Imprimir

MAÑÁ REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR PRAZA NO PROGRAMA EUROPEO LUGOQUALITAS


30/1/2012 Este ano os participantes poden escoller entre 13 prazas para Florencia, 12 para Belfast ou 5 para Hamburgo

Dende a Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, infórmase que mañá martes 31 de xaneiro remata o prazo para solicitar unha das 30 prazas que se ofrecen na nova edición do programa europeo de formación Lugoqualitas. Este é un proxecto do Concello de Lugo, pertencente ao programa Leonardo da Vinci de aprendizaxe permanente, que ten como obxectivo que recén titulados universitarios e de formación profesional realicen prácticas en empresas de Alemaña, Italia e Reino Unido.

Este ano convócanse 30 becas para 13 estancias en Florencia (Italia), 12 para estancias en Belfast (Reino Unido) e 5 en Hamburgo (Alemania). As estancias durarán 12 semanas, das cales as 3 primeiras estarán dedicadas a un curso intensivo da lingua do país e as 9 restantes á realización de prácticas en empresas dos sectores nos que os participantes realizaran os seus estudos.

As becas para a realización de prácticas, baseándose nas condicións establecidas polo Programa Leonardo da Vinci, consistirán en custes de viaxe, desprazamentos ata o lugar de destino, seguro de asistencia en viaxe, custes de preparación lingüística, tutorización das prácticas nas empresas, búsqueda das empresas onde se realizarán as prácticas, xestión dos certificados oficiais e unha dotación económica de 400 euros. As bases da convocatoria estarán dispoñibles nas webs. www.lugo.es/espazolab e www.lugo.es/europedirect .

Esther Muñoz animou “aos mozos e mozas de Lugo para que presenten a solicitude a estas becas xa que se trata dunha oportunidade para coñecer outros mundos laborais e abrir novas expectativas laborais”.