Imprimir

A VINDEIRA SEMANA COMEZARÁN AS OBRAS DA RÚA DA INDUSTRIA, UN DOS PRINCIPAIS VIAIS DO POLÍGONO INDUSTRIAL DO CEAO


17/1/2012 Manterase en todo momento durante o tempo que duren os traballos a circulación para permitir o servizo ás naves industriais e empresas asentadas nesta zona

A concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, explicou onte na sede da Asociación de Empresarios do Ceao o proxecto, que renovará tanto servizos como pavimento e reordenará os espazos destinados a calzada, aparcamento e beirarrúa

As obras na rúa da Industria comezarán a vindeira semana e prolongaranse por un período de catro meses. A Concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, mantivo este luns pola noite unha reunión na sede da Asociación de Empresarios do Polígono do Ceao, que dirixe Angel López, coa finalidade de explicar os pormenores da segunda fase de renovación desta rúa.

Esta importante vial do Ceao atópase nun estado precario, con pavimentos moi deteriorados, servizos obsoletos e unha configuración que non se adapta ás necesidades actuais para o tráfico pesado que circula diariamente polo polígono industrial. As zonas axardinadas, debido ao tráfico de camións de gran tamaño e a súa necesidade de manobra, serven como zona de manobra polo que o seu estado de deterioro é enorme. A inexistencia de drenaxes nestas zonas verdes e baixo a vía supón a filtración e a non evacuación controlada de augas polo que se producen correntes subterráneas de auga que deterioran aínda máis os pavimentos.

O proxecto pretende a ampliación da calzada para conseguir unhas zonas laterais de aparcamento e unha zona central con aproveitamento para manobra , eliminando as zonas verdes laterais que lindan coa calzada. Tamén se eliminará a mediana central, que se pavimentará nas mesmas condicións que os carrís de circulación, de tal forma que no futuro, unha vez suprimida a vía area de media tensión, poderá aproveitarse para reordenación de carrís ou reordenación de calzadas. Ademais preténdese realizar unha mellora dos servizos de alumeado e abastecemento e crear uns elementos de drenaxe superficial e evacuación de augas superficiais e procedentes de filtracións acordes coa nova sección.

A empresa adxudicataria é Construcciones Ponciano Nieto, seleccionada entre 39 empresas. Finalmente adxudicouse por un montante de 237.551,77 € IVE incluído.

Desenvolvemento das obras

A concelleira Paz Abraira explicou a planificación que xunto ao Servizo de Enxeñería fixo o Gabinete de Tráfico do Concello e a empresa adxudicataria para interferir o mínimo posible na actividade empresarial da zona.

As obras comezarán pola mediana sentido Inspección-Artesáns, para facer a canalización. Logo comezarán polas beirarrúas, sendo as entradas das empresas todas o suficientemente anchas para que traballen nunha metade e cando rematen fagan a outra. A esto hai unha excepción que no momento de abordalo xa se pon a empresa en contacto con eles para buscar o mellor momento. O asfaltado da rúa fará dentro de 2 meses, pero sempre convivirá o trafico en ambos sentidos da circulación ata a ultima fase, a cal levará unha xornada e buscarase o mellor día para eles (probablemente un sábado).

O Concello de Lugo mantén na súa web un banner de información do estado das obras en marcha licitadas polo Concello, no que se informa tanto aos usuarios e aos condutores do estado no que se atopan e das medidas de tráfico adoptadas en cada momento.

Logo de que se acometan estes traballos da segunda fase quedaría unha última fase por realizar nesta rúa, a que vai da intersección da rúa de Inspección ao acceso de Bagueixos.

Coñeza os proxectos en execución.