Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 200 figurantes e artistas participarán mañá na cabalgata de Reis máis numerosa de cantas se levan feito en Lugo


# Mércores, 04/01/2012


Os nenos e nenas da cidade, que durante todo este Nadal ensaiaron en distintos obradoiros organizados polo Concello, serán os verdadeiros protagonistas dos distintos espectáculos que irá habendo ao longo de todo o percorrido

Por primeira vez os caramelos e lambetadas que se repartirán serán aptas para celíacos

A comitiva Real de Oriente sairá ás cinco e media da tarde do parque de Frigsa e rematará na Paza Maior, onde as súas Maxestades recibirán en audiencia aos nenos e nenas de Lugo

Os Reis Magos de Oriente percorrerán mañá as rúas de Lugo en tres flamantes carrozas tiradas por tres tractores antigos cedidos pola Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC) e recibirán despois en audiencia aos nenos e nenas da cidade na Casa do Concello. A comitiva Real de Oriente sairá ás cinco e media da tarde do Parque de Frigsa e será a máis numerosa da historia, posto que máis de 200 figurantes e artistas acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu percorrido.

Este ano os verdadeiros protagonistas da cabalgata serán os nenos e nenas de Lugo, que durante todo este Nadal ensaiaron os distintos números e espectáculos que representarán ao longo do percorrido en talleres organizados polo Concello. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello, que dirixe o nacionalista Antón Bao, puxo especial fincapé este ano en dar participación aos nenos e nenas na cabalgata, polo que tamén organizou un certame literario infantil de Cartas aos Reis para seleccionar aos paxes reais. Os gañadores, 20 nenos e nenas, serán os afortunados que acompañarán nas súas carrozas a Melchor, Gaspar e Baltasar e serán os encargados de lanzar dende elas os caramelos e lambetadas.

Esta é outra das novidades deste ano, porque todos os caramelos que se repartirán serán por primeira vez aptos para celíacos. Esta era unha vella demanda a Asociación Galega de Celíacos (AGAC) que se ve agora cumprida.

O percorrido deste ano sofre unha pequena variación con respecto ao de anos anteriores como consecuencia da peonalización da rúa San Marcos. Así, partirá coma sempre do Parque de Frigsa e percorrerá a rúa Montefaro e a Avenida da Coruña ata San Fernando, onde entrará no casco histórico pola Praza de Ferrol e desviarase logo por Bolaño Ribadeneira e Quiroga Ballesteros para confluír de novo na Praza de Santo Domingo e percorrer a rúa da Raíña ata a Casa do Concello na Praza Maior.

Importante redución de custo

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua logrou reducir este ano de maneira moi notable o custo da cabalgata sen que esta perda calidade e vistosidade. O aforro económico ronda o 30%, fundamentalmente no custo das carrozas, que foron contratadas este ano directamente, sen intermediarios, a unha empresa especializada de Valencia, co que se logrou reducir de 11.300 euros doutros anos a 6.200 euros este ano. Tamén se aforrará en extras e animación, que normalmente era contratada a unha empresa e este ano encargaranse diso grupos de teatro de Lugo. En total, o custo da cabalgata deste ano rondará os 20.000 euros, fronte aos 28.300 euros que custou o ano pasado.

A cabalgata deste ano contará coa colaboración económica da empresa E-On. Estará formada por catro carrozas, tres aportadas polo Concello, que serán nas que viaxen Melchor, Gaspar e Baltasar, e unha cuarta cedida polo centro comercial As Termas.

Durante todo este percorrido máis de 200 persoas entre nenos e maiores realizarán distintos espectáculos para animar a xornada. Este ano contouse cos grupos de teatro da cidade e con distintas asociacións e colectivos, como as patinadoras do Clube Lóstregos ou as asociacións de castrexos e romanos do Arde Lucus, que escoltarán ás súas Maxestades de Oriente. Integrantes dos clubes deportivos da cidade terán unha estreita relación persoal este ano con Melchor, Gaspar e Baltasar.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova