Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 7.500.000 euros é a partida destinada a Servizos Sociais nos Orzamentos do 2012


# Venres, 23/12/2011
Carmen Basadre e Ana González Abelleira explicaron que as prazas ofertadas polos servizos sociais están ocupadas ao 100% e non hai lista de agarda

No Consello Local de Servizos Sociais tamén se falou da redución, de ata un 74%, das axudas por parte da Xunta de Galicia en materia de benestar


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e a Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, presidiron o Consello Local de Servizos Sociais que se celebrou hoxe e no que se deu conta das actuacións levadas a cabo ao longo do ano en servizos sociais.

Ambas concelleiras explicaron como están repartidas as partidas do Presuposto Municipal para 2012 e expresaron que queda claro que o compromiso do Equipo de Goberno son o emprego e os servizos sociais xa que “nun momento de dificultade económica quixemos facer uns orzamentos comprometidos coas necesidades máis importantes que teñen os lucenses como con o emprego e os servizos sociais.”

Así, Carmen Basadre e Ana González Abelleira destacaron o incremento nos orzamentos para o vindeiro ano xa que se destinará para servizos sociais 7.520.564 euros, dos que 3.773.000 euros será para manter os servizos de axuda para máis de 700 persoas dependentes. Ademais tamén se incrementa o orzamento, a máis de 1 millóns de euros, para a escolarización de 240 nenos nas garderías municipais.

Ana González Abelleira tamén fixo un repaso das actuacións levadas a cabo dende a súa concellería ao longo do ano. Desta maneira destacou que durante o 2011 fíxose un investimento de case 1.500.000 euros só para desenvolver o servizo de atención ao fogar, no que se atenderon unha media de 500 persoas anuais. González Abelleira tamén destacou que “ se aumentaron as horas do servizo xa que no ano 2010 foron 133.700 e nas de 2.011 foron 148.823 horas, o que permitiu atender a máis xente e ofertar máis servizos como podoloxía ou fisioterapia”.

Polo que respecta aos Centros de Día Municipais, a Concelleira destacou a ocupación do cen por cen e sen lista de espera dos centros, un total de 105 prazas, e sinalou que esta é “unha prestación non financiada autonomicamente e pola que segue a apostar o Concello de Lugo”. Do mesmo xeito, Ana G. Abelleira destacou o investimento de 385.168 euros no Centro de Día Antonio Gandoy.

Sobre o servizo de Xantar no Fogar, Abelleira explicou que se repartiron un total de 14.729 menús ao longo do ano, para o que foi necesario un investimento de máis de 65.500 euros. Este servizo tivo unha media de 52 persoas mensuais que pagaban ata un máximo de 4,50 euros polo menú completo que leva almorzo, xantar e cea.

Nesta época de dificultades económicas, a Concelleira de Servizos Sociais salientou o incremento de orzamento para as axudas de emerxencia social, que para este ano 2011 estivo dotado con 120.712 euros. Os principais gastos foron en axudas para pagar alugueres de vivenda, que ocupou o 60%, e para gastos de manutención de vivendas como recibos da auga ou da luz que supuxo un 15%. Este tipo de accións serven para axudar en momentos puntuais a familias ou persoas que precisan cubrir algunha das súas necesidades básicas e non teñan posibilidades económicas.

Redución Axudas da Xunta

No Consello Local de Servizos Sociais tamén se deron a coñecer os recortes que a Xunta de Galicia está facendo, non só ao Concello, senón tamén as entidades promotoras do benestar social na cidade. Desta maneira, a Concelleira de Servizos Socias, explicou que “neste ano, o Concello de Lugo solicitou axudas para diferentes programas que se levan a cabo dende a área de Benestar Social, por exemplo para Axuda no Fogar solicitáronse 535.555 euros e a resolución da Xunta foi a concesión de 72.335, 53 euros, un 74% menos que no ano anterior”.

Ana González Abelleira incidiu en que “a Xunta non se está preocupando por desenvolver as súas obrigas como son a creación de emprego e o mantemento do benestar social o que está obrigando ás entidades municipais a facer un esforzo para manter a calidade de vida dos cidadáns.”


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova