problemas que afectan negativamente ós artesáns, fan que cada ano en gran cantidade de feiras haxa menos artesanía e máis revenda, sendo un dos principias obxectivos de Artimaña, intentar colaborar coas organizacións de feiras artesanais para mellorar as mesmas, e poder garantir que os produtos á venda son realmente feitos á man. Colaboramos co Concello de Fonsagrada, co Festival de Ortigueira, co Festival de Pardiñas e facilitamos listados de artesáns a diversas entidades galegas.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova