Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo porá en marcha en 2012 unha Escola Municipal de Música para todas as idades


# Luns, 26/12/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O proxecto educativo estará dirixido polos músicos da Banda Municipal, que serán os encargados en impartir as clases de aprendizaxe de linguaxe musical e de instrumentos clásicos a nenos e nenas e tamén a persoas maiores

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe os Orzamentos da área de Cultura para o vindeiro ano, que inclúen a creación dunha Sala de Arte Contemporáneo Lucense e a dinamización do Auditorio Gustavo Freire


O Concello de Lugo porá en marcha o vindeiro ano unha Escola Municipal de Música que ofrecerá a todos os cidadáns a posibilidade de iniciarse no mundo da música. Así o anunciou en rolda de prensa esta mañá o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, que deu a coñecer os Orzamentos e prioridades da súa área para 2012.

O tenente alcalde explicou esta mañá que esta escola de música estará vinculada á Banda Municipal e serán os propios músicos da banda os que impartirán as clases das distintas disciplinas musicais. Nesta escola, que está dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas de todas as idades, poderanse adquirir coñecementos de linguaxe musical así como iniciarse nalgún instrumento. A gama abranguerá fundamentalmente aqueles vinculados á música clásica.

Antón Bao cifrou en 235.000 euros o investimento necesario para poñer en marcha esta Escola Municipal de Música e salientou que “prestará un novo servizo aos lucenses”. O tenente alcalde dixo que Lugo era ata o de agora unha das poucas cidades e mesmo vilas galegas sen unha escola destas características e dixo que agarda que sexa un servizo moi demandado, tendo en conta experiencias deste tipo noutras cidades onde está a ter moi boa acollida.

A escola comezará a funcionar para o vindeiro curso académico, no mes de setembro. Neste momento están a estudarse distintas posibles ubicacións en edificios e instalacións dependentes do Concello, indicou hoxe Antón Bao. Os músicos da Banda Municipal serán os profesores da escola, para o que pasarán a ter xornada completa, pois neste momento estaban contratados só a media xornada. O tenente alcalde indicou que deste xeito tamén se logrará “dignificar unha Banda Municipal como a de Lugo, de fonda historia e tradición, pero que nos últimos anos perdera en calidade”.

Sala de Arte Contemporánea Lucense

Bao dixo que a posta en marcha da Escola de Música será “o reto máis importante do vindeiro ano” da Concellería de Cultura, que tamén se marca outros obxectivos, como o de crear unha Sala de Exposicións de Arte Contemporánea Lucense, segundo anunciou o responsable de Cultura do Concello.

Bao indicou que nos Orzamentos do vindeiro ano resérvase unha partida de 50.000 euros para crear este espazo expositivo, que podería estar ubicado nunha das salas baleiras dentro do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), ubicado no parque de Frigsa. O tenente alcalde explicou que neste momento estanse a rematar as obras no MIHL, así como a colocación dos distintos elementos incluídos no proxecto museográfico e aínda que non aventurou data para a súa apertura, si indicou que “queremos abrilo sen que supoña ningún custo engadido”.

Máis programación no Auditorio Gustavo Freire

O tenente alcalde tamén se propuxo para o vindeiro ano que o Auditorio Gustavo Freire conte cunha programación máis estable e continuada. “Queremos manter as actividades xa consolidadas, pero queremos planificar outras novas para ter programación distribuída mensualmente; queremos que haxa máis actividades, máis diversas e máis asequibles”, anunciou o responsable de Cultura.

Bao indicou que haberá programación habitual de cine, música, teatro, maxia e danza, para o que se abrirán vías de colaboración con outras administracións e institucións, no camiño de avanzar nunha “axenda cultural única en colaboración con todos os axentes que traballan no eido da cultura na nosa cidade, para que así haxa unha mellor coordinación e un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles”, defendeu. Para a dinamización do Auditorio resérvase unha partida de 120.000 euros nos Orzamentos do vindeiro ano.

Outras partidas

O Orzamento de Cultura para 2012 tamén inclúe unha partida de 50.000 euros para mercar fondos para a Biblioteca de Frigsa e abrir a Biblioteca da Piringalla, 25.000 euros para mellorar o Arquivo e 20.000 euros destinados a Promoción da Lingua. O groso dos fondos de Cultura, 560.000 euros irán destinados á programación de actividades durante todo o ano, onde os nenos e nenas e as familias terán especial protagonismo, e 200.000 euros destinados a subvencións para a realización de actividades culturais por parte de asociacións e colectivos culturais da cidade, como Fonmiñá, Escobijazz ou a Filarmónica.

Bao dixo que en termos globais o Orzamento de Cultura mantense nas cantidades de anos anteriores. Para poñer en marcha o vindeiro ano novos servizos como a Escola Municipal de Música, a Biblioteca da Piringalla ou a Sala de Arte Contemporáneo reducirase noutros gastos, como en premios e certames (unha partida que se reduce á metade) ou no San Froilán, que reducirá o seu Orzamento un 10%.

Principais partidas da área de Cultura nos Orzamentos 2012:
- Actividades culturais: 560.000 euros
- Sala de Arte Contemporáneo: 50.000 euros
- Escola Municipal de Música: 235.000 euros
- Subvencións a asociacións: 200.000 euros
- Dinamización do Auditorio: 120.000 euros
- San Froilán: 680.000 euros
- Bibliotecas: 50.000 euros
- Arquivo: 25.000 euros
- Promoción da Lingua: 20.000 euros
- Premios e certames: 15.000 euros


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova