Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ábrense ao tráfico os viais do Polígono Industrial das Gándaras, no que hai tres empresas que solicitaron licenza para instalarse


# Xoves, 22/12/2011
En total o Concello recibe cinco quilómetros de viais e 22.000 metros cadrados de aparcamento, pero o seu mantemento correrá a cargo dos propietarios das parcelas

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, destacou que “o día de hoxe significa a posta en marcha definitiva do Polígono das Gándaras” e reclamou á Xunta de Galiza “incentivos para que as empresas se instalen en Lugo”

Hoxe quedaron abertos ao tráfico os viais do Polígono Industrial das Gándaras, co que bota a andar o novo parque empresarial de Lugo. A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, destacou no acto de inauguración, ao que tamén asistiron técnicos do Concello e representantes da Xunta de Galiza, que “o día de hoxe significa a posta en marcha definitiva deste Polígono, un dos máis modernos e mellor deseñados de Galiza”.

A partir deste momento o Concello recibe os viais e aparcadoiros do polígono industrial, logo de ser entregada a obra por parte da empresa pública Xestur. Sen embargo, o Concello encargarase soamente da seguridade vial no Polígono, dado que o mantemento dos viais e aparcamentos correrá a cargo dos propietarios das parcelas. Entre os viais abertos hoxe ao tráfico está tamén a principal conexión entre o Polígono das Gándaras co Polígono Industrial do Ceao.

Na primeira fase do parque empresarial das Gándaras existe unha lonxitude total destinada a viario de aproximadamente 5.232 metros, ao que hai que engadir as bolsas específicas destinadas a aparcamento, que supoñen unha superficie total de outros 22.000 metros cadrados para unhas 1.060 prazas de aparcamento, destinadas tanto a turismos como a vehículos pesados. A estas 1.060 prazas hai que engadir as prazas da aparcamento existentes nos propios viais.

Segundo deu a coñecer hoxe a responsable de Infraestruturas, neste momento hai tres licenzas pedidas no Concello de empresas que queren instalarse nas Gándaras. Entre elas está a empresa Decathlon, que ocupará unha superficie de 58.000 metros cadrados en dúas parcelas próximas á Ronda Norte, nas que construirá un edificio de tres plantas para tenda e centro de distribución, máis 515 prazas de aparcamento. Paz Abraira explicou que a apertura dos viais era necesario para que esta empresa poidan xa comezar as obras de construción das súas instalacións no polígono.

Incentivos para o asentamento de empresas no polígono

A concelleira nacionalista defendeu o Polígono das Gándaras, deseñado na etapa do Goberno bipartito da Xunta, como “unha oportunidade para o crecemento e a creación de emprego en Lugo” e demandou do actual Goberno galego do Partido Popular a posta en marcha de “incentivos para o asentamento de empresas en Lugo”. “Nun momento de crise coma este hai que apostar pola economía produtiva e apoiar aos nosos sectores produtivos”, defendeu.

Paz Abraira lembrou que por parte do Concello xa se teñen adoptado diversas medidas neste sentido, como a de bonificar co 50% as licenzas de construción e apertura de novas empresas no parque empresarial. Indicou ademais que nos Orzamentos Municipais para 2012 hai un importante incremento dos fondos destinados a creación de emprego e unha partida específica para crear naves en aluguer para emprendedores, “que será un xerme de empresas moi importante que complementa este Polígono Industrial”, dixo.

Ademais da multinacional francesa Decathlon, outras dúas empresas veñen de solicitar licenza para instalarse no Polígono das Gándaras, segundo informou Paz Abraira. Dende o departamento de Enxeñería e Infraestruturas xa foron informadas favorablemente estas dúas solicitudes e proximamente serán levadas a Xunta de Goberno para a concesión das correspondentes licenzas.

No prazo dun ano estará constituída a Entidade de Conservación

A acta de recepción da obra do Polígono Industrial das Gándaras por parte do Concello establece que o Concello só se fará responsable da explotación e xestión do viario (xestión e regulación do tráfico e seguridade pública, fundamentalmente), por entender que o mantemento terá que ser por conta dos propios titulares das parcelas, que deberán constituír unha especie de comunidade de veciños para este fin.

Os propietarios das parcelas e naves terán un prazo non superior a un ano para a creación da Entidade Urbanística de Conservación da totalidade das obras executadas en desenvolvemento do Proxecto Sectorial, que estará conformada polos titulares das parcelas resultantes da execución do mesmo de conformidade co establecido no propio Proxecto Sectorial. Esta cláusula busca garantir un perfecto mantemento do Polígono a través do tempo e evitar o seu deterioro futuro.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova