Imprimir

A CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN ASINA UN ACORDO CON FADEMGA PARA FACILITAR A FORMACIÓN DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE


19/1/2012 O Concello autoriza o uso do Espazo>Lab para preparar a persoas con discapacidade intelectual a un proceso selectivo que convocou a Administración galega

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, e Carmela González Lanjarón, membro da Xunta Directiva de FADEMGA-FEAPS (Federación de Asociacións de persoas con discapacidade intelectual de Galicia), presentaron hoxe un acordo de colaboración que ten por obxecto facilitar a formación e a integración laboral de persoas con discapacidade.

O acordo inscríbese na colaboración permanente que mantén o Concello de Lugo, a través do Espazo>Lab, con todas as asociacións e entidades que agrupan a persoas con discapacidade e que traballan no ámbito do emprego, segundo destacou a Concelleira de Educación. Esther Muñoz salientou que “na Concellería de Educación estamos encantados de poder colaborar, como facemos con outras asociacións, porque dende o Concello queremos dar o noso apoio para a plena inserción laboral das persoas con discapacidade”.

Pola súa parte, Carmela González Lanjarón, insistiu en que “é necesario que a sociedade apoie a inserción das persoas con discapacidade, que teñen os mesmos dereitos que o resto das persoas” e dixo que este acordo “é un paso para axudar a que poidan acceder ó mundo do traballo, para o que se necesita darlles formación”.

Co acordo asinado hoxe, a Concellería de Educación facilítalle a FADEMGA instalacións no centro de orientación laboral municipal, o Espazo>Lab, para axudar a persoas con discapacidade a prepararse para un proceso selectivo para ingresar na Administración galega como persoal laboral fixo.

O obxectivo é que esta entidade dispoña dun espazo axeitado para levar a cabo actividades formativas de reforzo e preparación dun proceso selectivo dirixido a persoas con discapacidade intelectual que convocou a Secretaría Xeral da Función Pública para o ingreso como persoal laboral fixo coa categoría de Axudante de Xestión e Servizos Comúns.

No acordo establécese que o Concello autoriza a FADEMGA a facer uso dun aula do Espazo>Lab, entre o 23 de xaneiro e o 31 de maio, en horario de 16.00 a 19.00 horas.

www.lugo.es/espazolab