Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aproba os Orzamentos municipais para 2012 que ascenden a 91,9 millóns de euros


# Mércores, 28/12/2011
A Concelleira de Economía destaca que son uns presupostos axustados que priorizan o investimento social e o emprego

O Pleno do Concello de Lugo aprobou hoxe os Orzamentos municipais para 2012, que ascenden a 91.915.290 euros, un 1,8% máis que este ano. A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, defendeu o proxecto de presupostos asegurando que se trata “duns orzamentos axustados, que medran por debaixo do IPC, seguindo a tendencia de contención dos últimos anos”.

Méndez lembrou que “os Orzamentos municipais diminuíron tanto en 2011 como en 2010. Nese ano, 2010, fíxose unha importante redución, dun 13% do orzamento total, co fin de axustar os ingresos aos gastos. Deste xeito conseguimos que ata o de agora todas as contas se pecharan cumprindo a estabilidade orzamentaria, a diferencia doutros Concellos ou da Xunta, que pecharon con déficit, coas consecuencias que esto conleva”.

A Concelleira de Economía tamén explicou que nos Presupostos para 2012 “a prioridade do Goberno local é, máis que nunca, o investimento social e o emprego”.
”Aforramos en todo aquelo que non é necesario e facemos un grande esforzo para axudar ás persoas que máis o necesitan neste tempo no que outras administracións miran para outro lado” indicou a Concelleira de Economía que destacou dúas liñas fundamentais no Presuposto para 2012. En primeiro lugar o mantemento do gasto social, do cal se benefician 700 persoas dependentes ou 240 nenos e nenas que utilizan as escolas infantís municipais e que ademais xenera máis de 200 postos de traballo directos. E a outra prioridade é o apoio ás persoas que se atopan en situación de desemprego, a creación de postos de traballo a través da dinamización económica, en concreto da industria, o comercio, o medio rural e o sector cultural e turístico, prestando especial atención á situación das mulleres e das persoas con discapacidade.

Medra ata acadar os 7 millóns o orzamento en Servizos sociais

“Os programas adicados a acción e promoción social, incrementan o seu orzamento, ascendendo a 7 millóns de euros”, destacou a Concelleira de Economía e explicou que “non se incrementan as partidas de administración ou de actividades de animación, pero se manterán abertos e con actividades todos os centros dos barrios así como as antigas escolas rurais transformadas en centros de convivencia”.

“A pesar das reducións que aplicou a Xunta, o Concello de Lugo adicará 3.773.678 euros para atención a persoas dependentes na súa casa ou en centros de día. O Concello de Lugo, os lucenses, asumiremos o que a Xunta nega a unha cidade cun importante número de persoas maiores, como é Lugo. A cantidade adicada a este fin non deixou de aumentar desde 2008, desde os 900.000 euros ata a cantidade actual. Esto son as decisións políticas que nos diferencias a uns e a outros”, afirmou Sonia Méndez.

Para a Concelleira de Economía, “está claro que non todos actuamos igual, non todos os gobernos actúan igual. Mentras a Xunta (PP) aplicou recortes sociais ao Concello de Lugo por máis de 800.000 euros, o anterior Goberno de España (PSOE) incrementou a axuda ao Concello para actuacións de prevención de drogodependencia”.

Tamén detallou que “consideramos fundamental a labor das asociacións de carácter social que traballan en Lugo, por iso mantemos as subvencións ás asociacións, partida que ascende a 452.000 euros. Asociacións que este ano tamén foron vítimas da tixeira implacable da Xunta” e explicou que se manteñen “as axudas para emerxencias sociais, xestionadas con rigor polas traballadoras sociais deste Concello”.

Investimento en Educación

“Tampouco sacrificamos a educación. Nas escolas infantís investiremos máis de 1.000.000 euros, cos que o Concello garante o funcionamento das catro garderías municipais. As prazas en garderías son insuficientes en Lugo”, sinalou Méndez e engadiu que “a Xunta, administración competente na materia, considerou que dúas escolas infantís eran suficientes. Qué sería dos 240 nenos e nenas atendidos polo Concello e das súas nais e pais se non fixeramos no seu día esta aposta? É un dos moitos compromisos que o Presidente da Xunta incumpriu, a contribución económica equitativa ao mantemento das escolas infantís municipais”.

“As escolas infantís son fundamentais nunha sociedade que quere favorecer a conciliación. Tamén son importantes os programas de ociotecas ou de actividades extraescolares. Aos novos gobernos do PP en cidades galegas como A Coruña faltoulles tempo para reducir estes programas. Os nenos e nenas de Lugo e as súas nais e pais tiveron máis sorte e o Concello manterá este programa social”, manifestou a responsable de Economía.

Ademais detallou que “o Concello financia en solitario o mantemento, reparacións, ascensores, subministro eléctrico, limpeza, etc. de todos os colexios públicos do municipio. Outro incumprimento máis do presidente Feijóo. Touriño asinara coa FEGAMP o Pacto local polo cal paulatinamente os gastos dos colexios públicos serían asumidos pola Xunta. De feito, naquela época, a Xunta liberou aos Concellos do gasto en calefacción. Desque chegou o PP nunca máis se falou deste gasto que asumen inxustamente os Concellos”.

Defendeu tamén a “necesidade dun reparto competencial claro, xa non de financiamento. É urxente que a Xunta asuma as súas obrigas ou ben que as asuman os Concellos pero coa correspondente financiación. Nos conformaríamos con que a Xunta cumprira o Pacto local en educación, así o Concello non tería que aportar máis de 3 millóns de euros. Pero a Xunta, non só non executa o asinado Pacto senón que ano tras ano reduce a súa mínima aportación”.

Deportes

Na súa intervención, a Concelleira de Economía manifestou tamén que “o fomento da actividade deportiva é tamén investimento social, investimento en persoas. É importante seguir contribuíndo a labor que realizan os clubes deportivos locais. Aínda que o fixo a bombo e platillo, a Xunta adica só 300.000 euros para toda a provincia, e o Concello destina 1,1 millóns para os da nosa cidade”.

Crece tamén, nun 17%, o orzamento para fomentar o emprego

A loita contra o desemprego tamén queda reflectida no proxecto de Orzamentos que recolle a financiación para programas de inserción laboral de persoas que perderon o seu emprego ou que están na busca do primeiro posto de traballo.

Así, Sonia Méndez explicou que “o Concello financia en exclusiva, con fondos propios, programas como o PILES, para que 30 persoas realicen traballos de xardinería e obras no municipio”.

“A este Goberno local cando lle pechan unha porta, abre outra” declarou a Concelleira de Economía. Díxoo ó lembrar que “por primeira vez (nin Fraga o fixo) a Xunta privou a Lugo dun obradoiro de emprego. Só lles tocou aos concellos da provincia gobernados polo PP. En lugar de quedarnos de brazos cruzados e botar a culpa a outros, presentamos bos proxectos e obtivemos fondos europeos que se recollen no orzamento de 2012 e que servirán para o desenvolvemento de sectores estratéxicos en Lugo”, dos que mencionou, no sector do patrimonio cultural-turismo, os proxectos Muralla Dixital, do Plan Urban e formación en Canteiría para rehabilitación; no sector turístico, apoio a establecementos de comercio e hostalería e a apertura do MIHL; para o medio rural, o programa Lugo emprego activo 2 e na industria, a creación do primeiro Viveiro de naves; ós que hai que engadir actuacións como os programas de formación no estranxeiro, Lugoqualitas, e os de colaboración con entidades como COGAMI.

“Deste modo o fomento do emprego incrementa o seu orzamento nun 17%, superaremos os 2 millóns de euros”, anunciou a Concelleira de Economía que cifrou en “máis de 500 persoas as que participarán e centos as que reciban orientación laboral e para o emprendemento dos técnicos do Concello”.

O Concello ademais opta a 900.000 euros máis de fondos europeos para axudar a atopar traballo ás persoas en situación de desemprego de Lugo.

Outros investimentos

Sonia Méndez aclarou que o Concello fará o principal esforzo nas áreas social e de emprego pero non vai desatender “as obras en barrios e na zona rural que melloran a calidade de vida e dan emprego”. E dixo que haberá investimentos en “manter a calidade da auga, dos servizos básicos que presta o Concello, como a limpeza de rúas a recollida de residuos, as zonas verdes e as zonas de xogos infantís e biosaludables, as actividades culturais, etc”

Así a Concelleira de Economía asegurou que “estes orzamentos contribuirán a mellorar a calidade de vida dos lucenses, tanto dos que viven en barrios como na zona rural, e a que poidan disfrutar en igualdade de dereitos dos mesmos servizos, independentemente do lugar onde residan”.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova