Imprimir

OS COMERCIOS DE LUGO REPARTIRÁN PEGATINAS EN GALEGO NOS AGASALLOS DE NADAL


22/12/2011 Os adhesivos inclúen o texto ‘Contén moito agarimo. Dillo en galego’ e forman parte dunha campaña de Promoción da Lingua deseñada polo Concello de Lugo

Na iniciativa participan as principais tendas da cidade. Repartirán en total 100.000 pegatinas, tantas como habitantes ten Lugo
 

Un dos retos máis difíciles aos que se enfronta a lingua galega é a superación das limitacións dos campos de uso, restrinxidos ás veces ao doméstico, ao escolar ou ao administrativo. Por este motivo, a área de Promoción da Lingua do Concello de Lugo quere difundir o emprego do galego en todos os ámbitos da vida e, coincidindo con esta época do ano, deseñou unha campaña aproveitando os agasallos de Nadal que promociona o uso da lingua galega no sector do comercio.

Baixo o título Contén moito agarimo. Dillo en galego, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o tenente alcalde nacionalista, Antón Bao, as principais tendas de xoguetes e agasallos da cidade repartirán nos paquetes que elaboren estes días para os seus clientes e clientas pegatinas en galego. En total, repartiranse 100.000 adhesivos, tantos como habitantes ten Lugo.

O tenente alcalde e responsable da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, destacou esta mañá durante a rolda de prensa de presentación desta iniciativa o peso que o sector do comercio ten na cidade de Lugo. “É un sector moi importante en Lugo e que nesta época ten moito contacto cos cidadáns, por iso quixemos aproveitar esa plataforma para chegar aos lugueses e luguesas e felicitarlles o Nadal en galego”, explicou.

Sumáronse a esta iniciativa máis de 100 tendas e establecementos comerciais da cidade, entre elas o Centro Comercial As Termas, Arenal Perfumerías e numerosos comercios tanto do centro como do resto da cidade a título individual.


Partida específica de Promoción da Lingua nos Orzamentos do vindeiro ano
O tenente alcalde anunciou tamén que nos Orzamentos Municipais de 2012 figurará unha partida específica de 20.000 euros para Promoción da Lingua. Antón Bao indicou que a promoción do idioma galego é unha “obriga legal” das Administracións públicas fixada no Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística.

Antón Bao indicou que o obxectivo é “incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os sectores da sociedade”, para o que se porán en marcha distintas iniciativas de difusión do galego en todos os ámbitos da vida. O tenente alcalde rexeitou o termo “imposición” usado por sectores reaccionarios contra o galego e dixo que a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua porá en marcha distintas iniciativas “en positivo” que buscan achegar á sociedade ao galego.

Un desexo para 2012: “emprego para a xente”
O tenente alcalde, Antón Bao, aproveitou a rolda de prensa desta mañá para felicitar o Nadal aos lugueses e luguesas e para expresar os seus desexos para o 2012. “Eu pediríalle ao Apalpador, que é o personaxe galego desta época por excelencia, que traia emprego para a xente, que é o que fai falla o ano que ven”, desexou Bao.