Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Trinta alumnos e alumnas do Conservatorio de Danza participarán na lección maxistral que impartirá este xoves en Lugo o bailarín e coreógrafo Ángel Corella


# Martes, 17/01/2012


Imaxe Asociada
A clase, de dúas horas de duración, poderá ser seguida polo público en xeral dende o patio de butacas

Esta actuación abre o programa de danza do Auditorio Gustavo Freire, unha das novidades da programación do auditorio municipal para esta tempada


O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá este xoves o primeiro dos espectáculos de danza previstos para esta tempada dentro da programación cultural organizada polo Concello. O destacado bailarín e coreógrafo Ángel Corella será o encargado de abrir esta programación cunha lección maxistral de danza na que participarán 30 alumnos e alumnas do Conservatorio de Lugo.

Corella é o bailarín principal do American Ballet Theatre de Nova York e colabora cos principais ballets do mundo, e é neste momento un dos bailaríns españois máis recoñecidos internacionalmente. A súa lección maxistral en Lugo será este xoves día 19 ás 17:30 horas no auditorio Gustavo Freire. Acompañarano no escenario 30 alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo. A clase durará 2 horas e comezará coa proxección dun documental didáctico sobre a súa obra.

O público xeral poderá asistir de oínte a esta clase maxistral dende o patio de butacas. As entradas para público xeral custan 10 euros e 5 para os alumnos e alumnas do Conservatorio. Poderán adquirirse no propio auditorio a partir das catro e media da tarde, unha hora antes do comezo da función, e pola mañá na Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, en horario de 10 a 14 horas.

Lugo acollerá unha Semana da Danza no mes de abril

A presenza da danza é unha das principais novidades da nova programación do auditorio Gustavo Freire para esta tempada. Ademais desta estrea a cargo de Ángel Corella, unha vez ao mes haberá danza no auditorio. Ademais destes espectáculos, no mes de abril haberá, por primeira vez en Lugo, unha Semana da Danza, con presenza de destacados ballets e compañías.

“Non quixemos esquecernos da danza na programación do Auditorio, máis tendo en Lugo un Conservatorio de Danza como temos”, xustificou a semana pasada na rolda de prensa de presentación da programación deste semestre o tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao. Atendendo unha petición do Conservatorio e dos afeccionados danza na cidade, unha vez o mes programarase danza no auditorio, para que non sexa necesario desprazarse a outras cidades para poder asistir a espectáculos desta disciplina artística.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova