Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Vinte nenos e nenas gañan o concurso de Cartas aos Reis Magos e poderán facer de paxes na cabalgata


# Mércores, 28/12/2011
É a primeira vez que se escolle aos nenos e nenas que van nas carrozas das súas Maxestades de Oriente a través dun concurso de redacción infantil

O tenente alcalde, Antón Bao, agradeceu a “ilusión” que puxeron nas súas cartas os nenos e nesas participantes

Vinte nenos e nenas acompañarán este ano aos Reis Magos de Oriente na súa visita do vindeiro día 5 a Lugo e serán os seus paxes na cabalgata que percorrerá as rúas de Lugo na tarde do día 5. Foron os gañadores do Concurso de Cartas aos Reis posto en marcha por primeira vez este ano pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para escoller aos nenos e nenas encargados de lanzar os caramelos e lambetadas dende as carrozas das Súas Maxestades de Oriente.

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, agradeceu a “ilusión” que puxeron todos os participantes nas súas cartas e deu a coñecer o nome dos gañadores. O xurado, presidido polo escritor e membro da Real Academia Galega Darío Xohán Cabana, seleccionou hoxe as 20 mellores cartas de entre as participantes. Neste certame, que era a primeira vez que se organizaba, participaron nenos e nenas de todos os colexios da cidade de entre 9 e 12 anos. O premio para as 20 mellores cartas será poder acompañar aos Reis Magos na súa estancia en Lugo o día 5 de xaneiro durante a tradicional cabalgata.

Bao explicou que se ideou este certame literario infantil diante da grande demanda existente todos os anos para participar na cabalgata. Deste xeito, dixo, quérese incentivar a creatividade literaria dos nenos e nenas dende idades temperás e premiar a aqueles que máis esmero puxeron nas súas cartas converténdoos en paxes das súas Maxestades de Oriente na súa visita anual a Lugo. As cartas non podían superar un folio de extensión e o contido e forma eran libres, coa única premisa de que deberán comezar pola frase “Meus queridos Reis Magos”. O prazo de entrega dos orixinais no Concello rematou o 22 de decembro.

Moitos xoguetes e bos desexos

Unha cousa repítese na maioría das cartas presentadas polos nenos e nenas a este concurso: todos e todas din que se portaron ben este ano. A partir de aí comeza a listaxe de peticións, onde hai para todos os gustos: dende os máis materialistas que piden un telescopio, unha Nancy, libros ou a Play Station 3, aos máis altruístas que piden agasallos tamén para os seus irmáns e irmás, para os seus pais e mesmo para a avoa, para “que lle pase a dor de espalda”.

Boa parte tamén incluíron nas súas misivas aos Reis Magos peticións de bos desexos como “que se acaben as guerras no mundo” ou “comida para os nenos de Haití ou Somalia”. Hainos mesmo que entenden a situación de crise e din pedir “menos cousas” para si mesmo, nunha clara medida de austeridade persoal, os que piden “traballo para os meus pais” e outros, quizais máis prácticos, que apostan por “que lles toque a lotería”.

A maioría dos participantes son humildes: “a min se me escolledes como paxe xa me conformo”, pero os motivos para acompañar aos Reis Magos son diversos, dende os que queren ser paxe “para coñecervos en persoa” ou “ver o sorriso sa xente ao pasar” a outros que piden ir nas carrozas “para tirar os caramelos e as lambetadas”.

Hainos que dan algún consello ás súas Maxestades: “boa viaxe e abrigádevos ben, que isto non é Oriente”. Outros pola contra piden “que o ano que ven neve moito para facer bonecos e tirar bolas”. E mesmo hai quen se queixa e lles reprocha aos Reis que en anos anteriores lle tiveran traído “carbón”. Algún neno e algunha nena tamén lles lembran que na súa casa terán “auga para os camelos e leite e galletas para vós”.

En canto ao estilo das cartas, hai tamén para todos os gustos, e mesmo quen se atreve a escribila en verso:
   “Hai algo que me preocupa e se me escapa,
   por que sempre vides con aneis e capa?
   e nunca con sombreiro de palla
   para pasear por Recatelo, Paradai e A Piringalla.”

Lista de nenos e nenas premiados no Certame de Cartas aos Reis

Os nenos e nenas premiados neste Certame de Cartas aos Reis e que farán de paxes das súas Maxestades na cabalgata son:

Marta Alvariño Vázquez
María Arias Arroyo
Uxío Capón Lamelas
Uxía Cavero Sancosmed
Marta Centelles Mouriz
Carlota Fernández Castro
João Fernandes López
Jorge Fernández Fernández
Laura Fernández González
Roque Fernández Iglesias
Tania Fernández Siota
Mario Fraile Lorenzo
Zoe López Díaz
Jaime López de Juan
Laura López Esteban
Mª Carmen Miragaya Miragaya
Celtia Ana Neira Fernández
Ruth Ojea Rodríguez
Miguel Ortiz Piñeiro
Carmen Peñalver Dequidt




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova