Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello expresa o seu pesar polo falecemento de José Novo Freire, primeiro alcalde de Lugo na democracia


# Venres, 27/01/2012
A Xunta de portavoces celebrou unha reunión urxente e acordou expresar as súas condolencias á familia de Novo Freire, que foi Alcalde de Lugo entre os anos 1979 e 1983

O Concello declara dous días de loito oficial e a bandeira da cidade ondeará a media asta en sinal de loito polo falecemento do primeiro alcalde democrático

O Concello expresa o seu pesar polo falecemento de José Novo Freire, o primeiro Alcalde da cidade que foi elixido polos cidadáns de Lugo no actual período democrático. José Novo Freire foi Alcalde da cidade entre os anos 1979 e 1983.

A Xunta de Portavoces do Concello celebrou unha reunión urxente esta mañá na que acordou amosar as súas condolencias á familia de Novo Freire. Tamén decidiu decretar dous días de loito oficial polo que a bandeira da cidade ondeará a media asta hoxe e mañá, como testemuña de pesar polo pasamento do que foi primeiro Alcalde elixido polos veciños de Lugo no actual período democrático.

Ademais, na próxima sesión plenaria tomarase o acordo de testemuñar o sentimento de pesar da Corporación Municipal polo pasamento do Novo Freire.

O Alcalde, José López Orozco, fixo pública unha declaración con motivo do pasamento do primeiro rexedor democrático que tivo a cidade neste período democrático:

“Novo Freire significou para a cidade un cambio democrático moi importante. Foi un home que soubo conciliar as distintas posicións que había no Concello naquel momento e gobernar cas ideas de todos, ata lograr ese cambio democrático tan importante.

Era un home moi querido polos membros da Corporación, polos funcionarios e tamén por toda a xente de Lugo, xa que polo seu despacho pasaron moitas persoas e sempre atoparon nel un fiel servidor das leis e da defensa dos intereses da xente que máis o necesitaba. Que descanse en paz, é un exemplo para mín, como Alcalde, pero tamén para todos os cidadáns”.

Datos biográficos

José Novo Freire naceu o 25 de outubro de 1928 en A Coruña. Cando tiña só oito meses a súa familia trasladouse á cidade de Lugo. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago e exerceu como avogado. Entre 1971 e 1979 foi Director Diocesano de Cáritas.

Nas primeiras Eleccións Municipais do actual período democrático presentouse encabezando a candidatura da Unión de Centro Democrático que resultou a lista máis votada polo que foi elixido Alcalde, cargo que desempeñou durante 33 días, xa que as Eleccións foron anuladas trala presentación dun recurso contencioso-administrativo. Trala repetición das Eleccións, volveu ser elixido Alcalde e estivo á fronte do Concello de Lugo ata 1983.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova