Imprimir

O AUDITORIO GUSTAVO FREIRE INICIA ESTE DOMINGO A PROGRAMACIÓN DE TEATRO INFANTIL CON "KONRAD"


20/1/2012 A obra de Sarabela Teatro, destinada a todos os públicos, plantexa as grandes incógnitas da educación dos cativos na sociedade actual

A nova programación para esta tempada do Auditorio Gustavo Freire inclúe cando menos unha vez ao mes unha obra de teatro infantil

Konrad, de Sarabela Teatro, abre este domingo a programación de teatro infantil do Auditorio Gustavo Freire. A posta en escena desta obra destinada a todos os públicos será ás seis da tarde e as entradas custan 3 euros.

A partir dun texto austríaco de Christine Nostlinger que estivo presente na feira europea de teatro, Konrad plantexa as grandes incógnitas da educación dos cativos na sociedade actual. A obra está destinada non só ao público infantil senón tamén ao público adulto. O humor e a tenrura dos personaxes poñen de manifesto as contradicións e a hipocrisía da nosa sociedade. A dirección corre a cargo de Ánxeles Cuña e a escenografía e iluminación foron obra de Suso Díaz. Como actores participan Fernando Dacosta, Elena Seijo, Tito Asorey, Nate Borrajo e Sabela Gago.

Con esta obra a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que dirixe o nacionalista Antón Bao, abre a programación de teatro infantil do Auditorio Gustavo Freire. Segundo salientou Bao a pasada semana na presentación da nova programación do Auditorio Gustavo Freire para esta tempada, cando menos unha vez ao mes haberá teatro infantil no Auditorio. O obxectivo é crear o hábito tanto nos pequenos como nos pais de acudir ao Gustavo Freire a desfrutar deste tipo de representacións para toda a familia.

Política de prezos alcanzables

Antón Bao explicou tamén que a nova política de prezos do Concello para as actividades culturais será unha política de prezos alcanzables co obxectivo de popularizar a cultura e achegar a ela ao maior número de público posible. “Máis aínda na situación económica na que nos atopamos, hai que facilitar o acceso á cultura ás clases con máis dificultades económicas”, xustificou o responsable de Cultura.
 
Os prezos para Konrad custan 3 euros.