Imprimir

A FEDERACIÓN POLA IGUALDADE GUADALHORCE EQUILIBRA TOMA COMO EXEMPLO O TRABALLO DOS CENTROS DE DINAMIZACIÓN NO RURAL DE LUGO


25/1/2012 López Orozco e Basadre explicáronlles aos visitantes como se traballa pola igualdade na zona rural e o importante papel do cooperativismo

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, recibiron a visita de membros da Federación de Asociaciones por la Igualdad de Género de Guadalhorce e de Fademur (Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales). O motivo desta visita é coñecer a experiencia de creación de cooperativas de servizos de proximidade como a que se creou entorno ao Centro de Dinamización Rural da parroquia de Coeses.

López Orozco destacou que “ dende o Concello de Lugo se traballa para a introdución
da muller rural no mercado laboral e estamos estudando como o CEI-Nodus pode crear unha sección específica para a muller rural a través da gandaría e agricultura ecolóxica.”

No mesmo sentido, Carmen Basadre, destacou que “esta visita é moi importante porque o que necesitamos en Lugo é que se cree unha cooperativa cos Centros de Dinamización no Rural que en estes momentos están a desenvolver actividades diarias nas súas parroquias”. Desta maneira, “entre os catro centros, Coeses, Bóveda, San Xoán do Campo e Calde, que ofrecen actividades diarias poderíase crear unha cooperativa que pode prestar servizos en toda a zona rural con menor inversión económica e creando postos de traballo” segundo comentou a Concelleira de Benestar Social.

Pola súa parte, a representante da Federación de Guadalhorce Equilibra, Concepción Alarcón, explicou que están levando a cabo un proxecto cofinanciado pola Unión Europea e a Junta de Andalucía, para atopar novas áreas de emprego que se poidan trasladar a súa zona. Alarcón incidiu en que “viñemos a Lugo a aprender de boas prácticas en materia de muller no rural para poder trasladalas a nosa comarca xa que temos dúas grandes liñas de traballo, unha é a Escola de Empoderamento Feminino e outra a busca de experiencia noutras zonas en materia de cooperativas”. A Federación Guadalhorce está levando a cabo un proxecto chamado Liderando Emprego a través do cal están coñecendo diferentes experiencias de creación de emprego noutros territorios, entre eles o Concello de Lugo, para trasladar esas propostas a Andalucía.