Cargando....
Concello de Lugo
15/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello organiza unha programación para todos os públicos durante o Nadal con obradoiros de teatro para nenos, cantos de Reis polos barrios e espectáculos de maxia no Auditorio


# Luns, 19/12/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Os obradoiros para participar na Cabalgata serán polas mañás no Centro Social Maruja Mallo os días 26, 28, 30, 2 e 4 de xaneiro. Hai tamén en marcha un Concurso de Cartas aos Reis para ser paxes das súas Maxestades

O día 25 pola tarde virá o Apalpador e os días 25, 26, 27, 28 e 29 pola tarde haberá programación infantil no Auditorio

As principais corais da cidade sairán á rúa para interpretar Cantos de Nadal polos distintos barrios


A empresa E-On aporta 20.000 euros para esta programación, na que tamén colabora a Deputación e o Agadic

Obradoiros de teatro para nenos, cantos de Reis polos barrios, espectáculos maxia e un sin fin de actividades máis para pasar o Nadal en Lugo. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, presentou hoxe un completo programa para todos os públicos que non esquece tampouco unha feira de artesanía ou as visitas guiadas pola cidade e os seus arredores que tanto éxito tiveran na pasada ponte de decembro.

Antón Bao explicou que con esta programación búscase “que os lugueses e luguesas vivan o Nadal na rúa”, coa participación de nenos e maiores en todas as actividades, unha circunstancia que tamén destacou o responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, que indicou que estas actividades organizadas en conxunto polas dúas Administracións son “abertas, plurais, participativas e para todos os públicos”.

Na presentación celebrada esta mañá no Concello estivo tamén presente o responsable da empresa E-On en Lugo, Luis García Santalla, que colabora na programación deste ano cunha aportación de 20.000 euros. O tenente alcalde agradeceu a aportación de E-On, que dixo, “axudará a que as actividades deste ano teñan máis luz e sexan máis vistosas” e García Santalla agradeceulle ao Concello “a oportunidade que nos brinda de estar con todos os lucenses este Nadal”.

Unha das novidades deste ano son os obradoiros de teatro e expresión artística organizados para nenos e nenas coa finalidade de que participen na Cabalgata de Reis. Os obradoiros terán lugar os días 26, 28, 30, 2 e 4 de xaneiro polas mañás, en horario de 10:00 a 13:00 horas no Centro Social Maruja Mallo. Están dirixidos a nenos e nenas de máis de 9 anos e serán impartidos por profesionais do mundo do teatro. O número total de prazas é de 100 e a data límite para apuntarse é este xoves, 22 de decembro. As inscricións poderán facerse na páxina web do Concello ou a través do teléfono 010.

A Cabalgata deste ano volverá ter 4 carrozas e sairá ás 17:00 horas do Parque de Frigsa para recorrer a Avenida da Coruña, San Marcos e a Rúa da Raíña para acabar diante do Concello na Praza Maior. Antón Bao lembrou tamén que hai en marcha un concurso de Cartas aos Reis para facer de paxe ás súas Maxestades de Oriente e animou a todos os nenos e nenas a participar.

Cantos de Nadal polos barrios

Outra das novidades do programa deste ano son os Cantos de Nadal, que chegarán aos distintos barrios de Lugo. Serán interpretados por distintas corais da cidade os días 22, 23, 24, 29 30 e 31 de decembro en prazas e rúas peonís do casco histórico (Praza Maior, San Marcos, Praza da Soidade e Praza do Campo) e da Milagrosa, Fontiñas, O Castiñeiro, Ramón Ferreiro e Augas Férreas. Participarán as corais Xoldra, Cantar Delas, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes, Coral Vocal Lugh, Coral Hospital Xeral-Calde, Ecos do Miño, Schola Gregoriana, Coral de San Antonio, Novo Amencer e Coral de Amigos do Camiño de Santiago.

Actividades infantís

Ademais dos obradoiros para participar na Cabalgata, haberá tamén moitas actividades infantís durante estes días. Así, por exemplo, os días 25, 26, 27, 28 e 29 de decembro haberá espectáculos de maxia e teatro infantil no Auditorio Gustavo Freire e o día 4 de decembro terá lugar a única actuación en Galicia do espectáculo infantil CantaJuego, que encherá o Pazo Provincial dos Deportes.

Estará tamén aberto XuvenLugo no Pazo de Feiras e Congresos dende o día 23 de decembro ao 8 de xaneiro e o día 25 de decembro pola tarde visitará Lugo o Apalpador, a tradicional figura procedente das montañas dos Ancares que segundo a lenda toca a barriga dos nenos e nenas e repártelles castañas.

Visitas guiadas pola cidade e Feira ArteNadal

Dentro da programación inclúese tamén a Feira de Artesanía ArteNadal, que estará aberta na Praza da Soidade ata o día 5 de xaneiro. Tamén volven as visitas guiadas que tanto éxito tiveron na ponte de decembro e que se repetirán nas fins de semana de Noiteboa e Fin de Ano. Así, os venres 23 e 30 de decembro pola tarde terán lugar rutas a pé pola cidade. Esta ruta urbana, denominada Lugo a pé, incluirá a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, a piscina romana que acaba de ser inaugurada na praza de Santa María, o templo de Mitra, a sala Porta Miñá e un paseo pola Muralla cunha explicación do máis significativo.

Ao día seguinte, sábado 24 e sábado 31, polas mañás, serán as saídas en autobús. Esta segunda ruta, denominada Lugo e arredores, levará aos lugueses e visitantes a Santalla de Bóveda, onde existe un templo do século IV declarado Ben de Interese Cultural, ás Termas Romanas do Balneario, ao Castro de Viladonga e á torre-fortaleza de San Paio de Narla.

Estes circuítos volverán ser gratuítos, terán unha duración de dúas horas e media e para apuntarse as persoas interesadas deberán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo para reservar a súa praza. Os grupos por cada guía serán de un máximo de 30 persoas.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova