Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Aprobados en Comisión os Presupostos do Concello para 2012 que prevén a mesma recadación por multas de tráfico que este ano


# Venres, 23/12/2011
A Concelleira de Economía informa de que o terceiro trimestre deste ano pechouse cun superávit de 10,6 millóns de euros a pesar do grave recorte nas transferencias da Xunta que superou o millón de euros

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, informou hoxe da aprobación en Comisión dos Orzamentos do Concello de Lugo para 2012, que se achegan ós 92 millóns de euros. Este é o paso previo para a súa aprobación pola Corporación Municipal na sesión plenaria prevista para o día 28.

Sonia Méndez manifestou que “á vista de que o proxecto de Orzamentos se aprobou coa abstención do Partido Popular e de que non puxo ningunha obxección nin os cuestionou, esperamos que non voten en contra no pleno”.

A Concelleira de Economía tamén asegurou que “non se vai producir aumento ningún na presión para recadar máis polas multas de tráfico xa que a cantidade que se prevé por este concepto é a mesma que se ven recadando neste ano 2011, xa que esta, como o resto das previsións, faise tendo en conta as cantidades executadas no exercicio actual”.

Sonia Méndez explicou que así se reflexa na liquidación orzamentaria deste ano, que tamén se tratou hoxe en Comisión, polo que afirmou que “o PP mentiu tendo á vista os datos de 2011”.

Tamén destacou a Concelleira de Economía a “incoherencia que supón criticar nunha mesma frase o déficit do guindastre e a recadación por multas de tráfico” e tamén considerou que é incongruente que “facer esa crítica cando, como demostran as hemerotecas, a mesma persoa estaba preocupada polo que consideraba descenso espectacular das multas no ano 2008”. “Claro que a falta de rigor do PP é patente porque tamén chegaron a afirmar que o Concello podía aforrar 300.000 euros nun contrato que só costa 80.000 euros”.

Méndez lembrou ademais que a recadación por multas de tráfico medrou xa nos últimos anos a raíz da instalación de dispositivos eficaces de control da velocidade como os radares na Ronda da Muralla e grazas á normalización da actividade da Policía Local.

Superávit na liquidación do terceiro trimestre

A Concelleira de Economía destacou que a proba de que as previsións económicas do Concello son atinadas é a liquidación do Orzamento municipal. Así, explicou que o Concello pechou o terceiro trimestre de 2011 con 10,6 millóns de superávit: os ingresos ascenderon a 74.700.000 euros e os gastos foron de 64.100.000 euros.

“A execución do terceiro trimestre demostra que os ingresos comportáronse segundo o previsto, fíxose unha boa previsión dos tributos municipais, posiblemente se acadará o 100% a finais de ano”, dixo a Concelleira de Economía.

Sonia Méndez recoñeceu que “na que sí fallamos foi na previsión de transferencias da Xunta e iso é debido ás promesas e convenios incumpridos pola Xunta de Galicia”.

No caso de Lugo, segundo explicou a Concelleira de Economía, “estamos no terceiro trimestre nunha redución sobre o previsto de 2 millóns de euros, levamos 800.000 euros menos do previsto en transferencias da Xunta, outros 200.000 euros menos para as escolas infantiis e outros 300.000 euros menos do previsto en emprego”.

Méndez tamén declarou que “nós fixemos ben esas previsións, tendo en conta as transferencias de anos anteriores, os convenios como o de axuda no fogar e os compromisos públicos do Presidente da Xunta de colaborar nas escolas infantís “ pero “o PP aplicou sorpresivamente un gravísimo recorte nos servizos sociais unha vez que concellos xa tiñamos feito o gasto”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova