Imprimir

LUGO E OURENSE COLABORARÁN EN MATERIA CULTURAL E TURÍSTICA CON ACCIÓNS CONXUNTAS


24/1/2012 Os tenentes de alcalde de ámbalas dúas cidades, Antón Bao e Isabel Pérez, reuníronse hoxe en Lugo para perfilar posibles liñas de traballo en común para os vindeiros meses

A cidade de Lugo estará presente no Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar que se desenvolve na cidade de Ourense do 1 ao 5 de febreiro

As cidades de Lugo e Ourense desenvolverán accións conxuntas en materia cultural e turística co obxectivo de compartir custos e lograr deste xeito “un mellor aproveitamento dos fondos públicos dos que dispoñemos”. Os tenentes de alcalde de ámbalas dúas cidades, Antón Bao e Isabel Pérez, reuníronse esta mañá en Lugo para perfilar liñas de traballo en común para os vindeiros meses.

Segundo salientou o tenente alcalde de Lugo, o nacionalista Antón Bao, “trátase de aproveitarmos mutuamente as sinerxías que xeramos as dúas cidades”. Esta colaboración plasmarase, entre outras cuestións, na contratación conxunta de espectáculos ou na programación de eventos ou actividades que poidan ser compartidas polas dúas cidades. “Nós, por exemplo, estamos interesados en aprender do funcionamento de eventos como a Semana de Cinema de Ourense, que programa ciclos durante todo o ano, no camiño de establecermos tamén nós en Lugo unha programación estable de cinema non comercial durante todo o ano”, detallou Bao.

Antón Bao tamén se mostrou partidario de aproveitar a experiencia de Ourense en materias como o termalismo, e defendeu a necesidade de “ir da man con Ourense e con outras cidades galegas en proxectos de difusión turística”.

Lugo, protagonista no Salón Galego de Gastronomía e Turismo que se celebra en Ourense

A tenente de alcalde ourensá, Isabel Pérez, encomiou por exemplo as festas do San Froilán e mostrouse interesada na grande repercusión lograda por este evento. De feito, o San Froilán estará presente como Festa de Interese Turístico no Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2012 que se celebra en Expoourense do 1 ao 5 de febreiro. “O San Froilán é a festa gastronómica máis importante de todas cantas se celebran en Galiza e tiña que estar representada en Xantar”, indicou a tenente de alcalde de Ourense. Isabel Pérez participou esta mañá, xunto a Antón Bao, o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, na presentación desta feira, onde Lugo contará cun espazo destacado.

Xantar 2012 pretende poñer en valor a gastronomía como reclamo turístico de primeiro nivel. Este Salón da Gastronomía e o Turismo, que chega xa á súa XIII edición, marca o inicio do calendario das máis de 300 festas gastronómicas que hai en Galiza e prestará este ano especial atención a aquelas declaradas de Interese Turístico, entre as que está o San Froilán de Lugo.

Lugo contará cun stand propio e estará representada neste salón gastronómico polo restaurante Mesón de Alberto. O seu propietario, Alberto García, explicou esta mañá que acudirá a Ourense cun “menú degustación representativo da gastronomía de Lugo, pensado nos produtos que temos na provincia e onde non faltará o polbo nin os grelos”, anunciou.

MENÚ: FESTAS DE SAN FROILÁN - LUGO
- Crema de marisco con froitos de Galicia
- Polbo encebolado con pataca
- Grelos con marisco
- Carrilleira de porco estufada con arroz de boletus
- Torta de Santiago con redución de viño doce e xeado de mandarina
Pan e Viño D.O. Ribeira Sacra branco Regina Viarum e tinto Vía Romana

Na 13ª edición de Xantar participan un total de 19 restaurantes, o 58% dos cales son galegos, aínda que hai lugar tamén para as comunidades autónomas invitadas e para varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Azores, que será a convidada especial deste ano. En total, ofrécense máis de 30 menús, entre os 12 e os 32 euros, baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade. O xerente de Expoourense, Alejandro Rubín, destacou esta mañá que o turismo gastronómico atraeu a seis millóns de visitantes o pasado ano ao estado español.

Produtos de Lugo nas etapas da Vuelta Ciclista

Antón Bao defendeu que “a gastronomía debe ser un dos piares do despegue turístico de Lugo” e anunciou que o Concello está traballando xa coa Asociación de Empresarios de Hostalaría nun “proxecto de embergadura para colocar a gastronomía de Lugo no primeiro nivel do panorama estatal”. Bao, que non quixo dar máis detalles sobre esta iniciativa, indicou que neste momento se están a dar os primeiros pasos buscando a complicidade doutras Administracións.

O presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría, Cheché Real, avanzou pola súa banda que hai outras iniciativas en marcha, entre outras a que posibilitará que en todas as saídas e chegadas da Vuelta Ciclista ao seu paso por Galiza estean presentes produtos da provincia de Lugo.