Cargando....
Concello de Lugo
25/09/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan a funcionar as melloras en eficiencia enerxética de iluminación en varias zonas de Lugo


# Luns, 26/12/2011
O plan de mellora de eficiencia foi elaborado polos Servizos Eléctricos do Concello de Lugo

O obxectivo é reducir o consumo en iluminación pública urbana, que se sitúa en 1,1 millóns de euros ao ano

Nos últimos días comezaron a funcionar co novo alumeado varias zonas da cidade. A execución destas obras fíxose baixo os criterios de acadar unhas boas condicións de seguridade, que non existían, unha redución de potencia, e polo tanto tamén do consumo, e unha redución do número de lámpadas de vapor de mercurio.

As zonas nas que se actuou son o Pazo Municipal dos Deportes, a Calzada da Ponte e o camiño de acceso ao Balneario, Praza da Constitución, Carril dos Carteiros, as Casas Sindicais e a Praza Armañá. Esta intervención supuxo unha diminución de potencia de 4953,5 W, sendo a diminución de enerxía de 20.953,04 Kwh/ano.

Estas melloras supoñen un incremento do nivel de alumeado e unha mellora na uniformidade da iluminación nestas zonas. Os beneficios ecolóxicos e de aforro económico para as arcas públicas son o eixo vertebrador deste plan de mellora, un dos obxectivos que forma parte da Axenda 21 local e que desde a área de Infraestruturas do concello, que dirixe a nacionalista Paz Abraira, se están a poñer en marcha.

A seguinte obra relevante en materia de iluminación pública que se vai acometer xa é a que lle afecta a unha ampla zona do barrio de Fingoi, co que a cidade ganará en eficiencia enerxética e reducirá a súa factura de consumo eléctrico.

Na cidade de Lugo hai 13.000 farolas

A iluminación pública urbana da cidade de Lugo depende da Área de Infraestruturas e Axenda 21, que dirixe a nacionalista Paz Abraira. Entre os cometidos desta área está o do mantemento da rede de iluminación pública da cidade, composta por 13.000 puntos de luz. O consumo anual en enerxía eléctrica é de 1,1 millóns de euros, aos que hai aos que hai que engadir o custo de mantemento dos equipos e instalacións, que alcanza 1,2 millóns de euros ao ano.

Un dos obxectivos marcados por Paz Abraira é o de mellorar paulatinamente a eficiencia enerxética desta rede, mediante a substitución das lámpadas de mercurio polas novas lámpadas de sodio, moito máis eficientes. Deste xeito lograríase reducir considerablemente o consumo e, consecuentemente, a factura eléctrica, que se incrementou notablemente nos últimos anos como consecuencia da subida de tarifas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova