Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O número de turistas descende un 2% na cidade de Lugo que pechou o ano 2011 cun total de 36.379 turistas


# Martes, 17/01/2012
A crise fai que descenda o número de viaxes organizadas de grupos pero segue aumentando o turismo estranxeiro, sobre todo o procedente doutros países da UE, que medrou un 27% o pasado ano

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, avanza que os tres eixos nos que se centrará a oferta turística do Concello neste ano serán o turismo cultural, o turismo de natureza e a gastronomía

Un total de 36.379 turistas visitaron a cidade de Lugo durante o pasado ano, o que supón un descenso un 2% con respecto ao ano 2010, que foi ano Xacobeo, algo que se nota no turismo de paso cara a Santiago que fai unha parada en Lugo. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, deu hoxe os datos do pasado ano e indicou que pese a esta circunstancia e á situación de crise económica, que está a afectar tamén de xeito moi importante no turismo, a cidade de Lugo está a resistir ben.

De xaneiro a decembro pasado a Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, rexistrou 756 visitantes menos que no ano anterior. Debido á crise, descenderon este ano en máis de 2.000 o número de turistas que chegaron en grupos organizados, mentres aumentou o número de persoas que se achegaron a Lugo pola súa conta, sen viaxe organizada. “Por iso é cada vez máis importante ofrecer servizos coma esta nova sinalización que hoxe inauguramos”, argumentou Bao, que participou esta mañá a presentación das novas sinais turísticas.

En total foron colocados 30 paneis en zonas do casco histórico e na entrada do Camiño Primitivo. Foron colocados, por exemplo, planos en todas as portas da Muralla, información ao pé dos edificios e elementos patrimoniais máis senlleiros e destacados e sinaléptica direccional nas principais rúas. As sinais permiten acceder a información a través do móbil mediante códigos QR. En total investíronse na colocación desta sinalización 75.000 euros procedentes de fondos do Plan Urban.

Procedencia: aumentou un 27% o número de turistas europeos

Un feito salientable dos datos de turistas do pasado ano é o aumento de turistas estranxeiros, sobre todo procedentes doutros países da Unión Europea, que aumentaron un 27% o pasado ano. O 10,6% dos turistas que viñeron a Lugo en 2011 procedían dalgún país da UE, fronte ao 6,4% do pasado ano. Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia e Portugal son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo. De fóra da UE, os principais países emisores de turistas a Lugo son Arxentina, EEUU, Brasil e Xapón.

Con todo, e pese ao aumento de turistas estranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 60% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Cataluña, País Vasco, Andalucía e comunidades próximas como Castela-León ou Asturias son, por esta orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo. Finalmente, o 6% dos turistas que veñen á nosa cidade proceden dalgunha das 4 provincias galegas.

Por meses, a cidade de Lugo mantivo o número de visitantes durante o verán. O responsable de turismo explicou que en xullo, agosto e setembro a Oficina de Turismo recibiu un total de 17.326 visitantes (4.738 en xullo, 8.766 en agosto e 3.822 en setembro), o que supón unha media de case 200 persoas diarias. “Este verán Lugo aguantou o tipo no que se refire ao turismo, que non é pouco co que está caendo”, afirmou Antón Bao, que dixo sen embargo que o obxectivo é por un lado lograr un “incremento paulatino no número de visitantes” e “conseguir que queden máis tempo na cidade”.

As rutas por Lugo e os arredores continuarán no 2012

Lugo ofreceu este ano por primeira vez visitas guiadas polos principais lugares e monumentos da cidade e os seus arredores, unha iniciativa que tivo moi boa acollida e que Antón Bao anunciou que continuarán este ano durante épocas como os meses do verán e en datas como a Semana Santa ou a ponte de decembro. Bao destacou o “éxito” logrado con estes circuítos culturais, para os que se esgotaron as prazas ofertadas.

As rutas, que se poñen en marcha tanto para os lugueses e luguesas como para os turistas que visiten a cidade, pretenden “dar a coñecer os distintos elementos de valor patrimonial cos que conta Lugo dun xeito profesionalizado”, indicou Bao, que explicou a necesidade de crear “paquetes turísticos atractivos”. Nesta iniciativa colaboran a Deputación, a Universidade e a Xunta de Galiza, titulares dalgúns dos bens que van ser visitados.

Estes circuítos, teñen unha duración de dúas horas e media e os grupos por cada guía son dun máximo de 30 persoas. O tenente alcalde, Antón Bao, explicou que estas rutas terán continuidade este ano como parte da oferta turística oficial do Concello.

Obxectivos: atraer o turismo de proximidade e aumentar a estancia

Con este tipo de iniciativas a área de Turismo que dirixe o nacionalista Antón Bao persegue atraer cara a cidade de Lugo a turistas que se atopan en lugares próximos nas pontes ou nas fins de semana para desestacionalizar o turismo e que haxa visitantes durante todo o ano e non só nos meses de verán.

Ao mesmo tempo, a área de Turismo pretende aumentar a estancia dos turistas que veñen a Lugo. Para iso, este verán púxose en marcha a tarxeta turística LugoCard, que ofrece distintos servizos e descontos para estancias de 1, 2 e 3 días na cidade de Lugo.

www.lugoturismo.com

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova