Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Auditorio Gustavo Freire contará con programación estable de teatro, música, danza e cine todos os meses


# Xoves, 12/01/2012
A programación arrinca este sábado coa obra Tango, de Sarabela Teatro. A vindeira semana haberá teatro infantil

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, pretende “ofrecer unha programación variada, de calidade e a prezos asequibles” para “dinamizar o auditorio e que Lugo entre a formar parte dos circuítos artísticos a nivel galego e estatal”

Outra das novidades da programación do auditorio é a introdución de espectáculos de danza, que comezarán cunha clase maxistral o vindeiro xoves a cargo do destacado bailarín e coreógrafo Ángel Corella


A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o nacionalista Antón Bao, pretende “que a cidade de Lugo entre a formar parte dos circuítos artísticos a nivel galego e estatal”. Bao presentou esta mañá as liñas mestras da nova programación cultural do Concello, que contará con teatro, música, danza e cine todos os meses do ano.

O tenente alcalde explicou que con esta programación preténdese “dinamizar o auditorio Gustavo Freire cunha programación estable, variada, de calidade e a prezos asequibles a todos os públicos”, insistiu Antón Bao esta mañá. “Esta nova política cultural pretende dinamizar o auditorio e ofrecer a todos os lugueses e luguesas moita máis programación, todos os meses haberá teatro, danza e teatro infantil no auditorio e estamos traballando tamén para que haxa cine de maneira habitual, máis alá da Semana de Cine que se celebra no mes de setembro”, anunciou o responsable de Cultura.

No eido do teatro, tocaranse todas as modalidades, estilos e disciplinas. “Haberá teatro galego, teatro clásico, teatro infantil, teatro afeccionado, teatro universitario, etc.”, enumerou Bao, que indicou tamén que “os grupos de teatro de Lugo terán á súa disposición o auditorio para as súas estreas e representacións durante todo o ano e que estas formarán parte da programación do auditorio”, dixo. “Queremos que os grupos de teatro profesionais e afeccionados de Lugo estreen as súas novas producións como é lóxico na súa propia cidade”, afirmou.

Antón Bao tamén explicou que se manterán na programación ciclos xa consolidados, como a Mostra de Teatro Clásico, que terá lugar a principios de febreiro; ou as Mostra de Teatro Universitario e de Teatro Grecolatino, que terán lugar no mes de marzo.

Incentivar a presenza de compañías en xira

O responsable de Cultura explicou a súa intención de que a nosa cidade conte “cunha programación de calidade, ao nivel da que hai noutras cidades galegas”. “Queremos, en definitiva, que Lugo entre a formar parte dos circuítos comerciais de distintas disciplinas artísticas, tanto para compañías galegas como de fóra do país”, insistiu Bao, que adiantou que para reactivar o uso do auditorio tamén se incentivará a presenza de compañías en xira para que programen en Lugo as súas representacións de teatro, danza, música, maxia, etc.

Presenza da danza

Outra das novidades da nova programación do auditorio Gustavo Freire é a presenza da danza. “Non quixemos esquecernos da danza, máis tendo en Lugo un Conservatorio de Danza como temos”, xustificou Bao. Atendendo unha petición do Conservatorio e dos afeccionados danza na cidade, unha vez o mes programarase danza no auditorio, para que non sexa necesario desprazarse a outras cidades para poder asistir a espectáculos desta disciplina artística.

A danza abrirase no Gustavo Freire o vindeiro xoves cunha actividade de auténtico luxo, unha clase maxistral a cargo do destacado bailarín e coreógrafo Ángel Corella. Corella é o bailarín principal do American Ballet Theatre de Nova York e colabora cos principais ballets do mundo, e é neste momento un dos bailaríns españois máis recoñecidos internacionalmente.

A súa lección maxistral en Lugo será o xoves 19 ás 17:30 horas no auditorio. Acompañarano no escenario 30 alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo. O público xeral poderá asistir de oínte a esta clase maxistral. Ademais da clase haberá unha proxección sobre a súa obra.

Bao anunciou tamén que ademais desta estrea, no mes de abril haberá, por primeira vez en Lugo, unha Semana da Danza, con presenza de destacados ballets e compañías.

Teatro galego de vangarda e teatro infantil

O responsable de Cultura tamén destacou na programación o protagonismo que terá o teatro galego. “Contaremos con compañías de teatro profesional adulto e infantil que porán en escena obras que están acadando éxito de publico, pero tamén primaremos a calidade escénica si como a mezcla coa vangarda teatral que xorde cada dia no noso pais”, explicou Antón Bao, que anunciou que as principais compañías galegas pasarán por Lugo e estarán presentes alomenos unha vez ao mes na nosa cidade.

Abrindo este mes estará unha das compañías galegas máis punteras e de máis traxectoria, como é Sarabela Teatro, que representará este sábado ás 20:30 horas a obra Tango, unha sátira delirante adaptación da obra orixinal de Mrozek que está a ter moito éxito no circuíto galego, segundo explicou a actriz Fina Calleja, que estivo presente hoxe na rolda de prensa.

Sarabela abre a temporada 2012 en Lugo cunha nova e coidada proposta escénica na que participan Fernando Dacosta, Fina Calleja, Vicente de Souza, Elena Seijo, Sabela Gago, Lino Braxe e Nate Borrajo. A adaptación e dramaturxia correu a cargo de Ánxeles Cuña.

Sarabela tamén será a encargada de representar o domingo 22 ás seis da tarde a obra Konrad, destinada a toda a familia e tamén ao público infantil. A partir dun texto austríaco que estivo presente na feira europea de teatro, Konrad plantexa as grandes incógnitas da educación dos cativos na sociedade actual.

Política de prezos asequibles

Antón Bao explicou tamén que a nova política de prezos do Concello para as actividades culturais será unha política de prezos asequibles co obxectivo de popularizar a cultura e achegar a ela ao maior número de público posible. “Máis aínda na situación económica na que nos atopamos, hai que facilitar o acceso á cultura ás clases con máis dificultades económicas”, xustificou o responsable de Cultura.
 
Os prezos oscilarán entre 3 e 5 euros, dependendo do caché da obra. Haberá descontos do 50% para xubilados, parados, estudantes e menores de 12 anos e bonificacións para que poidan asistir grupos dos centros de ensino.

Este mes comeza o Teatro con:  
14/01/2012 20:30h   Sarabela Teatro  Tango   5€ 
  
Este mes comeza a Danza con:  
19/01/2012 17:30h  Ángel Corella  Clase Maxistral de Danza  (10 € entrada xeral, 5 € para os alumnos do Conservatorio de Danza - poden sacarse na Oficina Municipal de Turismo e na Taquilla do Auditorio ) 

E o teatro infantil comeza con:
22/01/2012 18h   Sarabela Teatro   Konrad   3€ 

Obras de teatro programadas no convenio co AGADIC para o primeiro semestre do ano:

14/01/2012
Sarabela Teatro
Tango                                5€ 

24/03/2012
Talía Teatro
Pelos Na Lingua                 5€ 

14/04/2012
Santiago Cortegoso
A Filla de Woody Allen         3€

05/05/2012
Volta e Dalle
Menciñeiros                         3€ 

12/05/2012
Grupo Chévere
Citizen 1                              5€ 

26/05/2012
Abrapalabra
Memorias dun neno labrego   3€ 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova