Imprimir

HOXE APROBOUSE A MEMORIA SOBRE O MODELO DE XESTIÓN INTEGRAL DO CICLO DA AUGA


20/12/2011 González Dopeso explicou que esta fórmula é a única maneira de evitar unha suba brusca nos recibos dos contribuíntes

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, informou que na Comisión Técnica que se celebrou hoxe se aprobou a memoria sobre a xestión integral do ciclo da auga. Esta memoria é o resultado do traballo desenvolvido dende o mes de outubro por unha Comisión, formada por representantes políticos e técnicos do Concello. Os integrantes desta Comisión técnica analizaron durante as últimas semanas os distintos informes económicos, socio-demográficos e xurídicos elaborados para estudar a fórmula para a futura xestión integral do ciclo da auga no Concello de Lugo.

Logo do visto e prace dado pola Comisión a esta Memoria, agora deberá ser o Pleno da Corporación Municipal quen tome a decisión de cal será o modelo que seguirá o Concello para a xestión do ciclo da auga.

“O que se quere facer é ofrecer aos cidadáns o mellor servizo posible co custe máis baixo posible,coa menor incidencia na economía do contribuínte e coa mellor calidade xa que coa actual xestión, os ingresos do ciclo da auga non son dabondo para pagar todo o custe destes servizos”, manifestou González Dopeso.

O Concelleiro de Medio Ambiente defendeu a xestión do ciclo integral da auga, por ser o sistema máis racional de xestión, e considerou que se debe facer a través dunha empresa mixta con maioría de capital municipal, fórmula que xa funciona con éxito noutros concellos, por ser este o medio que resulta máis económico para os contribuíntes.

González Dopeso explicou que coa xestión actual do servizo, este resulta deficitario e para igualar custes e ingresos o Concello tería que subir un 80% o recibo de inmediato se se fixera cargo da xestión integral do ciclo da auga. Polo contrario, optando pola xestión a través dunha empresa mixta coa maioría de capital municipal, a suba pódese facer de xeito escalonado. Así, está previsto lograr o equilibrio de ingresos e gastos cunha suba de só un 5 % anual durante os oito primeiros anos.

A Comisión técnica para a elaboración da memoria da iniciativa do Concello na actividade económica relacionada coa xestión do ciclo da auga, que preside o Alcalde, constituíuse o pasado mes de outubro e está formada polos concelleiros de Economía, Medio Ambiente e Infraestruturas, representantes dos grupos políticos do Concello e por técnicos dos servizos municipais de Medio Ambiente, Enxeñería, Intervención, Contratación, Asesoría Xurídica, Persoal e Electromecánicos.