Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O programa de actividades de Nadal arrinca hoxe cos Cantos de Nadal interpretados polas Corais de Lugo


# Xoves, 22/12/2011


Imaxe Asociada

Os prazos para inscribirse nos obradoiros da Cabalgata de Reis e para participar no concurso de cartas aos Reis Magos rematan este venres

Os días 23 e 24 celebraranse dúas novas sesións de visitas guiadas: Lugo a Pé e Lugo e arredores

As corais de Lugo son as encargadas de abrir o programa de actividades do Nadal 2011 que organiza a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e esta tarde, a partir das 20:00 horas poderanse escoitar as panxoliñas do Nadal interpretadas polas corais Schola Gregoriana, Coral de San Antonio, que actuarán polas rúas do centro, e a Coral de Amigos do Camiño de Santiago, que actúa na Praza do Castiñeiro.

Estas actuacións repetiranse os días 23, 29 e 30 pola tarde e os días 24 e 31 a partir das 12:00 do mediodía polas prazas e rúas do casco histórico e de distintos barrios como A Milagrosa, Fontiñas, O Castiñeiro, Ramón Ferreiro e Augas Férreas. As corais que participan son: Xolda, Cantar Delas, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes, Coral Vocal Lugh, Coral Hospital Xeral-Calde, Ecos do Miño, Schola Gregoriana, Coral de San Antonio, Novo Amencer e Coral de Amigos do Camiño de Santiago.

Doutra banda, este venres rematan os prazos para inscribirse nos obradoiros para a preparación da cabalgata e para participar no concurso das Cartas aos Reis Magos. Estas dúas actividades celébranse por vez primeira e buscan promover a participación dos nenos e dos maiores no deseño, organización e representación dos espectáculos de animación que acompañarán aos Magos de Oriente cando cheguen a Lugo o vindeiro día 5 de xaneiro. Estas actuacións van integradas na montaxe dunha serie de números de teatro, danza e canto que se representarán para acompañar as carrozas dos Reis Magos durante a cabalgata. Ademais dos voluntarios que se inscriban, participarán tamén os membros de todos os grupos de teatro afeccionado e de todas as corais de Lugo.

Estes obradoiros vanse impartir os días 26, 28 e 30 de decembro no C.C. Maruja Mallo de 10:00 a 13:00 horas e dunha banda, abordarán aspectos de formación teatral para preparar as actuacións e as personaxes, e doutra trataranse aspectos máis técnicos relacionados coa escenografía como o maquillaxe, o atrezzo, o vestiario ou a posta en escea. O número total de prazas é de 100 e os interesados poden inscribirse a través da páxina web do Concello www.lugo.es, a través do teléfono 010 ou nas oficinas da Concellería de Cultura.

Actividades infantís

Ademais dos obradoiros para participar na Cabalgata, haberá tamén moitas actividades infantís durante estes días. Así, por exemplo, os días 25, 26, 27, 28 e 29 de decembro haberá espectáculos de maxia e teatro infantil no Auditorio Gustavo Freire e o día 4 de decembro terá lugar a única actuación en Galicia do espectáculo infantil CantaJuego, que encherá o Pazo Provincial dos Deportes.

Estará tamén aberto XuvenLugo no Pazo de Feiras e Congresos dende o día 23 de decembro ao 8 de xaneiro e o día 25 de decembro pola tarde visitará Lugo o Apalpador, a tradicional figura procedente das montañas dos Ancares que segundo a lenda toca a barriga dos nenos e nenas e repártelles castañas.

Visitas guiadas pola cidade e Feira ArteNadal

Dentro da programación inclúese tamén a Feira de Artesanía ArteNadal, aberta na Praza da Soidade ata o día 5 de xaneiro. Tamén volven as visitas guiadas que tanto éxito tiveron na ponte de decembro e que se repetirán nas fins de semana de Noiteboa e Fin de Ano. Así, os venres 23 e 30 de decembro pola tarde terán lugar rutas a pé pola cidade. Esta ruta urbana, denominada Lugo a pé, incluirá a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, a piscina romana que acaba de ser inaugurada na praza de Santa María, o templo de Mitra, a sala Porta Miñá e un paseo pola Muralla cunha explicación do máis significativo.

Ao día seguinte, sábado 24 e sábado 31, polas mañás, serán as saídas en autobús, que partirá ás 10:30 horas dende o tramo peonil da Ronda da Muralla. Esta segunda ruta, denominada Lugo e arredores, levará aos lugueses e visitantes a Santalla de Bóveda, onde existe un templo do século IV declarado Ben de Interese Cultural, ás Termas Romanas do Balneario, ao Castro de Viladonga e á torre-fortaleza de San Paio de Narla.

Estes circuítos volverán ser gratuítos, terán unha duración de dúas horas e media e para apuntarse as persoas interesadas deberán dirixirse á Oficina Municipal de Turismo para reservar a súa praza. Os grupos por cada guía serán de un máximo de 30 persoas.

Cantos de Nadal

XOVES 22
CENTRO 20:00 - 2 CORAIS
Praza Maior
Scholla Gregoriana
San Marcos
San Antonio
BARRIOS
Pza do Castiñeiro – 20:00
Amigos Camiño de Santiago

VENRES 23
CENTRO 20:00 - 3 CORAIS
Praza Maior
Ecos do Miño
San Marcos
Xeral Calde
Praza do Campo
Orfeón Xoán Montes
BARRIOS
Pza de Augas Férreas – 20:00
Coral Lugh
Pza de Fontiñas – 20:00
Orfeón Lucense

SÁBADO 24
CENTRO 12:00 - 1 CORAL
Praza da Soedade:
Novo Amencer
BARRIOS
Horta do Seminario – 12:00
Xolda

XOVES 29
CENTRO 20:00 - 2 CORAIS
Praza Maior
Cantar delas
San Marcos
Amigos Camiño de Santiago
BARRIOS
Pza de Fontiñas – 18:00
Coral Hospital Xeral - Calde
Pza do Castiñeiro – 20:00
Coral de San Antonio
Pza da Milagrosa– 20:00
Schola Gregoriana

VENRES 30
CENTRO 20:00 - 2 CORAIS
Praza Maior
Lugh
San Marcos
Orfeón Lucense
Praza do Campo
Xolda
BARRIOS
Pza. Augas Férreas -18:00
Cantar Delas
Pza da Milagrosa– 20:00
Orfeón Xoan Montes

SÁBADO 31
CENTRO 12:00 - 1 CORAL
Praza da Soedade:
Ecos do Miño
BARRIOS
Horta do Seminario – 12:00
Novo Amencer




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova