Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os nenos hospitalizados no HULA disfrutarán mañá en directo do espectáculo musical infantil "CantaJuego"


# Martes, 03/01/2012


Imaxe Asociada
A representación terá lugar pola mañá na planta de Pediatría como preludio á actuación que pola tarde encherá de nenos e nenas o Pazo Provincial dos Deportes

Trátase dun proxecto pedagóxico-teatral para nenos e nenas de 0 a 6 anos que está considerado o fenómeno da década no eido dos musicais infantís

Nenos e nenas internados en casas de acollida e centros de menores entrarán gratis

Lugo acollerá mañá mércores a única actuación en Galiza durante este verán do espectáculo musical infantil Cantajuego, que chega a Lugo grazas á colaboración das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Será ás seis e media da tarde no Pazo Provincial dos Deportes. As entradas están xa esgotadas. Foron vendidas máis de 4.000 entradas, polo que as butacas do Pazo estarán ateigadas de nenos e nenas para desfrutar deste espectáculo, o fenómeno musical do momento para o público infantil.

Pola mañá, os nenos e nenas que están ingresados no Hospital Lucus Augusti poderán desfrutar en exclusiva dun concerto privado. Será ás 12 da mañá na planta de Pediatría do Hula, a onde acudirán todos os integrantes de Cantajuego, xunto aos personaxes preferidos dos nenos: Coco, o burro Pepe, a infaltable Buby e o pallaso Tallarín. Tamén a iniciativa do responsable de Cultura do Concello, o nacionalista Antón Bao, foron repartidas entradas para o espectáculo da tarde entre os nenos e nenas que viven en casas de acollida e centros de menores da capital, que pasarán gratis.

O musical infantil ‘Nadal na Aldea Encantada’ de CantaJuego, que se representará mañá en Lugo é o espectáculo de referencia no lecer infantil neste momento en medio mundo. Trátase dun proxecto pedagóxico-musical en formato teatral e audiovisual, desenvolto por especialistas na estimulación psicomotriz e no traballo psicopedagóxico, que estimula a imaxinación e a fantasía con fin de potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais entre os máis pequenos.

O proxecto naceu no ano 2004, cando os directores de DiverMusic decidiron lanzar o primeiro volume de CantaJuego, que consistiu nun DVD e CD musicais cunha revisión do cancioneiro popular infantil español e iberoamericano. Pouco a pouco e mediante o boca-orella, foi coñecéndose nos centros educativos e nas gardarías e grazas ao éxito nestes ámbitos, o proxecto chegou directamente ás familias, que, dende entón, poden compartir na casa as actividades dun lecer creativo que reforza o desenvolvemento educativo e a integración. En pouco tempo, a proposta alcanzou un alto grao de aceptación e fixo de CantaJuego o fenómeno infantil da última década. As cifras o confirman e dende a primeira xira que ofreceu en 2008 acumula máis de 150.000 espectadores. Nas máis de 40 representacións en 2008 e durante os seis meses que permaneceu en cartel no 2009 cada día colgou o cartel de “entradas esgotadas”.

Este espectáculo está deseñado especialmente para o público infantil, sobre todo para nenos de 0 a 6 anos, xa que propón unha serie de números que favorecen o desenvolvemento do sentido rítmico, do movemento, o xesto e a expresión corporal, ademais de educar o oído e a voz a través da música, o canto e o baile. Ademais, ofrece aos adultos a oportunidade de compartir cos seus fillos un espectáculo interactivo, pois os contidos do concerto están especialmente deseñados para que os pequenos reproduzan os movementos dos actores e protagonicen as coreografías. Enlazadas por un divertido e abraiante fío condutor, as cancións de CantaJuego son interpretadas polos membros do Grupo EnCanto, que non están solos, senón que aparecen en escea acompañados polos personaxes favoritos dos máis pequenos, creando unha grande variedade de atmosferas e desatando emocións en cada momento.

Unir esforzos entre institucións para aforrar custos

CantaJuego chega a Lugo grazas á colaboración das áreas de Cultura do Concello e a Deputación. A boa sintonía existente entre ambas institucións está a posibilitar nos últimos meses que se programen actividades conxuntas, como ocorreu no San Froilán, nas actividades da ponte de decembro ou agora nas actividades de Nadal, co que se consegue unha redución de custos e un importante aforro económico.

Ámbalas dúas institucións, Concello e Deputación, traballan tamén neste momento, en colaboración con outras institucións e asociacións do eido cultural existentes en Lugo, no obxectivo de poñer en marcha unha Axenda Cultural Única, que coordine e programe todas as actividades que se desenvolven na cidade durante o ano.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova