Cargando....
Concello de Lugo
22/09/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta uns Orzamentos para 2012 que priorizan o gasto social e a creación de emprego


# Martes, 20/12/2011
Os presupostos ascenderán a 91,9 millóns de euros e medran un 1,8% sen aumentar a débeda, grazas ós axustes feitos en anos anteriores

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Concello adicará 4,7 millóns de euros á atención de 700 persoas dependentes e á escolarización de 240 nenos nas garderías municipais

O Alcalde, López Orozco, salienta que son os Presupostos do compromiso cos servizos sociais e co emprego e que a boa situación económica do Concello permite garantir o gasto social a pesar dos recortes da Xunta

O Tenente de Alcalde, Antón Bao, afirmou que “fixemos do defecto virtude e priorizamos o importante, por iso non hai cartos para grandes obras porque a maior obra nestes momentos é atender á xente que está sen traballo e sufre as consecuencias da crise”


O Concello de Lugo presentou hoxe os Orzamentos Municipais para 2012, que ascenden a 91,9 millóns de euros, un 1,8% máis que este ano. Os Orzamentos Municipais foron presentados ós medios de comunicación polo Alcalde, José López Orozco; o Primeiro Tenente de Alcalde e responsable das Áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao; e a Segunda Tenente de Alcalde e Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez. Con anterioridade, o proxecto de Orzamentos Municipais do Concello de Lugo foi presentado ó Consello Económico e Social e tamén se lle entregou á oposición.

Os Orzamentos do Concello de Lugo para 2012 ascenden a 91.915.290 euros, o que representa un crecemento do 1,8%, inferior ó IPC, seguindo a tendencia á contención dos últimos anos, e danlle prioridade absoluta ó investimento social e á creación de emprego.

O Concello de Lugo adicará o ano que vén 4,7 millóns de euros ás persoas maiores e ós nenos. Para atención a persoas dependentes destínanse 3.773.678 euros e nas catro escolas infantís municipais investiranse máis de 1.000.000 euros

O Alcalde definiu os Presupostos Municipais para 2012 de “Orzamentos do compromiso”, xa que manifestou que neles “queda claro cal é o compromiso do Equipo de Goberno: os servizos sociais e o emprego”. Tamén declarou que “neste momento de dificultades económicas, quixemos facer uns Orzamentos comprometidos coas necesidades máis importantes que teñen os lucenses”.

Pola súa banda, o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao destacou o feito de que os Orzamentos medren un 1,8% ata achegarse aos 92 millóns de euros sen incrementar a débeda do Concello. O tenente alcalde salientou ademais que este primeiro Orzamento do Goberno bipartito responde ás liñas fixadas no Acordo de Goberno asinado este verán entre o BNG e o PSOE.

Compromiso cos servizos sociais e o emprego

Salientou o Alcalde que “a boa situación económica deste Concello nos permite garantir os servizos sociais e o compromiso co emprego, a pesar dos recortes da Xunta de Galicia” e sinalou que os Presupostos municipais experimentan “unha pequena suba que non chega ó IPC, que é posible grazas ós axustes que os dous últimos anos fixo o Concello de Lugo” .

“Os nosos maiores e as familias con nenos poden estar tranquilos, xa que os presupostos do Concello seguen apostando por eles”, dixo o Alcalde e explicou que “reservamos 4,7 millóns para atender a 700 persoas dependentes e a 240 nenos nas escolas infantís municipais”.

Dinamización da economía

O Alcalde engadiu que “estes presupostos están feitos para que o Concello poida traballar na dinamización da economía de Lugo”. Así, avanzou que “no 2012 adicaremos recursos á creación do Viveiro de industrias, á promoción de produtos autóctonos do rural a través da Praza de Abastos, continuaremos dándolle todo o noso apoio ó sector comercial e contribuiremos a desenvolver o potencial que ten Lugo nos sectores turístico e cultural”.

López Orozco tamén sinalou que 2012 “será o ano do MIHL, unha nova infraestrutura cultural que atraerá visitantes e dinamizará un barrio, e que será un museo eficiente, que terá máis beneficios que custes”.

Os Orzamentos tamén apostan polo patrimonio de Lugo, segundo salientou o Alcalde. Neste sentido manifestou que “grazas a que o Concello acadou o Plan Urban podemos seguir investindo na conservación e posta en valor do noso patrimonio” e anunciou que os Orzamentos adican recursos para o Paseo interior da Muralla e a recuperación do Vello Cárcere.

Ademais, destacou que o Concello “adicará recursos para que sigan a funcionar os centros sociais na cidade e no rural e continuaremos mellorando tanto o saneamento como as zonas verdes”.


Creación da Escola Municipal de Música

“A pesares da difícil situación económica poremos en marcha o vindeiro ano varias medidas recollidas no Pacto de Goberno”, explicou o Tenente de Alcalde, Antón Bao, que citou como exemplos a creación dunha Escola Municipal de Música e a posta en marcha de naves en aluguer para emprendedores no Polígono do Ceao. “Fixemos do defecto virtude, priorizamos o importante, planificamos as necesidades e agora temos que actuar nos obxectivos que nos marcamos”, afirmou Bao.

A primeira prioridade, o mantemento da cobertura social

O Tenente de Alcalde nacionalista destacou ademais que estes Orzamentos “marcan un modelo económico distinto ao que practica o PP e nos anuncia Rajoy”, dixo Bao, porque “non é momento de recortes, senón de atender á xente”, afirmou. “Fronte á política do PP, a de Feijóo e Rajoy, fronte a ese modelo económico de Merkel e Sarkozy, nós queremos aplicar outro modelo, un modelo social”, indicou Bao, que cualificou este Orzamento como “un Orzamento realista, que prescinde de todo o prescindible, pero non recorta ningún servizo aos cidadáns”. “En Cultura, por exemplo imos reducir un 10% o Orzamento do San Froilán, pero queremos incrementar as actividades que se fan durante todo o ano, sobre todo aquelas destinadas aos nenos e nenas”, detallou.

Bao recriminoulle á Xunta que reduza en 2 millóns de euros o vindeiro ano os fondos que vai destinar ao Concello de Lugo para atención social. “Iso vai obrigarnos a ter que cubrir esas necesidades con cartos propios do Concello, porque nós non imos deixar tirada á xente que máis o necesita, ás persoas que máis están sufrindo a crise económica, como fai a Xunta”, anunciou Antón Bao.

O Tenente de Alcalde tamén salientou o incremento “notable” das partidas destinadas á creación de emprego, “que é neste momento o principal problema dos cidadáns”, dixo. Tamén destacou a reserva dunha partida de 300.000 euros para crear naves en aluguer no Polígono do Ceao “para apoiar aos mozos e mozas, aos emprendedores e facilitar o asentamento de empresas na nosa cidade”, dixo.

Humanizar a cidade

Antón Bao tamén explicou que “non haberá cartos o ano que ven para grandes obras, pola situación económica que atravesamos todos os concellos, pero dentro dos fondos dispoñibles tratarase de facer actuacións para mellorar a cidade e a calidade de vida das persoas”, dixo. Indicou ademais que o Plan Urban, que se financia con fondos europeos, garante un volume importante de fondos para o centro da cidade e para a rehabilitación do casco histórico, polo que “co resto de fondos dispoñibles na área de Infraestruturas priorizaranse as actuacións nos barrios”, anunciou.

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova