Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta de Goberno Local aproba o prego de cláusulas para a contratación da cafetería do Parque Rosalía de Castro


# Mércores, 25/01/2012
A concelleira Paz Abraira anuncia a convocatoria para o vindeiro martes da Comisión de Seguimento da Axenda 21 co obxectivo de reactivar a principal ferramenta medioambiental e de participación cidadá do Concello de Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, ademais dos asuntos ordinarios como son a aprobación de licenzas, tamén se aprobou o prego de cláusulas para a contratación da explotación da cafetería-restaurante do edificio mirador do Parque Rosalía de Castro, como avanzou Lino González Dopeso.

O Concelleiro de Medio Ambiente explicou que será a través dun procedemento aberto e no que o canon a pagar polo adxudicatario será dun mínimo de 1.500 euros mensuais con IVE incluído e o adxudicatario deberá dotar á cafetería-restaurante do equipamento necesario para desenvolver a actividade diaria. No contrato establécese un mínimo de 5 anos con posibilidade de prórroga a outros cinco anos máis e cun horario mínimo de entre as 9 e as 22 horas durante todo o ano. Un dos aspectos máis destacados é que deberá ofrecer na súa carte menú do día ademais de produtos ecolóxicos e un menú adaptado a persoas celíacas.

González Dopeso salientou que “se estivo traballando para facer posible que o parque de Rosalía teña unha cafetería- restaurante como se merece ao tratarse dunha das zonas máis importantes da cidade”.

Lograr unha cidade máis humana e habitable
Pola súa banda, a concelleira Paz Abraira informou de que a vindeira semana se reunirá a Comisión de Seguimento e Avaliación da Axenda 21, co obxectivo de “reactivar” a principal ferramenta medioambiental e de participación cidadá coa que conta o Concello de Lugo. A concelleira nacionalista, que ten entre as súas responsabilidades de Goberno a área de Infraestruturas e Axenda 21, explicou que esta xuntanza está prevista para o vindeiro martes. A ela acudirán representantes de todos os partidos políticos.

O obxectivo, dixo, é que no mes de febreiro se celebre unha reunión do Foro da Axenda 21, aberta á participación de todos os cidadáns e asociacións que o desexen, co obxectivo de “actualizar” as medidas incluídas neste documento, elaborado no ano 2007. A este traballo sumaríanse tamén técnicos das distintas áreas do Concello vinculados aos departamentos de medio ambiente, obras, mobilidade ou participación cidadá.

Paz Abraira insistiu en que un dos obxectivos do seu departamento para esta lexislatura é a posta en marcha da Axenda 21 para lograr unha cidade “máis humana e habitable na que sexa máis cómodo vivir”, dixo, a través dun proceso de “humanización” das rúas e as prazas da cidade.

O Plano de Acción da Axenda 21, aprobado no ano 2007, recolle unha serie de medidas en materia ambiental, social, económica e turística para o Concello de Lugo baseadas no criterio da sustentabilidade. Unha das eivas detectadas, e que esta mañá puxo sobre a mesa a concelleira Paz Abraira, é que nos últimos anos puxéronse en marcha “accións illadas vinculadas coa Axenda 21 pero sen lle dar o contido transversal e coordenado que debe ter en todas as políticas municipais”, explicou.

Outro dos problemas aos que hai que buscar solución, dixo Paz Abraira, é o do financiamento. Buscaranse, anunciou, liñas de axuda europeas para implementar estas políticas.

www.lugo.es/ws/axenda21

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova