Imprimir

LUGO ACOLLERÁ DO DÍA 5 AO 14 DE FEBREIRO NO AUDITORIO GUSTAVO FREIRE CINCO OBRAS DE PRIMEIRO NIVEL NA XII MOSTRA DE TEATRO CLÁSICO


23/1/2012 As principais compañías galegas e estatais daranse cita nesta edición, que contará con música ao vivo e espectaculares escenografías nalgunhas das representacións

Macbeth, Shakesperare para Ignorantes, La Celestina, O incerto señor don Hamlet e Auto de la Sibila Casandra completan o cartel da edición deste ano

O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, destacou a rebaixa efectuada este ano no prezo das entradas, que custarán entre 4 e 10 euros, co obxectivo de “popularizar a cultura e facela accesible a todos os públicos”

As mellores compañías de teatro clásico volverán darse cita en Lugo no mes de febreiro na XII edición da Mostra de Teatro Clásico, que este ano abre o abano de xéneros e acollerá dende obras en formato clásico a montaxes máis contemporáneas sobre textos clásicos ou mesmo comedias de humor sobre personaxes coma Shakespeare. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá esta programación, que se estendera do 5 ao 14 de febreiro. As representacións serán ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Abrirá a mostra o domingo 5 a compañía vasca Ur Teatro, que porá en escena Macbeth, de William Shakespeare. Antón Bao destacou a espectacular montaxe desta obra, dirixida por Helena Pimenta, que ven de ser nomeada Directora do Centro Dramático español e que é a especialista máis destacada na obra de Shakespeare a nivel de todo o estado. Ademais, esta montaxe conta ademais coa peculiaridade de que a música corre a cargo do Coro de Voces Graves de Madrid, que interpretarán composicións da ópera de Verdi como ambientación musical da obra.

Ao día seguinte, o luns 6 e baixo a dirección de Quico Cadaval, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira interpretarán Shakespeare para Ignorantes, unha divertida comedia sobre o destacado escritor inglés que foi representada no principal certame de Teatro Clásico a nivel estatal, o Festival de Teatro Clásico de Almagro, obtendo un enorme éxito.

O mércores 8 será a quenda de La Celestina, un dos tres grandes mitos universais creados pola literatura española xunto ao Quixote e a Don Juan. A obra de Fernando de Rojas será posta en escena pola compañía Secuencia 3. Entre o reparto atópase Gemma Cuervo, unha das máis destacadas actrices españolas, no papel de Celestina.

O sábado 11 Lugo renderá homenaxe ao centenario de Cunqueiro representando unha das súas obras imprescindibles, O incerto señor don Hamlet, que porá en escena a compañía Sarabela Teatro. Baixo a dirección de Ánxeles Cuña, a compañía ourensá porá enriba do escenario o texto escrito polo autor de Mondoñedo, a última montaxe do destacado escenógrafo galego Suso Díaz, recentemente falecido.

Para rematar, o sábado 14 pechará a Mostra de Teatro Clásico de Lugo deste ano outra obra mestra, Auto de la Sibila Casandra, do autor portugués Gil Vicente, interpretada pola compañía Nao d’Amores, unha das mellores compañías de teatro clásico do estado español. Esta obra ten a particularidade de contar con ambientación musical en directo, con instrumentos de época ao vivo como viola de gamba, frautas ou clave. A obra de Gil Vicente foi a primeira obra de teatro na península que tratou abertamente un tema feminista: o dereito da muller a elixir libremente o seu destino.

Política de prezos alcanzables

Antón Bao explicou tamén que dentro da nova política de prezos do Concello para as actividades culturais optouse por rebaixar sensiblemente o prezo das entradas da Mostra de Teatro Clásico co obxectivo de popularizar a cultura e facela accesible a toda a poboación. Os prezos para as distintas representacións están entre os 4 e os 10 euros, con descontos para parados, estudantes e pensionistas. Tamén existen bonos con descontos para as 5 funcións. O tenente alcalde e responsable de Cultura destacou que un parado, un xubilado ou un estudante poderá asistir ás cinco representacións por tan só 20 euros, que era o prezo que o ano pasado custaba algunha das obras.

Outra das novidades da edición deste ano é que se habilita un novo punto de venda anticipada para as entradas e os bonos. Ademais de poder adquirirse a través de Internet, no portal de venda online de NovaGaliciaBanco, e unha hora antes do comezo de cada espectáculo na taquilla do propio Auditorio Municipal Gustavo Freire, tamén se poderán mercar anticipadamente na Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, a partir do día 4 en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.

Antón Bao tamén detallou, a preguntas dos xornalistas, o orzamento da Mostra de Teatro Clásico deste ano, que é de 50.000 euros. O tenente alcalde destacou o importante aforro conseguido con respecto á edición do ano pasado, de preto de 35.000 euros, grazas á boa xestión realizada e a un arduo traballo de negociación coas distintas compañías, “sen que esta importante redución supoña unha merma na calidade da Mostra”, destacou.